A CIG-Correos denuncia que hai médicos/as da empresa están mesmo dando altas a traballadores/as con cancro
As delegadas e delegados da central entenden que estes/as facultativos non actúan mediante criterios de profesionalidade deontolóxica “senón como meros mercenarios contratados pola Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A. para reducir o absentismo laboral a calquera prezo”, e recorrendo “a prácticas contrarias a ética profesional que se lles presupón”. Neste senso, denuncian que en moitas ocasións os traballadores e traballadoras enfermas mesmo teñen que sufrir vexacións.
A CIG-Correos sinala que tiveron coñecemento de casos extremos como o de algúns traballadores e traballadoras que foron dados de alta a pesares de ter cancro, problemas psiquiátricos complexos, procesos traumatolóxicos graves, etc., ou con patoloxías que non foron tratadas como tales, senón como patoloxías máis benignas. Nalgúns casos, o criterio dos facultativos de Correos contradí aos/ás médicos/as de cabeceira ou especialistas sobre o tipo de patoloxía e sobre o tempo estimado de curación.
Á vista da gravidade da situación, delegadas e delegados da central sindical en Correos na comarca de Ferrol estiveron mantendo entrevistas con deputados/as nos parlamentos galego e español para levar adiante unha serie de mocións e preguntas parlamentarias en relación cos servizos médicos de Correos. “Creemos que están a obrar por intereses alleos ao que é a protección da saúde dos/as traballadores/as, e por iso a central sindical está a tratar nos seus servizos xurídicos a posibilidade de denunciar esta situación”, advirten.