Consulta o procedemento e os modelos para presentar na Axencia Tributaria
O Tribunal Supremo (en sentenza do 3 de outubro) vén de confirmar que “as prestacións públicas por maternidade percibidas da Seguridade Social están exentas do Imposto sobre a Renda das Persoas Físicas”. A resolución estabelece doutrina legal e, polo tanto, obriga a Axencia Tributaria a adoptar o novo criterio (contrario ao que viña facendo). Dende a CIG animamos a solicitar a devolución das retencións do IRPF indebidamente cobradas e para iso pomos a túa disposición os modelos adecuados (documentos anexos ao final desta nova).
Para calquera dúbida que teñas, acude a túa federación (ou en que se delegue na túa comarca) tendo en conta as seguintes indicacións:
1º.- Exercicios fiscais 2014 a 2017 (declaracións presentadas de 2015 a 2018):
• Traballadoras ás que lle practicaran retencións de IRPF pola prestación de maternidade nos exercicios fiscais 2014 a 2017 (declaracións presentadas nos anos 2015 a 2018):
a) Formular, perante a Axencia Tributaria, nunha solicitude de rectificación da autoliquidación do IRPF do exercicio/s no que se declararan as prestacións por maternidade con retencións de IRPF (achégase modelo A).
2º.- Exercicio fiscal 2018 (declaración a presentar en 2019):
• Traballadoras ás que lle estean a practicar retencións de IRPF pola prestación de maternidade no exercicio fiscal 2018 (declaracións que se presentarán no ano 2019):
b) Formular, perante o INSS, unha solicitude de dereito á percibir a prestación íntegra sen retención de IRPF, no resto dos meses do 2018 (achégase modelo B).
c) Formular, perante a Axencia Tributaria, unha solicitude de devolución de ingresos/retencións indebidos dos meses do 2018 nos que xa se lle practicaran as retencións de IRPF (achégase modelo C)*.
* Probabelmente, no período de presentación da Declaración do IRPF (maio xuño 2019) a Axencia Tributaria xa terá instrumentado algún procedemento para a devolución do IRPF indebidamente cobrado no 2018, porque non ten outra que acatar a sentenza do Tribunal Supremo.