14 de maio de 2024
Onde está a suba pola achega de vehículos para o persoal rural?
29 de feb. de 2024
Traballadores e traballadoras de Correos da unidade do Polígono da Costa Vella (Compostela) mobilízase polo pago das retribucións pendentes
Desde o pasado mes de xullo, o Goberno acordou subir a indemnización por aportación de vehículo dende os 0.19 cts até 0.26 cts. Porén, malia o tempo transcorrido, Correos nin actualizou este concepto nas nóminas do persoal afectado, nin tampouco pagou os atrasos desde xullo, o que supón un quebranto económico moi importante para a economía deste colectivo.
O persoal considera, en todo caso, que o incremento “é insuficiente e non chega para o mantemento do vehículo e telo a disposición de Correos para facer o reparto no ámbito rural, xa que esta suba non absorbe o custo real do mantemento do vehículo”.
Lembran que no ano 2005, despois de varias mobilizacións de CIG-Correos, incluído un peche de 15 días nas dependencias de Correos na rúa do Franco, conseguírase un aumento para este colectivo de Correos de 0.19 cts a 0.23 cts por km.
Porén, logo da suba aprobada polo Goberno, Correos e os sindicatos asinantes do actual convenio colectivo ( CCOO,UGT, CSIF e Sindicato Libre) acordaron non facer extensiva esta suba adicional ao persoal de Correos.
Por iso denuncian que están a sufrir unha perda, porque quedou o incremento igual que no resto da función pública, cando “é unha realidade palpábel que o desgaste que sofren os vehículos no ámbito rural facendo o reparto de correspondencia é moito maior, con moitas mais avarías e cun maior consumo debido tanto ao estado das vías de comunicación, como ás múltiples paradas e arrincadas que teñen que facer para servir a todas as vivendas e usuarios da zona rural”.
Vehículos entregados por Correos
Asemade, denuncian que hai moitos traballadores e traballadoras que levan agardando máis de 2 anos por vehículos aportados por Correos para o ámbito rural e non ter que aportar eles o seu propio vehículo.
A pesar da insistencia da CIG-Correos para que se entreguen canto antes os vehículos a todas e todos aqueles traballadores que así o desexan, aseguran que “Correos fai oídos xordos e non atende a maioría das peticións”, polo que o cadro de persoal ten que seguir soportando a perda de cartos cada mes por ter que aportar o seu propio vehículo, xa que a cantidade que paga non compensa para o consumo e o mantemento do vehículo ( rodas, aceites, seguros).
23 de dec. de 2022
A CIG Reclama ao Presidente de Correos e á Presidenta da SEPI que se manteña a bonificación dos 20 céntimos de euro no Prezo do Combustible ao Persoal Rural
29 de xuño de 2022
A CIG-Correos mobilízase pola actualización do suplemento por achega de vehículo para o persoal rural
Desenvolveu unha protesta en Pontevedra para denunciar recortes de dereitos e servizos en Galiza
Pontevedra -
Delegados/as sindicais da CIG en Correos desenvolveron hoxe unha mobilización en Pontevedra para reclamar a actualización do suplemento por achega de vehículo propio para o persoal rural e denunciar os recortes de dereitos laborais e de servizos que o organismo estatal está a aplicar en Galiza.

Dende a central sindical sinalan que os carteiros/as rurais están a perder cartos co reparto do correo, xa que o suplemento que paga o organismo estatal por achega de vehículo está conxelado dende 2011 “e o carburante vai camiño dos tres euros por litro”. Por iso consideran urxente que Correos convoque as organizacións sindicais para abordar unha suba compensatoria para un persoal que xa ten os salarios devaluados polo incremento dos prezos. “Os traballadores/as públicos/as acumulan unha perda dun 17% de poder adquisitivo nos últimos 10 anos”, lembran.
Dende a CIG-Correos denuncian tamén que o rexistro de Santiago foi suprimido dende o día un de maio, cando era o último que quedaba en Galiza. O rexistro é un canle de comunicación entre empresa e traballadores/as, polo que agora calquera empregado/a que queira dirixirse ou tramitar de forma oficial calquera solicitude deberá gastarse os cartos nun envío por procedemento administrativo. “O peche do rexistro crea unha discriminación entre os traballadores/as en Galiza co respecto a os doutras comunidades autónomas onde si hai rexistro”, critican.
Ao mesmo tempo, advirten sobre o recorte de servizos por falta de contratación de persoal, que se verá agravada este verán. A empresa escudase na baixada do volume de traballo e tamén na dificultade de realizar contratos coa reforma laboral. “Estas son as escusas para non cubrir as prazas vacantes, nin contratar por baixas, vacacións ou por calquera outra circunstancia”.
Isto está a provocar que haxa barrios sen repartir e que os carteiros/as teñan que “multiplicarse” por varias seccións de reparto coa conseguinte mingua na calidade do servizo. “Correos gasta centos de miles de euros en propaganda duns servizos de banca, pago de tributos ou venda de produtos que logo non se poderán realizar por falta de persoal, e nalgúns casos tamén por falta de produtos nas oficinas”.

O precario mantemento na flota de vehículos de Correos (rodas gastadas, pantallas das motos raiadas, limpa parabrisas en mal estado, etc) é outra eiva moi grave que están a sufrir diariamente os traballadores/as de Correos. Neste senso, cabe destacar o mal funcionamento dos sistemas informáticos nas oficinas e no reparto (PDA) que se bloquean acotío, xerando colas e queixas das persoas usuarias destes servizos.
Outro problema grave da empresa é o exceso de xefaturas, xa que cada vez son máis en comparación ao número de postos base; recentemente nomearon outros 1000 postos de xefatura, co que se sitúan xa en preto de 10.000.
En canto ás retribucións económicas, o colectivo de traballadores/as de Correos tamén sufre unha considerable perda de poder adquisitivo acumulada neste caso dende o ano 2011, con conxelacións salariais e subas por debaixo do IPC, ademais das penalizacións e os descontos polas baixas ao persoal laboral. A isto hai que sumar a falta de transparencia nas bolsas de contratación, pois non son accesíbeis para os candidatos/as que as compoñen, impedindo así o control das mesmas ou posíbeis chamamentos indebidos.
“Os traballadores/as de Correos en Galiza están fartos/as de tanta presión e de esixencias de obxectivos de venda. Queren poder traballar en condicións dignas e esixen a equiparación de dereitos co resto do persoal da Administración xeral e un catalogo de enfermidades profesionais”, sinalan dende a central sindical.
Por todo isto, delegados/as sindicais da CIG en Correos desenvolveron esta mañá unha concentración diante do edificio do organismo público situado na rúa da Oliva, 19, onde despregaron varias faixas e berraron consignas reclamando solucións á súas problemáticas laborais.


