Correos deberá entregar uniformes obrigatoriamente a todo o persoal eventual en toda España. Así o di a sentenza da Audiencia Nacional no conflito colectivo interposto pola CIG en solitario porque ningún outro sindicato quixo adherirse á demanda, quedando retratados aqueles sindicatos que presumen de ter a maioría sindical.
A demanda foi presentada e defendida polo noso Avogado Nacional, logo da negativa de Correos de pactar no acto de conciliación celebrado no SMAC de Madrid.
A CIG denunciou a discriminación que fixo Correos entre persoal fixo e persoal eventual non entregándolle uniformes a estes últimos. Agora grazas a esta sentenza histórica gañada pola CIG todo o persoal eventual de Correos de todo o territorio español terá dereito a que a empresa lle dote obrigatoriamente de uniforme.
Por outra banda, a sentenza afecta directamente a 4.328 traballadores/as temporais de reparto que estaban traballando en febreiro de 2024, podendo reclamar indemnizacións polo valor da roupa non entregada no último ano, así como a entrega da propia roupa.
