A CIG SI ESTIVO !!!
O Comité de empresa e a Xunta de
Persoal do Correos da provincia da Coruña mobilizáronse este mércores, 26 de
setembro, para esixir igualdade de condicións para todo o
persoal da compañía postal. Denuncian que, a pesar de existiren procesos e
órganos de control, no día a día, tanto nas contratacións de persoal como nas
promocións e o acceso aos postos mellor considerados, "falta
transparencia, obxectividade e información de maneira que se favorece a uns
traballadores/as sobre outros/as".
"Para unhas persoas os
postos e as prazas están dispoñíbeis, pero para outras non", denuncian o Comité
e a Xunta de Persoal nun escrito que
veñen de remitir ao director de zona para esixir o remate dunhas prácticas que
consideran "opacas e escurantistas". No escrito, os órganos de
representación fan referencia a varias situacións e exemplos nas que se teñen
detectado situacións de trato inxustas. Así, danse casos de traballadores/as
que por motivos de enfermidade non poden realizar as súas labores habituais,
pero que á hora de acceder a un posto provisional compatíbel co seu estado de
saúde "non teñen as mesmas facilidades que outro persoal".
Subxectividade nas avaliacións
A representación social advirte
tamén que non se lle está a informar sobre as avaliacións do desempeño do
persoal, que son realizadas por unha única persoa seguindo interpretacións
subxectivas. Unha avaliación negativa ten para un empregado ou empregada
consecuencias moi graves, xa que pode supor que decaia das listas das bolsas de
contratación e mesmo imposibilitar que se presente ás oposición de Correos.
"Como non nos trasladan ningunha información, existen serias dúbidas a
respecto de que estas avaliacións non supoñan un agravio para aquelas
traballadoras e traballadores con menor afinidade coa persoa responsábel da
avaliación, en favor doutras", sinalan.
Arbitrariedade na cobertura dos postos temporais
En Correos, as coberturas
temporais de postos realízanse a través das bolsas de emprego e, segundo o
convenio colectivo, asígnanse primeiro os mellores contratos e de xeito rotatorio
entre as persoas que figuran nesas listas. Ademais, as comunicacións téñense
que realizar de maneira que quede constancia. "Mais na práctica non temos
constancia de cando se xera a necesidade de cada contrato, as rotacións das
bolsas son tan complexas que é imposíbel identificar por que se adxudica ou
exclúe a un aspirante e a maioría das comunicacións fanse por teléfono e non
quedan rexistradas nin se informa delas", subliñan.
A maiores, engaden, cando as
bolsas non son suficientemente amplas e se esgotan as persoas inscritas
"directamente deixan de existir criterios para o chamamento e recórrese a
persoas 'idóneas', que nalgúns casos é alguén próximo por parentesco ou
afinidade a un xefe ou persoa con responsabilidade", alerta a
representación social.
Esta arbitrariedade tamén se dá
na distribución das cargas de traballo cando hai picos de actividade ou cando
falta persoal. "Con excesiva frecuencia vemos como as labores máis
custosas recaen sobre o persoal eventual, que é o máis indefenso, e que se ve
na obriga de sacar adiante os traballos máis duros, excedendo a súa xornada e
coa presión de non provocar o descontento do/a xefe/a e unha posíbel avaliación
negativa do desempeño".
Tampouco as promocións do persoal
fixo son alleas a estas prácticas, pois na maioría dos casos os mandos
intermedios e xefaturas de equipo noméanse polo sistema de libre designación en
lugar de por un concurso de méritos que permitiría avaliar criterios como
antigüidade, competencias, coñecementos ou formación.
Diante desta situación, o Comité de empresa e a Xunta de
Persoal solicítanlle ao director de zona que se remate con estas prácticas
opacas e de corte subxectivo para garantir un trato igualitario e xusto para
todos os traballadores traballadoras de Correos; así como se dea traslado aos
órganos de representación do persoal de toda canta información sexa precisa
"para facer as labores propias de control".