Amosando publicacións coa etiqueta CTA lavacolla. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CTA lavacolla. Amosar todas as publicacións

27 de xul. de 2023

A xefatura do CTA de Lavacolla denega sistematicamente as solicitudes de días de asuntos propios por falta de persoal


Dende CIG-Correos criticamos que a xefatura do CTA de Lavacolla estalle a denegar de maneira sistemática ás traballadoras e traballadores deste centro as solicitude dos día de asuntos propios porque "falta persoal". Estes empregados e empregadas teñen dereito ao goce de seis días cada ano natural por asuntos particulares e de oito días cando o 24 e o 31 de decembro coinciden en sábados ou festivos, como é o caso deste 2023.

O convenio colectivo recolle que antes do inicio do período vacacional (xullo-agosto-setembro) procurarase ter gozado do 50% dos días de permiso e o resto tenderase a collelos antes de fin de ano, tendo en conta as especificidades propias da campaña do nadal. Textualmente neste punto di: “tenderase a unha programación mensual do goce dos referidos días, co obxecto de conciliar a actividade produtiva co dereito a estes días”.

Porén, apunta a CIG-Correos, unha gran maioría do persoal non puido facer uso deles no que levamos de ano, xa que tiveron lugar dúas campañas electorais coas que a empresa xustificou denegar estes permisos.

Agora, en pleno verán, a política de “contratación cero” que está a levar a cabo a empresa parece ser o motivo polo que desde a xefatura do centro se están a rexeitar as solicitudes case de maneira sistemática. "A falta de persoal está a ser o argumento no que se amparan para negar incluso días que se solicitan con varios meses de antelación", denuncia o sector de Correos da CIG.

Tendo en conta que o persoal vén de estar traballando horas e/ou xornadas extras, días festivos (voluntarios ou obrigatorios), con pouco persoal de reforzo e con gran carga de traballo ao longo destes últimos meses, "entendemos que este dereito non se pode secuestrar". Por iso, reclámanlle a Correos que realice as contratacións necesarias para cubrir as vacacións, baixas e permisos que teñan lugar e conceder os días de asuntos particulares con normalidade.

"Acontece ademais que os xefes de quenda manifestan que 'non se poden pedir', que 'só en casos de forza maior' etc., dando case a entender que os días de asuntos propios os conceden como se foran un favor persoal e non un dereito", critican. A este respecto, a CIG lémbralle ao cadro de persoal que debe facer a solicitude por escrito e "que deben recibir por escrito tamén a desestimación ben argumentada por parte da empresa".

A CIG-Correos entende que este é un novo episodio na campaña de "secuestro de dereitos" neste centro de traballo, xa que no mes de maio a central sindical tivo que acudir ao delegado do Goberno para denunciar que as xefaturas do CTA de Lavacolla denegaban as horas de descanso ao persoal que formaba parte dunha mesa electoral.

Prensa:

Avantar Diario Dixital


23 de maio de 2023

Correos de Lavacolla denega as horas de descanso ao persoal que forme parte dunha mesa electoral


A CIG solicita da Delegación do Goberno que exixa 

á Sociedade Estatal que cumpra a legalidade

A CIG-Correos denuncia que a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos está denegando continuamente en todos os procesos electorais o permiso electoral de 5 horas de descanso no día inmediatamente posterior da celebración da xornada electoral para aqueles traballadores ou traballadoras de nocturno do CTA de Lavacolla que forman parte dunha mesa eleitoral.

Por iso vén de poñer esta circunstancia en coñecemento da Delegación do Goberno para que se diten as ordes oportunas, a fin de que se garanta a todo o seu cadro de persoal o desfrute do permiso electoral por formar parte dunha mesa electoral.

A este respecto  o secretario de Organización de CIG-Correos, Manuel Anxo Alvarez Amado, lembra que a Xunta Electoral Central recolle, no relativo a “permisos de traballadores designados membros de Mesa”, que “no caso de traballadores con horario nocturno, a quenda de noite que comeza o día da votación compútase como xornada laboral do día electoral, ao tempo que o dereito de redución de cinco horas da xornada de traballo pode exercerse na quenda de noite seguinte do traballador, sempre e cando esta quenda se inicie o día inmediatamente posterior ao das eleccións”.

Extraído de AVANTAR
-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

18 de maio de 2023

Persoal fixo de Correos reclama poder acceder á xornada completa para rematar coa precariedade laboral que padece


Concentráronse a primeira hora da tarde do martes en Lavacolla e adiantan que irán á folga os días 22, 23, 24 e 25 de maio.

Traballadores a traballadoras de Correos mobilizáronse  a primeira hora desta tarde para denunciar a situación de precariedade laboral que padecen e reclamar poder acceder a un posto de traballo a xornada completa. No decurso da concentración anunciaron que irán á folga os días 22, 23, 24 e 25 de maio.

Este persoal, con relación laboral fixa de xornada parcial, denuncia que practicamente non ten opción ningunha de conseguir un posto de traballo a xornada completa, a pesares de levar máis de dous anos, ou preto de tres nalgúns casos, neste centro de traballo.

Explican que a Sociedade Estatal Correos e Telégrafos S.A. ten convocada unha oferta de emprego en distintas áreas de traballo cun total de 160 prazas na provincia da Coruña, das que 113 son a tempo completo.

Sinalan que no que afecta ao Centro de Tratamento Automatizado (CTA) de Lavacolla, Correos ten asignadas practicamente todas as prazas de novo ingreso en xornada completa –que son un total de 34-  para postos de Axente de Clasificación. 

Persoal fixo a tempo parcial

Denuncian que o persoal fixo na empresa, en xornadas de tempo parcial, ve limitadas as súas lexítimas opcións de poder mellorar as súas precarias condicións laborais porque “hai unha imposibilidade para poder acceder, nun tempo prudencial, a un posto de traballo a tempo completo”.

Consideran que, deste xeito, quedan abocados a unha situación de precariedade laboral, mentres quen acceda de novo ingreso nesta nova convocatoria de consolidación de emprego gozará de contrato de traballo fixo pero con xornada completa.

Por iso, con esta mobilización e as xornadas de folga previstas exixen a Correos unha inmediata solución a esta situación.

Notas de prensa:
------------------------------------------------------------------------------

As nosas Redes Sociais:

12 de xan. de 2023

CIG-Correos mobilízase contra o desmantelamento do centro de Lavacolla e para que se amplíen as instalacións

Delegados e delegadas da CIG-Correos realizaron esta mañá unha concentración diante do Centro de Tratamento Automatizado (CTA) de Lavacolla contra o progresivo desmantelamento das instalacións, para reclamarlle á empresa postal que non retire máis máquinas clasificadoras e ao tempo demandar a ampliación das instalacións.

Na protesta lembrouse que nos últimos anos Correos foi minguando a capacidade de tratamento postal do CTA de Lavacolla, eliminando unha liña completa de clasificación de correo normalizado así como varias máquinas de clasificación automatizada que estaban en perfecto funcionamento. Ademais, as máquinas que se eliminaron nos últimos anos nin sequera se trasladaron a outros centros de Correos, xa que se destinaron para chatarra ou para recambios.

O pasado mes, a empresa retirou outra das máquinas para cambiala por unha clasificadora máis  grande, pero á vista da política de reestruturación que está levando a cabo Correos "o noso temor é que sigan quitando máquinas pero non poñan outras novas, avanzando así no desmantelamento do CTA", explica Anxo Álvarez, secretario de Organización da CIG-Correos.

Uns temores que teñen a súa base, sinala, xa que dende febreiro de 2021 a maior parte do correo ordinario que antes se clasificaba en Santiago trasládase agora até o CTA de Valladolid para a súa clasificación a sección e o posterior reparto. Este desvío supón unha perda de calidade e un atraso na xestión do servizo a causa dos días que se perden en facer o transporte até Valladolid.

Este cambio, denuncia Anxo Álvarez, supón que a máquina instalada en Lavacolla para tal finalidade funciona ao mínimo da súa capacidade, "polo que moito tememos que tamén a acaben sacando. E cada máquina que se retira, son postos de traballo que se perdemos en Santiago, póndose así en risco o futuro da actividade e dos empregos".

Por iso coa concentración deste xoves, a CIG-Correos reclama non só que se manteñan todas as máquinas de clasificación automatizada de Lavacolla, senón tamén ampliar as instalacións para poder incorporar novos equipos. E desta maneira, subliña Álvarez, garantir unha prestación do servizo eficiente, conservar os empregos,  recuperar os traballos desviados a Valladolid e potenciar a central como centro de tratamento da paquetería, tendo en conta o medre espectacular rexistrado por este sector está nos últimos anos.

Prensa: