Amosando publicacións coa etiqueta Folga. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Folga. Amosar todas as publicacións

24 de xuño de 2025

27 de Xuño Folga en Correos e Concentración ás 11:30 Horas na Sede da Área Territorial Noroeste en Santiago de Compostela

 


A Plataforma sindical composta por CIG, LAB, Sipcte, ESK, Intersindical Canaria, ELA e Intersindical Valenciana, realizamos unha concentración conxunta amosando o noso rexeitamento ao Acordo Marco o pasado día 19 de xuño na rúa Conde Peñalver sede central de Correos en Madrid.

Así mesmo rexistramos dous escritos: un na sede central de Correos dirixido ao Presidente de Correos, e outro no Congreso de Deputados dirixido á Mesa do Congreso denunciando que este Acordo Marco asinado por Correos e as organizacións sindicais CCOO, UGT e CSIF foi negociado cunha falta de transparencia escandalosa, con reunións bilaterais con determinadas OOSS, ao marxe do resto.

Ademais este Acordo supón recortes en dereitos e NON inclúe melloras salariais vinculadas ao IPC, nin se recupera o perdido en anos anteriores. Ten un impacto negativo na saúde, ao aumentar a presión, a sobrecarga e as condicións precarias dos traballadores e traballadoras.

Dende os sindicatos que conformamos a Plataforma Sindical entendemos que Correos debe preservar o seu carácter social e a súa vocación pública.

Por todo isto a CIG convoca:

FOLGA O DÍA 27 DE XUÑO CUNHA CONCENTRACIÓN ÁS 11:30 HORAS DIANTE DA SEDE CENTRAL DE CORREOS EN SANTIAGO DE COMPOSTELA NA RÚA DO FRANCO

         A CIG NON VENDE OS DEREITOS DOS                                            TRABALLADORES/AS DEFÉNDEOS!!


7 de xuño de 2025

A CIG sindicato maioritario na Galiza convoca folga en Correos o 27 de Xuño

                                                  

A CIG convoca FOLGA o vindeiro venres 27 DE XUÑO en contra do Acordo Marco asinado por Correos e os sindicatos CCOO, UGT e CSIF. 

Estes sindicatos están citados para ratificarse na negociación o día 30 de xuño e comezar coa segunda Fase do proceso. Nesta Segunda Fase pretenden  modificar á baixa as condicións laborais e retributivas de todos os traballadores e traballadoras de Correos e ademais que o negociado no Acordo Marco se inclúa no IV Convenio Colectivo. 

Estas son algunhas das medidas da Segunda Fase (que xa se están aplicando):
  • Compromiso de que os gastos de persoal anual non superen o 70% dos ingresos. Isto quere dicir que como mínimo debe reducirse o cadro de persoal de Correos en 8 mil traballadores/as. Ademais de Contratación Cero ou reducida a mínimos nunca vistos en Correos.
  • Un Plan de saídas de traballadores/as LOWCOST para o persoal laboral feita á medida para reducir gastos á empresa.
  • Creación do “Cuarto Turno”, de martes a sábado tarde. Non especifica cal será o sistema de selección dos traballadores/as nas unidades afectadas que pasarán a prestar servizo nesa quenda.
  • Modificar a estrutura dos grupos profesionais e Áreas funcionais. Traducido CHICO PARA TODO pretenden que fagamos o traballo de ATC, Axente Clasificación ou Reparto segundo as necesidades da Empresa.
  • Transformación Integral do Rexime Retributivo, despregando sistemas de medición individual do desempeño e incentivos.
  • Calendario estacional variable en función da carga de traballo prevista en cada estación. Variarannos o horario en determinados meses do ano, as xornadas non poderán ser inferiores a 5 horas nin superiores a 9 horas diarias.
  • Comprométense a actualizar, aínda máis, a mobilidade funcional, xeográfica e intercentros.
  • Se queres cobrar unhas esmolas máis ao final de mes terás que vender os teus dereitos e NON desfrutar as vacacións nos meses de xullo, agosto e setembro ou poñer a disposición da empresa o 10% da túa xornada anual, é dicir 170 horas.
Se firman estes sindicatos o día 30 de xuño seremos os empregados das empresas públicas con menos dereitos de toda administración.

A CIG NON VENDE OS DEREITOS,

DEFENDEOS !!


19 de out. de 2023

CIG-Correos solicita na Inspección de Traballo o peche do CTA Lavacolla por risco biolóxico

 


CIG-Correos vén de presentar unha nova denuncia perante a Inspección de Traballo reclamando o peche, por risco biolóxico, do CTA de Lavacolla, en tanto non se proceda á limpeza e desinfección do centro de traballo. Denuncia que o persoal desenvolve a súa actividade en presenza de ratas, cascudas, insectos e outros microorganismos, tal e como consta no informe elaborado polo propio servizo de prevención de Correos.

O CTA de Correos (Centro de Tratamento Automatizado) realiza a clasificación da correspondencia e paquetería para toda Galiza. No centro de Lavacolla traballan unhas 150 persoas repartidas en tres quendas, sete días á semana. Este persoal, segundo denuncia a CIG-Correos, está traballando en condicións insalubres. Xa hai aproximadamente 15 días, o servizo de prevención de Correos confirmaba que había un risco moderado e advertía da posibilidade de que a curto prazo se elevara a risco grave. “Ao noso entender isto é xusto o que está pasando agora”, explica Manuel Anxo Álvarez Amado.

Por iso, na denuncia presentada, debido ao deterioro froito da falta de limpeza das instalacións “hoxe a xeración de microorganismos e ratas, cascudas e outros insectos, está descontrolada”, explican.

Na denuncia advírtese ademais que a situación “é límite”. “Non temos máis que imaxinarnos a situación de 150 persoas utilizando diariamente os 40 urinarios que hai, que levan sen limpar desde hai máis de mes e medio”, sinala Álvarez Amado.

Por iso, a CIG-Correos reclama o peche da instalación mentres non se resolva o grave problema de falta de hixiene que hai neste momento. Advirte ademais de que “se nos vindeiros días non se dá solución a este problema presentaremos máis denuncias diante doutros organismos e non descartamos tentar paralizar o centro de traballo”.

A semana pasada xa houbo mobilizacións do persoal de Correos da oficina do Franco e da unidade de reparto de Costa Vella, tamén para denunciar as condicións insalubres nas que está traballando o persoal destas oficinas. 

A este respecto, Álvarez Amado considera que “a imaxe que Correos está dando ao público, que tamén se ve afectado pola ausencia de condicións hixiénicas das oficinas, é denigrante. Non é normal que a xente que vén enviar un paquete teña que andar saltando montes de porcallada”. 

Notas de prensa:


- COA CIG SOMOS MÁIS FORTES -