Amosando publicacións coa etiqueta pensións. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta pensións. Amosar todas as publicacións

20 de xan. de 2025

NOVO RECORTE NA XUBILACIÓN PARCIAL, NOVO RETROCESO NOS DEREITOS DA CLASE TRABALLADORA


O pasado 19 de decembro o Goberno español, xunto coa Patronal, CCOO e UGT, asinaron un novo Acordo de Pensións despois dun proceso de negociación escurantista e ilegal, no chamado diálogo social, fóra dos organismos ofi ciais de representación institucional tripartita, sen respectar os dereitos de representación que temos as centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG.

Este Acordo súmase aos recortes nas pensións públicas e ao fomento da súa privatización a través dos plans de pensión de emprego. Non lle abonda con aumentar a idade da xubilación (67 anos) e mais os anos para o cálculo da pensión (29 anos). Vivimos nas reformas permanentes que penalizan a xubila ción anticipada, fomentan tramposamente o retraso da xubilación e fan máis graves as discriminación para acceder á xubilación parcial, xa que só determinados colectivos de persoas traballadoras poden xubilarse, pero só transitoriamente, aos 61 anos.

Unha parte deste acordo, que foi aprobada polo Goberno no Decreto 11/2024 e está pendente de validación no Congreso dos Deputados, contén importantes recortes que acaban coa xubilación parcial. 

Tendo en conta que a xubilación coa reforma do 2011 se sitúa nos 67 anos, temos que denunciar que non se restablece o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras, que se foi recortando na reforma das pensións do 2011, 2013 e 2019. E nin tan sequera se mantén para os colectivos de persoas traballadoras “da industria manufactureira”, que xa non poderán xubilarse aos 61 anos desde o 31-12-2029.

Estamos ante un Decreto que non garante o dereito da persoa traballadora á xubilación parcial, xa que segue estando na vontade da empresa acoller a solicitude. Neste sentido, a aparente mellora das condicións a cumprir sobre porcentaxes de bases de cotización, porcentaxe de contratación indefinida na empresa, etc., son na realidade medidas de endurecemento e desincentivo para acollerse á xubilación parcial.

O adianto para acceder á xubilación parcial a 3 anos, antes 2 anos, non é avance real ningún: séguese exixindo 33 anos de cotización mínima, sen computar pagas extras nin coeficientes redutores. Ademais, durante o primeiro ano, a xornada só poderá reducirse entre un 20 % e un 33 %, para quen anticipe máis de dous anos o acceso á xubilación.

Por último, cómpre ter en conta que o calendario para acceder á xubilación parcial xa estaba para o 2027 nos 63 ou 65 segundo a túa vida laboral permitise xubilarse aos 65 ou 67 anos respectivamente.

Non podemos calar que impoñan “pola porta de atrás” unha nova reforma que ten recortes de dereitos e segue sen dar solución ás reivindicacións que, desde hai anos, vimos reclamando en moitos destes sectores de actividade e postos de traballo nos que estamos condenados a prolongar a vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico e psíquico.

Temos claro que non se pode seguir na inxustiza de prolongar a vida laboral, impedindo chegar á xubilación en condicións de poder desfrutala, como tampouco non se pode seguir negando a entrada da xente nova ao mundo do traballo, cronificando a emigración e o paro xuvenil entre os e as menores de 25 anos, sendo o Estado español o que ten maior porcentaxe de desemprego xuvenil de Europa.

Desde a CIG demandamos que Congreso dos Deputados diga non a este Decreto até que non se conteñan as seguintes medidas:
  1. Recuperación do dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores.
  2. Xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
  3. Recoñecemento por lei e mellora dos procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.
Por unha xubilación digna para todos e todas!
Goberne quen goberne, as pensións deféndense!