Na histórica xornada do 8 de marzo do pasado ano, miles de galegas ateigamos as prazas e vilas do país participando no Paro internacional de mulleres, conseguindo pór no foco do debate social a problemática dos coidados e a discriminación que sufrimos as mulleres tanto nos lugares de traballo como fóra destes.
Un ano despois, cómpre impulsarmos na Galiza un novo día de loita, para que dunha vez por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda nos quedan moitos por conquistar.
A precariedade segue a definir o emprego das galegas
A precariedade segue a ser a definición da tipoloxía do emprego das galegas. Seguimos a sufrir fenda salarial, traballando en categorías inferiores, con peores retribucións polo mero feito de sermos mulleres. Continuamos afastadas dos grupos de poder e de toma de decisións por mor dun chan pegañento que nos impide promocionar. Seguimos aturando acoso e agresións sexuais a pesar da existencia de protocolos nas empresas. Aínda somos despedidas a causa da nosa maternidade. Continuamos realizando duplas e triplas xornadas e con escasos dereitos laborais que faciliten a conciliación, obrigándonos na práctica a reducir horarios e ingresos.