Amosando publicacións coa etiqueta compostela. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta compostela. Amosar todas as publicacións

3 de out. de 2025

CIG-Correos denuncia que na Unidade de Reparto de Muros dúas persoas teñen que asumir o traballo de seis



A CIG-Correos advirte da situación crítica na Unidade de Reparto de Muros, xa que na quenda de mañá de reparto dúas persoas están asumindo o traballo de seis. A representación da CIG xa se dirixiu por escrito á empresa postal reclamando a cobertura urxente das prazas vacantes e das ausencias nesta unidade, sen recibir contestación até o momento.

“Dúas persoas non poden asumir o traballo de seis nin polo volume de envíos, nin pola loxística que implica que persoal de reparto do rural teña que asumir recargos de persoal urbano”, denuncia a CIG-Correos. Esta situación, ademais de pór en risco a calidade do servizo postal, obriga o persoal asumir unha sobrecarga laboral insoportábel que ten consecuencias directas na súa saúde física e mental.

A precariedade da Unidade de Reparto de Muros non é un caso illado, senón que é un exemplo máis que ilustra un problema xenérico na empresa: a sobrecarga laboral e a acumulación continuada de obxectos postais nas oficinas a causa duns cadros de persoal mermados e da política de non substitucións que dende hai anos practica Correos.

Un modelo de cero contratacións que implica que non se cubran as incapacidades temporais, as vacantes, as vacacións, nin os permisos e que está levando a un incremento das baixas por estrés e por trastornos musculoesqueléticos.

“As carteiras e os carteiros, e o persoal de atención á clientela, somos a cara visíbel de Correos ante a cidadanía; quen respondemos cando alguén pregunta por que non lle chegou a cita médica e quen atende as queixas diarias nos mostradores”, subliña Ana Pintos, delegada da CIG-Correos.

Incide na falta de persoal suficiente para atender o volume de traballo e ofrecer un servizo público de calidade e con garantías; e acusa a empresa de mala xestión dos recursos humanos, “de mala fe e de abusar duns traballadores e traballadoras cun alto sentido da responsabilidade”.
Fronte a esta precariedade, a CIG-Correos solicita que se adopten con urxencia as medidas necesarias “para restablecer condicións laborais e organizativas dignas que garantan tanto o dereito á saúde do persoal como a calidade do servizo de Correos na comarca”

16 de xuño de 2025

Correos deixa a Touro sen reparto ao non substituír ao carteiro, de baixa por enfermidade

 

CIG-Correos reclama a contratación inmediata dunha persoa substituta para garantir o servizo.

A CIG-Correos de Compostela denuncia que, desde hai máis de unha semana parte do concello de Touro está sen servizo de reparto, porque Correos non substituíu ao traballador que está de baixa por IT.

As zonas afectadas son as parroquias de Prevediños, Bama, Empalme de Vilar, San Pedro de Ribeira e parte da parroquia de Loxo.

A CIG-Correos afirma que hai centos de obxectos postais acumulados sen repartir e reclama que, de inmediato, se dea cobertura a esta ausencia coa contratación dunha persoa substituta. Esta situación, segundo a CIG, non é exclusiva da localidade de Touro. Adoita repetirse en toda Galiza provocando unha sobrecarga de traballo para o persoal que queda e prexuízos para as persoas usuarias porque non reciben a correspondencia máis que unha vez á semana.

A CIG advirte de que esta situación empeorará de cara ao verán e denuncia que a Dirección de Correos está incumprindo a normativa europea que obriga ao reparo diario de toda a correspondencia.

PRENSA:


25 de set. de 2024

Carteiros/as de Lalín e Santiago mobilízanse de novo contra a destrución de emprego diante da Zona Noroeste en Compostela


Carteiros/as de Lalín e de Santiago de Compostela mobilizáronse hoxe de novo ás portas do edificio da Xefatura de Zona, na capital galega, para rexeitar a política de destrución de emprego da compañía pública e denunciar que estas unidades se atopan sen persoal suficiente por falta de contratación.
 
A protesta, que contou unha vez máis co apoio da CIG-Correos, coincidiu coa festividade local na capital do Deza e tivo lugar “diante da pasividade e desleixo que están a amosar dende a cúpula directiva da maior empresa pública do Estado español, desoíndo sistematicamente as reivindicacións laborais do cadro de persoal”.

Os traballadores/as da Unidade de Reparto de Lalín (que abrangue os Concellos de Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón) amosan o seu descontento coa política de destrución de emprego que está a levar a cabo Correos na comarca do Deza e denuncian a intención de suprimir definitivamente as catro vacantes que veñen asumindo dende hai meses na unidade.


“Continuaremos saíndo á rúa e demandando mellores condicións laborais, porque a pesares de que levamos oito meses de protestas, a Xefatura apenas visitou Lalín en dous ou tres ocasións que nós saibamos, o que demostra o desleixo de Correos cara ao seu persoal”, lamentan.

Ao mesmo tempo, lembran que a día de hoxe na quenda de mañá hai unicamente 17 traballadores/as na unidade, posto que ás catro prazas vacantes estruturais hai que engadirlle outras dúas, unha por IT e outra por vacacións. Ademais, durante todo o verán a falta de contratación dificultou que os empregados/as puidesen cumprir coa lexislación postal vixente, o que supuxo unha perda de calidade no servizo, co conseguinte prexuízo para a veciñanza.

“Se ben é certo que Correos xustifica que pon reforzos de persoal en tempadas de maior carga de traballo, tamén é certo que estes reforzos, na maioría dos casos, son realizados a través de horas extraordinarias e horas complementarias, o que tamén prexudica os compañeiros/as eventuais das bolsas de emprego, xa que as poucas ocasións nas que poderían traballar vense reducidas por este motivo”. Do mesmo xeito, denuncian a opacidade das bolsas de contratación (non son públicas) e as irregularidades que se producen na contratación.


Correspondencia acumulada en Santiago

De igual xeito, a Unidade de Reparto 1 de Santiago estivo durante boa parte do verán por debaixo do 50% do cadro de persoal, tendo que asumir unha importante sobrecarga de traballo.

O que supuxo que nos meses de xullo e agosto se acumulase gran cantidade de correspondencia, chegando a contabilizarse máis de 10.000 obxectos sen repartir nalgunhas datas do mes de xullo, “repercutindo na calidade do servizo e na saúde dos traballadores/as, tal e como evidencia alta porcentaxe de absentismo que hai en Correos”.

Por iso anuncian que mentres non se lle poña remedio a esta situación seguirán demandando melloras e condicións dignas nos seus postos de traballo.

Extraído de AVANTAR


12 de xul. de 2024

A CIG-Correos denuncia que milleiros de cartas quedan cada día sen repartir na área de Santiago pola falta de persoal porque Correos non cubre as vacacións nin as baixas

 


A CIG-Correos denuncia que se está a producir un enorme atasco no reparto de correspondencia en Santiago de Compostela e nos concellos limítrofes pola falta de persoal suficiente para atender a carga de traballo. Hai tres semanas a central sindical xa advertira que isto ía acontecer e, malia todo, a empresa pública continuou coa súa política de non contratación.

Agora, segundo os datos recollidos pola CIG-Correos tras visitar as unidades afectada e falar co persoal de reparto, ao mediodía de onte, xoves 11 de xullo, a situación do servizo postal é a seguinte:
  • na zona urbana de Santiago poden acumularse neste momento máis de 8.000 cartas sen repartir, ás que lle hai que sumar preto de 800 notificacións de distintos organismos oficiais.
  • nos concellos limítrofes e dependentes postalmente da Unidade de Reparto número 2 de Santiago -que abarca os municipios de Touro, O Pino, Val do Dubra, Vedra e Boqueixón-, calcúlase que quedan a diario máis de 1.500 envíos de correspondencia sen repartir.
  • no concello de Ames hai constancia de máis de 1.500 obxectos postais sen repartir diariamente.
Esta acumulación no reparto, subliña a CIG-Correos, débese "unica e exclusivamente á insuficiencia de persoal para o reparto, a causa da negativa da Sociedade Estatal de Correos e Telégrafos a cubrir as ausencias tanto por baixas como por vacacións". Esta falta de cobertura (nun cadros de persoal xa moi mermados nos últimos anos) provoca non só o atraso na distribución do correo, senón tamén unha sobrecarga de traballo inasumíbel para o persoal que queda no servizo.

Diante disto, a representación da CIG reclámalle a Correos que, de inmediato, proceda a contratar a todos os traballadores e as traballadoras necesarias para garantir un servizo de calidade, que se poida realiza o traballo en condicións dignas e que se cumpran os prazos fixados na lei postal.

Extraído de AVANTAR


8 de ago. de 2023

CIG-Correos denuncia que hai centros de traballo de Correos, na comarca de Compostela, sen servizo de limpeza


A CIG-Correos tivo coñecemento da situación na que se atopan varios centros de traballo da comarca de Compostela a causa da falta do servizo de limpeza que soportan desde hai días. Trátase de Oficinas con atención ao público e Unidades de Reparto onde traballan carteiros e carteiras a diario.

A CIG-Correos denuncia que sendo lugares con elevado número de clientes, non é apropiado abrir ao público as oficinas cos locais en malas condicións de hixiene, “nin é digno para as persoas que traballan nas Unidades de Reparto levar a cabo as súas tarefas en espazos que día tras día se alonxan da salubridade”.

Segundo a delegada de Correos, Ana Pintos, “isto non é un feito aillado”. No pasado mes de xullo os compañeiros e compañeiras da CIG-Correos en Vigo formalizaron unha denuncia perante a Inspección de Traballo, despois de reiteradas reclamacións á empresa para que solucionara o tema da falta de limpeza nas instalacións do Pavillón Postal da cidade.

Por iso a CIG-Correos Compostela reclama unha intervención inmediata para pór fin a unha situación “totalmente impresentable”. Situación que, en opinión de este sindicato, “deriva da contratación do servizo de limpeza á baixa por parte de Correos”.




12 de xan. de 2023

CIG-Correos mobilízase contra o desmantelamento do centro de Lavacolla e para que se amplíen as instalacións

Delegados e delegadas da CIG-Correos realizaron esta mañá unha concentración diante do Centro de Tratamento Automatizado (CTA) de Lavacolla contra o progresivo desmantelamento das instalacións, para reclamarlle á empresa postal que non retire máis máquinas clasificadoras e ao tempo demandar a ampliación das instalacións.

Na protesta lembrouse que nos últimos anos Correos foi minguando a capacidade de tratamento postal do CTA de Lavacolla, eliminando unha liña completa de clasificación de correo normalizado así como varias máquinas de clasificación automatizada que estaban en perfecto funcionamento. Ademais, as máquinas que se eliminaron nos últimos anos nin sequera se trasladaron a outros centros de Correos, xa que se destinaron para chatarra ou para recambios.

O pasado mes, a empresa retirou outra das máquinas para cambiala por unha clasificadora máis  grande, pero á vista da política de reestruturación que está levando a cabo Correos "o noso temor é que sigan quitando máquinas pero non poñan outras novas, avanzando así no desmantelamento do CTA", explica Anxo Álvarez, secretario de Organización da CIG-Correos.

Uns temores que teñen a súa base, sinala, xa que dende febreiro de 2021 a maior parte do correo ordinario que antes se clasificaba en Santiago trasládase agora até o CTA de Valladolid para a súa clasificación a sección e o posterior reparto. Este desvío supón unha perda de calidade e un atraso na xestión do servizo a causa dos días que se perden en facer o transporte até Valladolid.

Este cambio, denuncia Anxo Álvarez, supón que a máquina instalada en Lavacolla para tal finalidade funciona ao mínimo da súa capacidade, "polo que moito tememos que tamén a acaben sacando. E cada máquina que se retira, son postos de traballo que se perdemos en Santiago, póndose así en risco o futuro da actividade e dos empregos".

Por iso coa concentración deste xoves, a CIG-Correos reclama non só que se manteñan todas as máquinas de clasificación automatizada de Lavacolla, senón tamén ampliar as instalacións para poder incorporar novos equipos. E desta maneira, subliña Álvarez, garantir unha prestación do servizo eficiente, conservar os empregos,  recuperar os traballos desviados a Valladolid e potenciar a central como centro de tratamento da paquetería, tendo en conta o medre espectacular rexistrado por este sector está nos últimos anos.

Prensa: