Amosando publicacións coa etiqueta recargos. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta recargos. Amosar todas as publicacións

25 de set. de 2024

Carteiros/as de Lalín e Santiago mobilízanse de novo contra a destrución de emprego diante da Zona Noroeste en Compostela


Carteiros/as de Lalín e de Santiago de Compostela mobilizáronse hoxe de novo ás portas do edificio da Xefatura de Zona, na capital galega, para rexeitar a política de destrución de emprego da compañía pública e denunciar que estas unidades se atopan sen persoal suficiente por falta de contratación.
 
A protesta, que contou unha vez máis co apoio da CIG-Correos, coincidiu coa festividade local na capital do Deza e tivo lugar “diante da pasividade e desleixo que están a amosar dende a cúpula directiva da maior empresa pública do Estado español, desoíndo sistematicamente as reivindicacións laborais do cadro de persoal”.

Os traballadores/as da Unidade de Reparto de Lalín (que abrangue os Concellos de Lalín, Rodeiro, Agolada e Dozón) amosan o seu descontento coa política de destrución de emprego que está a levar a cabo Correos na comarca do Deza e denuncian a intención de suprimir definitivamente as catro vacantes que veñen asumindo dende hai meses na unidade.


“Continuaremos saíndo á rúa e demandando mellores condicións laborais, porque a pesares de que levamos oito meses de protestas, a Xefatura apenas visitou Lalín en dous ou tres ocasións que nós saibamos, o que demostra o desleixo de Correos cara ao seu persoal”, lamentan.

Ao mesmo tempo, lembran que a día de hoxe na quenda de mañá hai unicamente 17 traballadores/as na unidade, posto que ás catro prazas vacantes estruturais hai que engadirlle outras dúas, unha por IT e outra por vacacións. Ademais, durante todo o verán a falta de contratación dificultou que os empregados/as puidesen cumprir coa lexislación postal vixente, o que supuxo unha perda de calidade no servizo, co conseguinte prexuízo para a veciñanza.

“Se ben é certo que Correos xustifica que pon reforzos de persoal en tempadas de maior carga de traballo, tamén é certo que estes reforzos, na maioría dos casos, son realizados a través de horas extraordinarias e horas complementarias, o que tamén prexudica os compañeiros/as eventuais das bolsas de emprego, xa que as poucas ocasións nas que poderían traballar vense reducidas por este motivo”. Do mesmo xeito, denuncian a opacidade das bolsas de contratación (non son públicas) e as irregularidades que se producen na contratación.


Correspondencia acumulada en Santiago

De igual xeito, a Unidade de Reparto 1 de Santiago estivo durante boa parte do verán por debaixo do 50% do cadro de persoal, tendo que asumir unha importante sobrecarga de traballo.

O que supuxo que nos meses de xullo e agosto se acumulase gran cantidade de correspondencia, chegando a contabilizarse máis de 10.000 obxectos sen repartir nalgunhas datas do mes de xullo, “repercutindo na calidade do servizo e na saúde dos traballadores/as, tal e como evidencia alta porcentaxe de absentismo que hai en Correos”.

Por iso anuncian que mentres non se lle poña remedio a esta situación seguirán demandando melloras e condicións dignas nos seus postos de traballo.

Extraído de AVANTAR


19 de xul. de 2024

A CIG denuncia que na oficina de Lalin, Correos pretende extinguir as prazas vacantes, mentras que as Carteiras/os continúan coas protestas para reclamar a cobertura de todas as prazas.

 


Traballadoras e traballadores de Correos de Lalín continuaron este xoves as mobilizacións para reclamarlle á empresa pública que cubra as catro prazas vacantes e rematar así coa sobrecarga laboral que están asumindo. Desta volta, e logo de seis meses de protestas, o persoal concentrouse por volta das dúas da tarde na entrada da feira onde fixeron un acto simbólico de queima da proposta trasladada por Correos para paliar esta situación: redistribuír a carga de traballo entre os carteiros e carteiras que quedan e proceder á extinción das actuais prazas vacantes.

O responsábel comarcal da CIG-Correos, José Blanco, denuncia que a redistribución que formula a empresa "non supón unha solución á precaria situación laboral das e dos carteiros, xa sobrecargados para poder cumprir coas obrigas das súas rutas e das outras catro rutas carentes de cobertura". Ao contrario, o que pretende Correos significa cronificar un problema que xa comezou a repercutir no benestar físico e psicolóxico do persoal, "que se ve forzado a realizar intensas xornadas de traballo, a raíz das que xa se produciron varios accidentes e baixas por estados de ansiedade e estrés prolongados".


Perda da calidade no servizo

Apunta Blanco que a actual sobrecarga de traballo dificulta cumprir coa lexislación postal vixente, que contempla o reparto diario de correspondencia en todo o territorio. "Isto implica unha perda significativa na calidade do servizo público que realiza Correos co conseguinte prexuízo para a veciñanza".

Ademais, a proposta de reestruturación veu acompañada dunha petición de “rebaixar a intensidade das protestas”. Porén, os carteiros e as carteiras de Lalín "queremos manifestar que as concentracións continuarán até que se cumpran as nosas demandas e se atope unha verdadeira solución efectiva e a longo prazo".

De igual xeito, malia que Correos xustifica que pon reforzos de persoal en temporadas de maior traballo, a realidade é que estes reforzos "son parches" e en moitos casos non se cobren tampouco as vacacións do persoal.

Así, salienta o representante da CIG, de sete carteiros/as que debería haber para atender o casco urbano de Lalín, "a pasada semana había traballando dous e a presente comezaba con tres". Esta falta de efectivos "supón incrementar de xeito desmesurado a sobrecarga que xa vimos soportando, cando nós somos a cara visíbel da empresa ante a veciñanza".

Con respecto ás poucas contratacións que se realizan, o persoal eventual, inscrito nunhas bolsas de emprego cuxas listaxes non son públicas, ten denunciado a opacidade na contratación e manifestado o seu malestar polas continuas irregularidades que aprecian.

Por outra banda, Blanco indica que o empregado con destino en Barcelona que leva oito meses solicitando unha conciliación a Correos para desprazarse a Lalín "contiúa vendo como a empresa desoe as súas peticións", mentres que o desprazamento no concurso de traslados ofrecido inicialmente como solución tampouco chega, "xa que transcorridos sete meses do presente 2024 non se produciu aínda a primeira asignación do concurso neste ano".

Extraído de AVANTAR

Notas de prensa:


8 de maio de 2024

As carteiras e carteiros toman as estradas da comarca: Caravana de coches e asubíos contra Correos en Lalin.


En xaneiro os profesionais da Unidade de Repartición de Lalín da empresa pública Correos iniciaron as súas mobilizacións na localidade con concentracións que logo levaron ante as oficinas da compañía en Santiago ou Pontevedra. Os carteiros denuncian desde entón que son incapaces de asumir unha carga de traballo que debería ser xestionada cun total de 23 prazas, aínda que son 19 os repartidores os que están a realizar a distribución do correo polo termo municipal lalinense, así como nos concellos de Agolada, Rodeiro e Dozón.

O persoal participou onte nunha nova protesta que, organizada pola Confederación Intersindical Galega, consistiu nunha caravana de vehículos que partiu da urbanización de O Regueiriño (Lalín) e percorreu os demais concellos antes citados. Foron algo máis dunha vintena de turismos os que luciron lemas reivindicativos cos que instan a Correos a completar as catro vacantes que están sen cubrir. Diante dos consistorios de, por esta orde, Dozón, Rodeiro e Agolada, despregaron pancartas e gritaron proclamas en defensa da calidade deste servizo público e universal. A pesar de que a empresa cubriu algúns postos durante as pasadas eleccións autonómicas ou asume contratos puntais por baixas ou permisos curtos, os carteiros insisten en que os medios humanos son escasos. Se Correos mantén esta postura valoran realizar paros puntuais ou mesmo unha folga.


Notas de prensa: La voz de Galicia


COA CIG SOMOS MÁIS FORTES


17 de abr. de 2024

Traballadoras e traballadores de Correos de Lalin, concéntrase na oficina principal de Compostela para denunciar a sobrecarga e os recortes na entidade



A CIG-Correos xunto coas compañeiras e compañeiros de distintas oficinas, concentráronse este martes, diante da oficina principal da entidade, na rúa do Franco para denunciar a sobrecarga de traballo e os recortes na entidade.

Con esta mobilización CIG-Correos quere darlle visibilidade ao cansazo e ao fastío das traballadoras e traballadores da maior empresa pública do estado, diante da política de NON contratación que está levando á cabo a mesma.

Tal e como se pode constatar nos últimos tempos, non se cobren con persoal eventual os distintos  permisos retribuídos, nin as baixas médicas. Do mesmo xeito, estanse asumindo recargos permanentes nas distintas unidades, o que provoca que, en moitos casos, se teñan que percorrer distancias quilométricas inasumibles, tal e como veñen denunciando desde vai meses as traballadoras e traballadores da U.R. de Lalín.

Xunto a isto fan fincapé en que estas cargas de traballo están impedindo que, na maioría dos casos, se cumpra co SPU (Servizo Postal Universal) que ten encomendado Correos, ao non se garantir o reparto diario da correspondencia, (5 días a semana) o que vai en detrimento da calidade do servizo.

8 de mar. de 2024

A CIG denuncia a falta de persoal de Correos na oficina principal de Ferrol


Dende a CIG-Correos de Ferrol, queremos denunciar a falta de persoal que está a sufrir a Oficina de Correos de Ferrol, que nestes intres ten, das 35 seccións de reparto na que se divide a cidade de Ferrol, 9 sin cubrir. A consecuencia de esta falta de persoal é que actualmente hai na Oficina de Ferrol máis de 500 notificacións acumuladas e barrios que quedan todos os días sin reparto.

Hai que lembrar que Correos, como prestador  do Servizo Postal Universal, está obrigado, segundo se establece na Lei Postal, a repartir todas as zonas, cando menos 5 días á semana, algo que Correos incumpre, sistematicamente, na cidade de Ferrol por non cubrir as prazas que se atopan vacantes, as baixas, días de asustos propios e vacacións do persoal.

A todo isto hai que engadir a sobrecarga de traballo que está a sufrir o persoal, que se ve obrigado a asumir a súa zona de reparto e as zonas que se atopan sin cubrir o que se traduce en contínuas baixas do persoal debidas, principalmente a lesiones músculo esqueléiticas causadas polo exceso traballo.

Dende a CIG solicitamos a Correos a inmediata cobertura de todas as seccións se reparto e que cumpra coa súa obrigación como prestador do Servicio Postal Universal  de dar un servizo postal de calidade na cidade de Ferrol, garantindo o dereito ás comunicacións postais de todos os cidadáns.

Prensa:


7 de mar. de 2024

Traballadores e traballadoras de Correos da unidade de reparto de Lalín continúa coas protestas para esixir máis persoal

 


A CIG presentou unha batería de preguntas no Senado sobre 
os plans da empresa pública para esta localidade pontevedresa

A CIG-Correos, xunto cos traballadores/as da unidade de reparto de Lalín desenvolveu onte unha nova mobilización diante das instalacións da empresa pública na localidade para reclamar máis persoal. Trátase da oitava protesta neste emprazamento, ás que hai que engadir as celebradas na Xefatura Provincial de Pontevedra e na Xefatura de Zona en Compostela o pasado mes de febreiro.

Así mesmo a central sindical, a través da senadora do BNG, Carme Da Silva, presentou unha batería de preguntas no Senado para que Correos explique se ten pensado cubrir as deficiencias de persoal nesta oficina e por que razón non se cubriron as vacantes e as baixas que reduciron o cadro de persoal.

Tamén se interpela os responsábeis da empresa pública sobre se coñecen a sobrecarga de traballo existente na unidade de reparto que atende a uns concellos con alta dispersión poboacional, obrigando a realizar rutas con grandes desprazamentos.

Neste senso, pregúntase se Correos é consciente de que non se están a protexer os dereitos dos seus empregados/as, en liña co establecido na Lei Postal e cales son as previsións en relación ao aumento de persoal nas oficinas postais de Galiza, en especial as situadas no medio rural.

Dende a CIG-Correos lembran que os traballadores/as da unidade de reparto de Lalín seguen a reivindicar e a facer pública a necesidade de dotar con máis persoal a quenda de mañá, na que hai catro prazas vacantes, “seccións que teñen que asumir, ao igual que as ausencias por IT que se producen na unidade, ante a falta de contratación por parte da empresa”.

Ao mesmo tempo, salientan o feito de que nas últimas mobilizacións están a recibir o apoio doutras organizacións sindicais, “que participaron nas mesmas sen simboloxía propia, destacando a presenza de representantes de CCOO, UGT, CGT e SL”.

Finalmente, adiantan a súa intención de continuar coas protestas até que as súas reivindicacións sexa atendidas, “que non son outras que a cobertura das vacantes ou o estudo de dimensionamento na unidade”.

Prensa:

28 de feb. de 2024

Persoal de Lalín en loita: RECARGOS CERO XA!!

                 

CIG Correos demanda a cobertura de vacantes na Unidade de Reparto de Lalín para garantir o Servizo Postal Universal.

Denuncia a "excesiva e inasumíbel" carga de traballo que sofren as carteiras e carteiros.





22 de feb. de 2024

A CIG-Correos denuncia a “excesiva e inasumíbel” carga de traballo que sofren as carteiras e carteiros na Unidade de Reparto de Lalin

 

CIG-Correos demanda a cobertura de vacantes na unidade de 
reparto de Lalín para garantir o servizo postal universal.

A CIG-Correos concentrouse esta tarde diante da oficina principal de Correos de Santiago de Compostela, na rúa do Franco, onde está a Xefatura Territorial, para denunciar a falta de persoal na  unidade de reparto de Lalín pola falta de cobertura de vacantes e outro tipo de baixas e exixir que se garanta o servizo postal universal nesta localidade.

A CIG-Correos vén denunciando os problemas derivados da falta de persoal en Lalín con múltiples concentracións convocadas na semana anterior ás eleccións. Daquela denunciaban a falta de 6 traballadores/as nun cadro de persoal de 23, o que obrigou ao persoal a realizar os repartos con só 17 carteiros/as na oficina na quenda de mañá, 13 rurais  e 4 urbanos.

Diante das mobilizacións e denuncias de falta de persoal, Correos reforzou o reparto coa formalización dun contrato na quenda de mañá e outro na de tarde. Reforzo “claramente insuficiente” para o persoal que, tal e como denuncia CIG-Correos, tivo que soportar unha “excesiva e inasumíbel” carga de traballo polas rutas tan grandes en distancia e tempo de desprazamento.

Segundo explicaron no decurso da concentración as traballadores/es afectadas, a situación persiste a día de hoxe, sen que a empresa pública adopte as medidas necesarias para cubrir todas as ausencias e vacantes e garantir así a correcta prestación do servizo postal universal.

Por iso esta tarde se concentraron diante da Xefatura Territorial, para denunciar as deficiencias no reparto mais tamén a presión psicolóxica á que está exposto o persoal.

Neste sentido, as traballadoras e traballadores reclamaron que se reverta a situación para que “se cumpran os criterios de calidade e servizo público que marca a lei e os dereitos de todos os veciños e veciñas”.


Prensa:

La Voz de Galicia

Faro de Vigo

19 de feb. de 2024

O persoal de Correos de Lalín, co apoio da CIG, trasladou a Pontevedra as protestas para reclamar que se cubran as vacantes

 


A unidade de reparto contará con cinco efectivos menos unha vez rematada a campaña electoral, impedindo asumir toda a carga de traballo.

O persoal de Correos en Lalín trasladou onte á oficina principal da empresa pública en Pontevedra as mobilizacións para reclamar a cobertura das prazas vacantes. Dende a CIG-Correos denuncian que a unidade de reparto contará con cinco efectivos menos a partir do 18 de febreiro, unha vez rematados os contratos de reforzo da campaña electoral.

Esta nova protesta convocada pola CIG-Correos, tras as celebradas con anterioridade ás portas da propia oficina de Lalín, tivo lugar pola tarde diante da oficina principal de Correos en Pontevedra (antiga Xefatura Provincial), na rúa da Oliva. Nesta ocasión os traballadores/as contaron co apoio de compañeiros/as de distintas oficinas da provincia e de representantes das organizacións sindicais CCOO, UGT, SL e CGT.

Durante a concentración tamén recibiron a visita da candidata do BNG á Presidencia da Xunta de Galiza, Ana Pontón, do cabeza de lista pola provincia de Pontevedra, Luís Bará, do alcalde de Pontevedra, Miguel Anxo Fernández Lores, e da senadora Carme Da Silva, que se interesaron pola situación que están a padecer os traballadores/as da maior empresa pública estatal e trasladáronlle a súa solidariedade e o apoio ás súas reivindicacións.

Dende a CIG-Correos sinalaron que ante a pasividade e a inacción por parte da empresa o persoal vai seguir coas mobilizacións até que as súas demandas sexan atendidas: a cobertura das prazas vacantes, xa que a partir do vindeiro día 18 (cando rematan os contratos de reforzo da campaña electoral), “volveremos contar con cinco efectivos menos, o que dificulta a prestación dun servizo postal de calidade, de xeito que se seguirá penalizando a veciñanza do Deza porque a dispersión xeográfica fai inasumíbel as cargas de traballo existentes na unidade”.

Prensa:

3 de feb. de 2024

Correos reforza o servizo de reparto en Lalín, mais a CIG consideralo insuficiente e continuará coas mobilizacións, sen descartar a convocatoria de paros ou xornadas de folga

 

Correos vén de reforzar o servizo de reparto en Lalín tras unha semana de mobilizacións do persoal convocadas pola CIG, que continuará coas protestas ao consideralo insuficiente, sen descartar paros ou xornadas de folga.

Hoxe venres rematou a primeira semana de concentracións do persoal da unidade de reparto de Lalín, que abrangue os concellos de Lalín, Dozón, Rodeiro e Agolada. Correos reforzou o reparto coa formalización dun contrato na quenda de mañá e outro na de tarde, sendo medida que os traballadores/as consideran “claramente insuficiente” a pesares de que a maiores tamén se incorporou un dos empregados que se atopaba de baixa.

Insisten na dificultade de ter que afrontar a campaña electoral con catro efectivos menos na unidade durante a quenda de mañá, e que esta situación de falta de persoal vaise repetir de novo unha vez que remate a campaña “xa que Correos tomou a decisión de non realizar ningunha contratación para substituír as persoas en situación de IT, como xa demostrou na pasada campaña de Nadal, co reforzo do servizo só nesas datas”.

Por iso apostan por continuar coas mobilizacións para facer visíbel a problemática que están a padecer e para reclamar unha solución. Neste senso, non desbotan mesmo a posibilidade de convocar paros ou incluso xornadas de folga nos próximos días.

Finalmente, José Blanco Pichel, da CIG-Correos de Pontevedra salienta a unidade que está a amosar a maioría dos traballadores/as diante do que consideran unha “inxustiza” e un “desleixo” por parte da xefatura, “que sempre se aproveita do sobreesforzo que fai o persoal nestes casos; porque a fin de contas son os carteiros/as os que están en contacto coa veciñanza e son a cara visíbel e a imaxe da empresa, e sobre eles/as recae a responsabilidade do reparto”.

Vía Avantar




30 de xan. de 2024

A CIG-Correos mobilízase para denunciar a falta de persoal na unidade de reparto de Lalín


Onte celebrouse unha concentración en Lalín como medida de protesta pola denuncia de falta de persoal na unidade de repartición de Lalín.

Desde CIG-Correos, sinalan que «faltan 6 traballadores nun cadro de persoal de 23, polo que neste momento só quedarían 17 carteiros na oficina, na quenda de mañá 13 rurais e 4 urbanos». Desde o sindicato consideran que esta falta de persoal pode producir «previsíbeis deficiencias na calidade do reparto» nos concellos de Lalín, Agolada, Dozón e Rodeiro sobre todo para a celebración das eleccións do 18 de febreiro.

Pola súa banda, Correos, asegura que garante «rotundamente» a prestación do servizo do voto por correo en Lalín, Agolada, Rodeiro e Dozón «así como todos os servizos de correspondencia e paquetería que cada día realiza en todo o territorio destes concellos, tanto na repartición rural como urbano». Aseguran que «como empresa pública, Correos garante a prestación do servizo postal universal e debe facelo coa máxima eficacia posible» sinalando que se adecúa o persoal á actividade real de cada momento e que, como en todos os procesos electorais, Correos «realizará os reforzos que sexa necesarios en cada momento para cumprir con todas as garantías do voto por correo».


Desde a Intersindical quéixanse de que hai catro postos sen cubrir desde hai tres meses e aos que se suman dúas baixas médicas. Unhas ausencias que, aseguran, afectan a Filgueira, Sello, Bermés, Santiso, Bendoiro, Donsión, Donramiro, Lalín de Arriba, Gresande, Anseán, Barcia, Vilatuxe, Vilanova, Lodeiro, Soutolongo, Lebozán, Zobra, A Xesta, Doade e Vilanova. Suman parte do trazado urbano do centro lalinense xunto con ou Regueiriño e Feás, entre outras. A CIG anuncia que manterá as mobilizacións, que onte arrincaron diante do centro de repartición da rúa Vidal Abascal de Lalín e que contaron coa presenza do secretario nacional de CIG-Correos, John Vivanco e o responsable provincial desta mesma central sindical, José Blanco. Sinalan que xa enviaron comunicacións, peticións e denuncias aos responsables do centro de traballo de Lalín sen resultado.

Notas de Prensa:





16 de xan. de 2023

Concentración contra os recargos na Oficina de Correos de Ferrol


CIG Correos ven de convocar unha concentración este venres pasado día 13 de xaneiro, diante da Oficina Principal de Ferrol, seguindo coa campaña de concentraciones mensuais que vimos celebrando para denunciar os recortes en contratación que estamos a sufrir en Correos e que supoñen que, como media, cinco seccións de reparto estén sin cubrir e que o resto dos traballadores teñamos que asumir o seu traballo, co correspondente incremento da carga.

A consecuencia desta falta de persoal é que moitas rúas de Ferrol queden todos os días sin repartir debido a que non é posible asumir esa carga de traballo extra polo resto da plantilla.

Hai un incumprimento sistemático, por parte de Correos como prestador do servizo postal universal, da obriga de repartir o correo en todas as zonas, como mínimo 5 días á semana.

Dende a CIG pensamos que esta ausencia de contratación supón unha reestructuración encuberta por parte de Correos, que se vai traducir nunha eliminación de postos de reparto na cidade de Ferrol, co correspondente perxuizo para todos os usuarios do servizo postal.



 

13 de dec. de 2022

A CIG denuncia o brutal recorte da contratación que está a levar a cabo Correos na comarca de Ferrol

Dende CIG-Correos denunciamos a sobrecarga de traballo que vimos sufrindo os traballadores e traballadoras da Comarca de Ferrol, debido ó brutal recorte da contratación que está a levar a cabo Correos.

Non se contrata para cubrir nin o emprego estructural, nin permisos, nin baixas, nin ningún tipo de ausencias.

Polo que o persoal en activo, ademais das nosas zonas de reparto, nos vemos obrigados a asumir, a maiores, o reparto das zonas que quedan sin repartir, habitualmente 6 seccións de reparto. Vendo aumentada, tanto a carga de traballo que temos que asumir, como o número de km que debemos percorrer todos os días, o que supón unha sobrecarga de traballo ,co conseguinte perxuizo para a saúde dos traballadores e traballadoras.

A empresa xustifica estes recortes pola caída da actividade no sector postal tradicional, pero non fala do incremento da paquetería (entre un 50 e un 200%), ou da correspondencia certificada (un 500%).Correos está a incumprir sistematicamente, nesta comarca, a súa obriga como Prestador do Servicio Postal Universal de repartir a correspondencia, cando menos 5 días á semana, por non dotar ás Oficinas de persoal suficiente, quedando en moitas ocasións barrios sin reparto, co conseguinte prexuízo para os usuarios. Non hai máis que ver as interminables colas nas oficinas para tramitar ou recoller un envío, para darse conta do deterioro do Servizo Postal, debido á falta de persoal. Nestes momentos co agravante de que estamos en plena campaña de Nadal, co conseguinte aumento dos envíos, sobre todo da paquetería e no que Correos debería reforzar o servizo para garantir que os envíos chegaran en prazo ós destinatarios.

Notas de Prensa:

Quincemil

Cope

DEFENDE A TÚA DIGNIDADE!!
CIG-CORREOS O TEU SINDICATO

14 de maio de 2021

Concentración contra os Recargos en Ferrol

 


Os compañeiros/as de Ferrol continúan en loita contra os recargos. Hoxe 14 de maio volveron a sair  á rúa para pedir máis contratación e que se cubran todas as seccións. 

Sandra Otero Fernández delegada de persoal da CIG denuncia que en Correos non se contrata nin siquera para cubrir o emprego estrutural, permisos, baixas nin nigún tipo de ausencias.

Os carteiros/as se ven na obriga de asumir unha maior carga de traballo e maiores zonas de reparto quedando as veces barrios sen o reparto diario, incumprindo Correos nesta comarca e en Galiza en xeral  a súa obriga como empresa prestadora do Servizo Postal Universal.