Amosando publicacións coa etiqueta CIG Admon. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CIG Admon. Amosar todas as publicacións

5 de abr. de 2018

Máis de 2 Millóns de euros anuais por xestionar fondos de pensións. O que cobran os asinantes do Acordo de Madrid


Acordo de Madrid non foi de balde. Tanto CCOO e UGT como CSIF (estes últimos polo que aquí comentamos) van cobrar por ter asinado un acordo lesivo. Alguén pode pensar que o de cobrar é un recurso retórico que empregamos, pero non... cobran en moeda de curso legal, en euros vamos, aínda que metaforicamente poderían ser as 30 moedas de prata de Xudas.

CCOO e UGT que teoricamente defenden o sistema público de pensións, non dubidan en negociar fondos de pensións privados onde os traballadores PAGAN AOS ASINANTES comisións por reterlles parte do seu salario. Isto, ademais dun roubo e dunha indecencia, chámase fomentar sistemas de pensións de carácter privado.
CCOO e UGT obteñen así beneficios de múltiples fondos de pensións de empresas privadas e de administracións públicas, xestionados a través da empresa EGFP S.A. participada por eles.
Centrándonos só no de maior contía, que é o da Administración Xeral do Estado, vemos que este fondo se nutre con aportacións que se detraen da suba salarial e que nos últimos anos estaban suspendidas a maior parte delas a raíz dos recortes practicados polos sucesivos gobernos, pero co acordo asinado vai poder ter novas aportacións con esa porcentaxe de fondos adicionais que din que serven para subirnos o soldo pero que no caso do Estado van pasar a engordar ese fondo de pensións e non van ser salario directo.

En que se benefician CCOO e UGT?

Pois en que a entidade xestora dese fondo de pensións que ten unha conta de posición cun saldo de máis de 600 millóns de euros é Gestora de Previsión y Pensiones EGFP S.A. participada nun 60% polo BBVA e nun 20% por CCOO e 20% por UGT, e por iso cobran dividendos e comisións pola xestión.
Foi a propia promotora do plan de pensións dos empregados/as do Estado, onde están representadas CCOO e UGT a que contratou a EGFP. S.A. que ten como accionistas a CCOO e UGT.

Pero isto é un escándalo! e como a comisión promotra do plan de pensións non evitou esta autocontratación por parte de CCOO e UGT?

Alguén poderá pensar que isto de autocontratarse é un escándalo e que aquí deberían entrar en xogo as causas de abstención e recusación da Lei 40/2015 en todo o seu esplendor ao ter CCOO e UGT máis que interese nese asunto. Pois parece que non, porque a Avogacía do Estado ao considerar que a comisión promotora non é un órgano da Administración, nin sequera un órgano colexiado con participación social, pode facer contratos de natureza privada. De aí que a comisión promotora, na que están CCOO e UGT, previo acordo asinado coa Administración, por CCOO e UGT, decida contratar a xestión do fondo a unha entidade participada por CCOO e UGT.
CCOO e UGT, que grandes, que cintura, que fenómenos!! Nin Camps, nin Cifuentes, nin o Duque de Palma!!

De que contías falamos?

A entidade xestora cobra unha serie de comisións que no ano 2016, o último do que hai datos, e só no caso do fondo de pensións do Estado, supuxeron 2.341.519,19 euros, como se pode ver na conta de perdas e ganancias na páxina 4 das contas anuais do ano 2016. E isto cun fondo coas aportacións practicamente conxeladas pero do que veñen cobrando dende o 2004.
Como podedes ver na propia páxina do Plan de Pensións da Administración Xeral do Estado, a entidade xestora cobra sobre a conta de posición un 0,25% anual pola administración do plan e un 0,05% anual, pola xestión financeira, máis unhas comisións a maiores que poden chegar ao 5% sobre a rendibilidade do plan.
En definitiva máis de 2 millóns de euros que saen anualmente dos salarios dos empregados/as públicos/as da AXE e que van parar ao peto de CCOO e UGT.

Dispoñen dos salarios dos/as empregados/as públicos/as para facer caixa

E como cobran porcentualmente, eses 2.000.000 de euros pódense incrementar se aumenta a conta de posición, polo que non hai que ser Einstein para deducir que os principais interesados en que os cartos dos salarios dos/as empregados/as públicos/as vaian a parar a ese fondo son os membros da entidade xestora, que ademais son quen negocian o acordo salarial, neste caso CCOO e UGT. De aí que habilitaran eses fondos adicionais dentro do acordo para poder seguir engordando ese plan de pensións que lles da beneficios, en vez de destinar esa porcentaxe a un incremento salarial directo.


3 de abr. de 2018

5 millóns de euros en 3 anos destinados a formar delegados/as sindicais. Isto é o que cobrarán os sindicatos asinantes do Acordo da suba do 6.12% na Administración Pública


Cando na Mesa Xeral das Administracións Públicas de Madrid de marzo nos puxeron diante o Acordo de mellora do emprego público e condicións de traballo xa previamente negociado ás agachadas e asinado por CCOO, UGT e CSIF para que o subscribíramos, dixemos NON polas razóns que expuxemos en duas notas informativas: 1) Acordo de Madrid: nin recuperación salarial, nin 35 horas, nin fin dos descontos por IT. Que nos queren vender? e 2) Si unha equipa galega gaña a liga, ou por que dificilmente cobraremos a suba pactada
Pero había outro punto na Orde do día da Mesa Xeral: aprobar unha serie de modificacións do Acordo AFEDAP, de formación das persoas empregadas públicas.
Este presentaba no seu articulado unha novidade a salientar: todo un capítulo destinado ao financiamento de accións formativas dirixidas a delegados/as e cadros sindicais no sector público. Mesmo incluían a quenes nin sequera tivesen a condición de empregados/as públicos/as. isto último finalmente retirado xa que sendo manifestamente ilegal tiña incluso o informe negativo da Avogacía do Estado, pero danos idea de ata onde querían chegar.
No texto do Acordo aparece o seguinte: “No seo do grupo de traballo do Acordo de mellora de emprego do 2017 “..accederase ás accións formativas dirixidas á capacitación para o desenvolvemento das funcións relacionadas coa negociación colectiva e o diálogo social”. Así de barroca a redacción para que se entenda canto menos mellor.
Na Mesa preguntamos directamente á Secretaria de Estado de Facenda pola contía que ían destinar ao financiamento de formar delegados/as sindicais, xa que ese dato non formaba parte da documentación entregada. A Secretaria de Estado afirmou que sería superior aos 5 millóns de euros, o que implica que un 9% do total dos 58 millóns de euros dos plans de formación serían para formar a cadros sindicais.
Dende a CIG amosamos a nosa disconformidade con este apartado do AFEDAP, que só foi compartida polo sindicato vasco ELA, ao entender que a formación interna dos delegados e delegadas sindicais debe ser sufragada cos fondos propios das organizacións sindicais e non co detraído para a formación dos/das empregados/as públicos/as e que os cartos de formación deben destinarse na súa integridade a formar a todos os traballadores e traballadoras públicas, reforzando a formación continua.
Recapitulando,
  1. Formar a delegados/as sindicais NON É FORMACIÓN AS/OS EMPREGADAS/OS PÚBLICAS/OS.
  2. Os 5.000.000 de euros non saen da Administración senón DAS NOSAS PROPIAS NÓMINAS como persoas empregadas públicas.
Todo isto, ademais de algo moi feo é unha estafa aos traballadores/as e por iso, e como había que coller o lote completo, pois non aceptaron a petición da CIG de retirar este turbio asunto do Acordo de Formación, NEGÁMONOS a asinar esa modificación que é un NEGOCIO REDONDO para CCOO, UGT e CSIF que son os sindicatos que non tiveron reparo en asinar.
Novas Relacionadas

14 de mar. de 2018

A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) non subscribirá o acordo entre o Ministerio de Facenda e as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF



Entendemos que este acordo só sería de aplicación ao persoal funcionario polo que quedaría fóra da subida salarial o persoal laboral de Correos.

A suba salarial no sector público só permite recuperar o 0,48% anual, até 2020, do poder adquisitivo perdido

O persoal das Administracións tardaría 28 anos en restablecer o recortado nos últimos oito anos.

A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) non subscribirá o acordo entre o Ministerio de Facenda e as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF, nin polo fondo, nin polas formas. Denunciamos a pretensión de desvincular os salarios do persoal das Administracións públicas do IPC; que ese acordo só permitiría recuperar un 0,48% anual do poder adquisitivo perdido até 2020 e que, de se manteren os criterios marcados, o persoal das administracións públicas tardarían 28 anos en recuperar o que foi recortado nos últimos 8 anos. Rexeita ademais que se pactara, como en ocasións anteriores, fóra das mesas de negociación.

22 de set. de 2017

A CIG non asinará acordos que non garantan a recuperación de dereitos laborais do persoal público A Mesa de Negociación das Administracións Públicas foi adiada até a próxima semana



A Mesa Xeral de Negociación das Administracións Públicas, convocada este xoves para aprobar as cuestións relativas a condicións laborais e salariais dos empregados/as públicos/as -para a súa inclusión nos Orzamentos Xerais do Estado de 2018-, quedou adiada para a semana que vén malia o Goberno do PP ter avanzados acordos con CCOO, UGT e CSIF á marxe do organismo. Dende a CIG xa adiantaron que non asinarán ningunha proposta que non contemple a recuperación dos dereitos que lle foron arrebatados ao funcionariado dende 2010.
Na Mesa, as organizacións sindicais recibiron como xustificación deste atraso que cunha semana máis se pode seguir mellorando o acordo. Ademais entregouse un novo documento e convidouse aos sindicatos con representación na mesma a estudalo e presentar propostas.
Con todo, a Área Pública da CIG xa manifestou a súa decisión de non apoiar ningún acordo que non contemple a derrogación dos Decretos-Lei impostos ao persoal das Administracións públicas desde o ano 2010, entre outros: RD-Lei 8/2010, polo que se adoptan medidas extraordinarias para a redución do déficit público; RD-Lei 20/2011, de medidas urxentes en materia orzamentaria e tributaria para a corrección do déficit público; e RD-Lei 20/2012, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade.
Isto xunto con todos aqueles impostos polo Goberno español relativos a reformas laborais, reforma da negociación colectiva, modificacións das pensións e demais recortes das condicións laborais e salariais que afectan ao conxunto da clase traballadora.
A Área Pública da CIG exixe tamén a restitución de todos os dereitos laborais e salariais (horarios, pagas extras, salarios, 100% do salario en situación de IT, fondo social, etc) que lle foron arrebatados ao persoal empregado público desde o ano 2010.

5 de ago. de 2015

Área Pública da CIG denuncia que os Orzamentos do Estado para 2016 "nin recuperan os dereitos roubados nin o emprego destruído"

Para Área Pública da CIG (Ensino, Saúde e Administración) a proposta trasladada polo ministro de incremento salarial do 1% para o vindeiro ano resulta unha medida "electoralista" e "unha esmola" tras anos de perdas de dereitos e salarios. Neste senso, lembran que as políticas salariais até o  ano 2015, conlevaron que a perda do poder adquisitivo dos/as traballadores/as das administracións públicas galegas se elevase a máis do 30% dende o ano 2010. 

A paga extraordinaria, por etapas
En canto ás pagas extraordinarias, o goberno do PP ten previsto abonar no mes de setembro deste ano outro 25% da paga de 2012, mais as empregadas e empregados públicos terán que agardar até o próximo ano para percibir o 50% da cantidade restante. Porén este pago tan só está garantido para o persoal da administración xeral do Estado e, segundo as informacións do ministro, as demais institucións abonarán as cantidades adebedadas "en canto lles sexa posíbel". 

Taxa de cobertura insuficiente
No apartado das taxas de reposición, Montoro explicou que a taxa de cobertura será do 100% nos servizos básicos (saúde, ensino ou forzas de seguranza), mais quedará limitada ao 50% no resto dos servizos das administracións. 


18 de dec. de 2013

Delegados/as de todos os sectores da administración pública concéntranse ante o Parlamento de Galiza contra as políticas do PP

Delegados e delegadas de todos os sectores da administración pública e de todas as organizacións sindicais concentráronse este martes diante do Parlamento de Galiza contra as políticas contiuístas do Partido Popular tanto no goberno central, como na Xunta de Galiza. A mobilización, convocada pola Plataforma Galega en Defensa dos Servizos Públicos, coincidiu co pleno do Parlamento no que se aprobaron os orzamentos da Xunta para 2014.

Durante a protesta, e tras un tempo concentradas/so, saíron en manifestación rodeando o Pazo do Hórreo, pero aínda que cursaran os permisos pertinentes na Delegación do Goberno, tiveron que facelo pola beirarrúa na maior parte do traxecto por orde dos efectivos policiais que acordonaban os accesos á sede parlamentaria.
Ao remate da mobilización deuse lectura a un manifesto no que se denuncia que as políticas que se veñen aplicando desde o ano 2009 están a provocar a desaparición dos servizos públicos e agravan aínda máis a profunda crise económica na que nos atopamos inmersos “precarizando as condicións laborais dos seus/súas traballadores/as e provocando máis paro no sector público”.
Acusaron ao PP de aumentar a carga de traballo coa non reposición de profesionais co único obxectivo de eliminar o sector público facendo desaparecer servizos públicos e manifestaron a súa máis rotunda oposición á taxa cero de reposición, á conxelación salarial e ao recorte das pagas extra.
Do mesmo xeito proclamaron o seu rexeitamento á privatización dos servizos públicos; ao incremento da xornada laboral; aos descontos por baixas médicas; á destrución de emprego público e á desaparición dos servizos públicos.
Fronte a isto demandaron o fomento de emprego público estable e de calidade; reclamaron a recuperación do poder adquisitivo perdido e das pagas extras íntegras e exixiron a recuperación de todos os dereitos laborais.
Responsabilizaron á administración de ser a salvagarda dos servizos públicos e dos seus traballadores e traballadoras. “Esa responsabilidade tamén a ten o grupo parlamentar do PP no Parlamento de Galiza e no Parlamento Español, como responsábel último da aprobación de todas estas medidas”, denunciaron.
Galeria de imaxes prema AQUI

17 de set. de 2013

A CIG reclama a recuperación do poder adquisitivo e a reposición completa da paga extraordinaria das e dos empregados públicos

O Presidente da Xunta ten a valentía de adiantar que a nivel do estado o goberno manterá a conxelación dos salarios. Unha medida á que a central sindical se oporá.
Neste senso, cando se convoque á representación social ás mesas de negociación para os Orzamentos Xerais do Estado e os Orzamentos da Xunta, dende a Área Pública da CIG reclamarase, novamente, a recuperación do poder adquisitivo do conxunto dos traballadores/as públicos/as cando menos dende o ano 2010.
A Área Pública da CIG, á vista das políticas continuístas de recortes adiantadas nos medios, reitera a súa oposición á imposición das taxas de reposición do 0%, á conxelación de ofertas de emprego públicas, amortizacións de vacantes, á non cobertura de prazas vacantes e á non regularización de prazas estruturais necesarias para a administración en todos os seus ámbitos (ensino, saúde, servizos sociais, etc.).
A central sindical reclama a recuperación  de todos os dereitos adquiridos ao longo destes anos polos traballadores/as das administracións públicas, denunciando e avisando que o mantemento destas políticas neoliberais no ámbito público, suporán un afondamento na destrución, deterioro e eliminación dos servizos públicos nos momentos nos que, precisamente, deberían ser potenciados.
Sendo conscientes do deterioro e desaparición que xa padecemos en servizos esenciais como saúde, ensino, universidades, servizos sociais básicos, Correos,etc., a continuidade destas medidas concluirá o proceso acelerado de privatización e afondará máis na grave situación destes servizos públicos, que afectan non só as condicións laborais do persoal, senón, principalmente, á calidade e atención que reciben todos os cidadáns e cidadás.
Fonte: Avantar

22 de nov. de 2012

LEI 10/2012 DAS NOVAS TAXAS XUDICIAIS - O PP APROBA A XUSTIZA PARA RICOS



Hoxe é un día triste de máis para a cidadanía galega, pois acaba de entrar en vigor a lei de taxas xudiciais que vai provocar a renuncia dos cidadáns a entaboar accións xudiciais en reclamación de dereitos persoais e colectivos polo simple feito de non ter os cartos necesarios para pagar, por adiantado, as taxas xudiciais hoxe fixadas na lei 10/2012.

Este é un novo ataque á cidadanía (e por desgraza non será o último) orquestado polo Partido do Poder (en abreviatura PP) que mellorando o eslogan empregado polo presidente dos EEUU Sr. Obama “Yes We Can” (Nós Podemos) acaba de conseguir o de Nos Podemos...estar, aínda se cabe, máis fodidos.

31 de out. de 2012

DESDE O 31 DE 0UTUBRO AS ADMINISTRACIÓNS PODERÁN FACER DESPIDOS COLECTIVOS DE EMPREGADOS PÚBLICOS E.R.E. A intención do Goberno non é, en ningún caso, xestionar de mellor xeito os servizos públicos, senón o recorte de emprego do xeito máis barato posible.


A ministra de Emprego, Fátima Báñez, anunciou a aprobación por parte do Consello de Ministros o pasado venres do Real Decreto 1483/2012 de despedimentos colectivos, que será de aplicación  a todo o persoal laboral  das Administracións Públicas (non só ao persoal laboral temporal, senón tamén ao persoal fixo por oposición). O dito decreto vén de ser  publicado no BOE Nº 261 DO 30/10/2012 RD1483/2012

28 de set. de 2012

O anteproxecto de Orzamentos Xerais do Estado afonda no recorte e deterioro dos servizos públicos

A convocatoria, da Mesa, como vén sendo habitual foi remitida aos sindicatos sen documentación previa para poder analizar en profundidade o contido deste capitulo dos Orzamentos e valorar en toda a súa extensión o impacto que terán tanto nas condicións salariais e laborais do persoal como no propio funcionamento e mantemento dos servizos públicos. Este método impositivo e escurantista, denuncia a Secretaria de CIG-Administración Pública, Maricarme López Santamariña, imposibilita presentar alternativas nin negociar ningúns dos aspectos tratados. “Trátase dun trámite máis que o Goberno ten que cumprir porque así lle obriga a lei”, asevera. 

Segundo os datos presentados, o persoal das administracións recuperarán a paga extraordinaria de nadal para o vindeiro 2013. Porén, o Goberno do PP mantén a conxelación salarial, sen dar posibilidade á actualización da perda do poder adquisitivo acumulada dende 2009. Neste senso, a Área Pública da CIG lembra que tan só neste ano, os empregados e empregadas públicas perderon case o 10% da súa capacidade adquisitiva (por mor da supresión da paga extraordinaria de nadal, que supón unha baixada do 7%, unida á suba do IPC, situado a remate de agosto no 2,7%). Así mesmo, mantense a prohibición de facer achegas a fondos ou plans de pensión ou previsión.

8 de ago. de 2012

En marcha o real decreto dos despidos colectivos de empregados públicos

Na senda de liquidación das Administracións Públicas que leva emprendida o PP, introdúcese agora o elemento máis devastador de todos cantos cabía esperar: a regulación do despedimento colectivo no Sector Público (descargar o borrador do RD).

1º. Se se regula é porque se vai aplicar. Quen ninguén se chame a engano pensando que se trata simplemente dun desenvolvemento regulamentario sen máis. Unha vez que as instancias políticas dispoñan dese instrumento vai ser utilizado.

2º. Afecta a todas as Administracións Públicas incluída á Administración da Xunta de Galiza.

3º. Afecta a todo o persoal laboral, non so a temporais e indefinidos, senón ao persoal laboral fixo que ten superado procesos selectivos para ao acceso a tal condición.
4º. Está en poder da Administración decidir se existen causas de despido colectivo ou non:
  • No caso de causas económicas, abonda con infradotar orzamentariamente cun 10% a calquera consellaría ou ente para que se entre nun proceso de despedimento colectivo
  • No caso de causas organizativas, abonda con xustificar que o servizo se poida prestar externamente reducindo custos.
5º. O único criterio para priorizar a afectación dos despedimentos vai ser o ter pasado un proceso selectivo. A partir de aí non existen criterios, nin a antigüidade, nin ningún outro, quedando expedita a vía da selección arbitraria por parte da Administración de a quen despedir e a quen non.

6º. Constitúe unha referencia para a modificación do EBEP de cara a rematar coa permanencia dos/as empregados/as públicos/as, especialmente dos funcionarios/as de carreira, que poderían ver como no futuro desaparece calquera garantía neste sentido.

7º. É un paso máis non só para reducir a Administración, senón para privatizala, ao permitir que empresas privadas asuman tarefas desenvolvidas por empregados públicos.
É tamén realmente preocupante que un borrador desta importancia para a xeneralidade dos empregados públicos, non fose posto en coñecemento da CIG. Foi durante a rolda de intervencións da Mesa Xeral de Empregados Públicos da Xunta de Galiza, o pasado mércores 1 de agosto, cando a Dirección Xeral da Función Pública anunciou que estaba en trámite esta disposición a nivel do Estado, sen facilitárselle á CIG documento ningún, apesar de que a CIG ten a consideración de sindicato máis representativo e con presenza na Mesa Xeral de Administracións Públicas en Madrid. Dáse a circunstancia de que outras organizacións sindicais dispoñen deste borrador como mínimo desde o 27 de xullo, data do documento do que hoxe se fai eco a prensa e que xa a está a circular por internet.
Rexeitamos tamén que se veñan de facer alegacións por parte dalgunhas centrais sindicais no lugar de rexeitar de plano este aberrante Real Decreto.
Desde a CIG facemos un chamamento a todos/as empregados/as publicos/as a continuar mobilizándose contra todas as medidas de destrución das Administracións Públicas e dos Servizos Públicos.

Descargar o borrador do Real Decreto de despidos colectivos

30 de mar. de 2012

Os orzamentos do Estado confirman os recortes aprobados até o de agora para o sector público



O Ministerio de Facenda confirmou, na xuntanza da mesa xeral da Función Pública convocada na tarde deste mércores, o mantemento de todas as medidas adoptadas polo PP para os empregados públicos, á súa chegada ao goberno, que inclúen a conxelación salarial e unha taxa de reposición do 0%.


 
A CIG considera que a chamada ‘conxelación salarial’ é, en realidade un recorte e unha perda de capacidade adquisitiva. “Non se aplicará ningún incremento aos salarios, malia a suba do IPC. A isto hai que engadir que xa se nos rebaixaron os salarios nun 5%, e que tamén foron conxelados nos anos 2010 e 2011”, explica María Carme López Santamariña, que asistiu á Mesa en representación da central sindical.
Respecto da taxa de reposición,a secretaria nacional de CIG-Administración, explicou que se mantén nun 0% para todo o sector público, agás para o que denominan sectores básicos, Educación e Sanidade, en concreto Hospitais e Centros de Saúde, onde será dun 10%, ao igual que para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e corpos de loita contra a fraude fiscal.
Neste sentido, López Santamariña lembra que a CIG xa denunciou, no seu momento, as graves consecuencias que isto tería e xa está tendo para os servizos públicos e para o seu mantemento. “Advertimos daquela, e mantemos, que así o que se provocará será un colapso da administración e dos servizos públicos, que serán incapaces de atender ás demandas dos usuarios por falta de persoal”.
Para a CIG, tras desta medida agóchase a decisión do PP de ir “adelgazando a administración”, que non é outra cousa que “abocar ao peche a certos servizos públicos porque non será posíbel atendelos e favorecer a privatizacións dos que sexan máis rendíbeis”.

28 de mar. de 2012

O Ministerio de Facenda convoca aos sindicatos, este mércores, para informar do contido dos orzamentos xerais do Estado

A CIG presentará unha queixa formal pola data e hora da convocatoria e por non contar con documentación algunha que permita facer unha valoración dos mesmos
O Ministerio de Facenda e Administracións Públicas vén de convocar ás organizacións sindicais CIG, ELA, CCOO, UGT e CSIF, con respresentacion na Mesa Xeral da Función Pública, para “informar” sobre o contido dos Orzamentos Xerais do Estado, sobre as reformas, condicións de traballo das/os empregados públicos, xestión de persoal nas administracións públicas, retribucions e demais aspectos.
Para máis información preme Aquí.

12 de mar. de 2012

CIG-Administración lanza unha campaña pola dignidade do/a empregado/a público/a e en defensa dos servizos públicos

Pretende responder aos continuos ataques que están a padecer as traballadoras e traballadores das administracións
CIG-Administración presentou esta mañá a campaña que a partir de mañá se desenvolverá en todas as comarcas do país, pola dignidade do empregado/a público/a e en defensa dos servizos públicos. A campaña desenvolverase de forma transversal en todas as accións sindicais que, ao longo dos vindeiros meses defendan o sector público e rexeiten os recortes.
Para mais información aquí