Amosando publicacións coa etiqueta Pontevedra. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta Pontevedra. Amosar todas as publicacións

9 de xan. de 2026

CIG Correos denuncia: na Unidade de Reparto de Bueu máis de 15.000 envíos e 500 certificados sen repartir

 

Desde a CIG-Correos convocamos este xoves unha nova concentración diante da oficina de Correos en Bueu como acción de protesta para denunciar a situación de precariedade laboral que está a sufrir o persoal. Segundo os datos que manexamos como representación sindical, esta situación está a provocar a acumulación de máis de 15.000 envíos pendentes de reparto, así como arredor de 500 certificados e notificacións. A mobilización contou coa presenza de representantes do Concello de Bueu, entre eles o alcalde, Félix Juncal.

Desde a CIG denunciamos que a empresa pública se nega a cubrir tanto as prazas vacantes como as ausencias temporais derivadas de permisos do persoal. Todo isto deixa a unidade de reparto baixo mínimos, cunicamente o 28 % do cadro de persoal asumindo a totalidade da carga de traballo.  As nosas estimacións, realizadas en colaboración co propio persoal de Correos, indican que na actualidade permanecen sen repartir arredor de 15.000 envíos ordinarios e outros 500 rexistrados, entre certificados e notificacións. 

Estes recortes no cadro de persoal deterioran gravemente a calidade do servizo e vulneran o dereito da cidadanía a recibir a súa correspondencia, ao incumprir Correos de maneira sistemática a Lei Postal, que lle obriga, como prestador do Servizo Postal Universal, a realizar o reparto cinco días á semana.

Notas de prensa:


26 de nov. de 2025

Traballadores de Correos intensifican a mobilización para reclamar reforzos fronte ao colapso do servizo

 

O persoal de reparto de Correos na área de Vigo está a intensificar a súa loita para esixir, dunha vez por todas, as contratacións necesarias que poñan fin á crónica falta de efectivos e á saturación que lastra este servizo público. A plantilla anuncia novas mobilizacións en Cangas e no Porriño, mentres a CIG alerta dun novo colapso en varias oficinas do centro de Vigo, onde hoxe se rexistraron até 35 minutos de espera para ser atendido/a.

A CIG-Correos confirmou que este venres 28 celebrará unha concentración diante da Praza de Abastos de Cangas, na rúa Méndez Núñez, ás 10:00 horas, e que o martes 2 de decembro levará as protestas ao Concello do Porriño ás 11:00 horas. No caso de Cangas, a situación límite do servizo chegará tamén ao pleno municipal, onde será debatida pola tarde.

O sindicato denuncia que Correos continúa sen cubrir nin as vacantes nin as baixas, nin as vacacións, permisos ou licenzas, afogando así o servizo e provocando a acumulación de milleiros de paquetes e notificacións que non chegan ás persoas destinatarias. Este abandono tradúcese, ademais, nun aumento dos problemas de saúde derivados da sobrecarga e do estrés ao que está sometido o persoal.

A realidade é idéntica en Vigo, onde o persoal volve sufrir a mesma situación crítica de cada verán e cada Nadal, “a pesar de que aínda nin comezou o Black Friday nin a campaña de Nadal”. Varias oficinas do centro soportan esperas de até 35 minutos, e na sucursal 5 das Travesas a quenda de tarde funciona “cunha persoa e media”, unha mostra máis —denuncian— do desmantelamento progresivo dun servizo público esencial.

14 de nov. de 2025

Traballadores de Correos en Pontevedra, en pé de guerra, reclaman máis persoal para o servizo postal

 


A CIG denuncia que a non cobertura de vacantes, baixas, vacacións e licenzas aumenta os problemas de saúde derivados da sobrecarga laboral.

Os traballadores de Correos e Telégrafos continúan en conflito laboral para denunciar os graves efectos que a escaseza de persoal ten na súa saúde, incrementando os casos de estrés e ansiedade entre quen deben asumir unha carga de traballo excesiva.

Onte, un gran número de empregados da empresa pública concentráronse en Pontevedra, convocados pola CIG, para reclamar máis contratacións e o fin das prácticas abusivas por parte da dirección.

A manifestación celebrouse diante da sede administrativa de Correos, na rúa da Oliva, 19-21, a partir das 17:30 horas, baixo o lema “Máis persoal para o servizo postal”, co que buscan chamar a atención sobre a insostible falta de traballadores nas oficinas e centros de reparto da principal empresa pública do país.

Esta situación débese á falta de substitucións por baixas laborais, vacacións, permisos ou licenzas, o que provoca unha presión insostible que desmotiva ao persoal e agrava os problemas de saúde mental. Ademais, está a deteriorar progresivamente o servizo de reparto e a atención ao público.

O problema é resultado directo dos recortes e da precarización que afectan ao servizo postal público. “Mentres Correos reduce persoal e sobrecarga aos empregados, os altos cargos manteñen salarios elevados e bonus escandalosos”, denuncian.

En resposta, varias unidades de reparto iniciaron protestas nos últimos meses: a de Lalín leva case dous anos en mobilizacións, e recentemente uníronse as de Sanxenxo, Bueu e O Porriño.

Por iso, a CIG exixe que se poña fin ás “prácticas abusivas” da dirección e que se cubran de xeito urxente as vacantes para garantir un servizo digno.


12 de nov. de 2025

A CIG denuncia que Correos en Cangas ten 10.000 envíos sen repartir por falta de persoal



A falta de persoal na unidade de reparto de Correos en Cangas, con só 5 efectivos de 14 prazas, está a provocar xa a acumulación de arredor de 10.000 envíos sen entregar. Dende a CIG denuncian o “atentado” que esta situación -que se repite de xeito recorrente noutras localidades- supón para a saúde das persoas traballadoras, polo que xa presentou denuncia na Inspección de Traballo.

“A situación na oficina de Cangas é alarmante, con arredor de 10.000 envíos sen repartir, dos que unha parte son notificacións administrativas que teñen prazos que cumprir, así como citas xudiciais e médicas”. A causa: na actualidade prestan servizo unicamente cinco persoas do total de 14 prazas e rexístrase un número “preocupante” de baixas médicas. “A empresa está a lograr que persoas ás que lles gustaba o seu traballo e se preocuparon sempre por dar un bo servizo á veciñanza se atopen esgotadas, con crises de ansiedade e aborrecidas do que fan”. 

Na central sindical sinalan a responsabilidade do actual presidente de Correos, Pedro Saura, que está a aplicar unha política de recortes na empresa pública que motivou numerosas mobilizacións por toda Galiza. En consecuencia, a unidade de Cangas conta na actualidade unicamente co 35% do seu persoal, rexistrando tamén un “preocupante” número de baixas médicas, “dado que a falta de efectivos provoca incapacidades temporais continuas ao resto do persoal por sobrecarga laboral e estrés”. Isto motivou xa denuncia da CIG na Inspección de Traballo ao consideralo que un “brutal ataque” á saúde das persoas traballadoras.

Protesta en Pontevedra

Neste senso, denuncian que o presidente de Correos pretende” cadrar contas” a costa da saúde das persoas empregadas e ofrecendo un servizo deficiente á cidadanía, “ao tempo que a empresa abona multas millonarias por non cumprir a lei e financia eventos deportivos”. E critican que o máximo responsábel da empresa pública continúe sen rebaixar o seu salario a pesar de que supera os 200.000 euros ao ano.

En consecuencia, nos últimos meses a CIG está a levar a cabo mobilizacións en distintas localidades para alertar sobre o que acontece na compañía pública e para reclamar a cobertura das vacantes. Protestas que continuarán este mesmo xoves día 13 cunha concentración diante da oficina principal de Correos en Pontevedra ás 17:30 horas.

Prensa:




10 de out. de 2025

A CIG denuncia a situación “insostíbel” en Correos da Cañiza, con só dous efectivos de cinco

A CIG-Correos vén de denunciar a situación “insostíbel” na que se atopa a oficina de reparto da Cañiza, xa que das cinco prazas existentes só dúas están nestes momentos en activo, “tendo que asumir dúas persoas o traballo de cinco”.

Dende a central sindical lamentan que a dirección da empresa pública se negue a cubrir os postos alegando falta de fondos, “cando si os hai, por exemplo, para patrocinar de eventos deportivos”. Ademáis, lembran que o Estado acaba de aprobar unha importante inxección económica para a compañía. 


A situación está a provocar 
un “grao de presión extremo” 
sobre o persoal

Esta situación de falta de persoal está a provocar un “grao de presión extremo” que se traduce en incapacidades laborais por estrés e ansiedade, “como ocorre na oficina da Cañiza, na que dúas persoas teñen que prestar servizo en 108 quilómetros cadrados, distribuídos en nove parroquias, cun total de máis de 300 quilómetros de percorrido”.

Isto provoca unha acumulación das notificacións administrativas, “coas consecuencias negativas que iso xera para a cidadanía”, así como un importante número de envíos sen repartir.


7 de out. de 2025

O persoal de Correos do Porriño mobilízase ante a saturación do servizo por falta de efectivos



O persoal da Unidade de Reparto de Correos no Porriño mobilizouse este mediodía diante do Concello para denunciar a sobrecarga de traballo que padece tras a reestruturación da oficina coa eliminación de tres prazas, o que está a provocar acumulación de milleiros de envíos e de notificacións sen entregar.

Dende a CIG-Correos denuncian que a situación empeorou durante o pasado verán, xa que a dirección da empresa pública non cubriu nin as vacacións nin baixas de varias persoas traballadoras, tendo que asumir o resto do persoal as súas funcións, polo que se están a disparar os problemas de saúde laboral derivados de situacións de estrés e mesmo de ansiedade.

A intención da central sindical é que as mobilizacións se desenvolvan ao igual que hoxe coincidindo coa pausa do bocadillo (de 13:40 a 14:00 horas) unha vez á semana até que a compañía atenda as súas demandas e dote a Unidade de Reparto do Porriño do persoal necesario. A vindeira protesta está fixada para o venres 17 de outubro.


13 de ago. de 2025

Acumulación de envíos e falta de persoal na Unidade de Reparto de Correos de Sanxenxo


A CIG-Correos xunto coas traballadoras e traballadores da Unidade de Reparto de Sanxenxo, levou a cabo unha mobilización esta mañá, diante da Oficina desta localidade.

As traballadoras e traballadores denuncian a necesidade de dotar con máis persoal a quenda de mañá na unidade, na cal hai 6 prazas sen cobertura, por distintos motivos (xubilacións, vacantes e IT). Seccións que teñen que asumir o resto de integrantes da unidade.

Salientan que unha poboación como Sanxenxo, de 17.000 habitantes, chega a quintuplicar a súa poboación durante o período estival, (durante o ano 2024 superou os 750000 visitantes) e Correos na vez de reforzar o servizo, reduce o seu cadro de persoal nun 40% o que supón unha sobrecarga tanto física como psíquica,  que afecta a estabilidade emocional, de “querer e non poder” das traballadoras e traballadores que se atopan neste momento realizando as tarefas de reparto na localidade.

Denuncian que a isto súmase o incremento do número de vehículos, o que supón unha dificultade nos desprazamentos que se teñen que realizar (atascos, retencións, falta de aparcamentos.....) para cubrir as zonas de reparto que teñen asignadas.

Nesta unidade, a día de hoxe, hai varios miles de envíos ordinarios sen repartir e un número salientable de envíos rexistrados, (notificacións, certificados...)

A espera de que sexan atendidas as súas peticións, que non son outras que a cobertura das vacantes e das ausencias por IT, van seguir coas mobilizacións, nas vindeiras datas.

28 de feb. de 2019

A CIG denuncia que o local de Correos de Vidal Abascal, en Lalín, leva dez días sen auga

A CIG-Correos denunciou á Inspección de Traballo e á Seguridade Social da provincia que o local de Correos de repartición e distribución leva desde o día 18 sen auga. Unha situación que ao prolongarse no tempo acabou  inutilizando o uso dos  inodoros.

A causa é, ao parecer, unha avaría no local que non pode arranxar sen acceder a un baixo no soto, ocupado un tempo por unha autoescola e na actualidade embargado e posto á venda por unha inmobiliaria de Madrid. Está pechado con cadea e cadeado.

Desde a CIG-Correos, Rafael Igrexas, apunta que o baixo foi embargado e os servizos xurídicos de Correos non son capaces de dar cos donos. Nas oficinas traballan 24 persoas: un xefe, 16 carteiros rurais e 7 do centro urbano.

A CIG denuncia a súa situación sen poder usar os baños ou lavarse as mans. Unha situación que consideran insustentable demandando que se adopten as medidas xudiciais necesarias coa maior urxencia a fin de permitir o acceso a esa propiedade privada e poder así solucionar a avaría.

4 de xan. de 2019

Correos, desbordado polo reparto de compras por internet en Vigo.


CIG-Correos alerta da acumulación de cartas certificadas, con esperas de 10 días
O incremento das compras por internet en Vigo no último mes levou ao persoal de Correos, encargado da repartición de paquetes, a facer pública a situación de carga de traballo á que se enfrontan e que está a afectar directamente a outro tipo de envíos como as cartas ordinarias e certificadas. Así o asegurou onte Antón García Branco, executivo nacional da CIG Correos, quen pediu “máis persoal para poder dar saída ao correo”. Segundo explicou, “o envío de miles de paquetes impide repartir as cartas certificadas e hai algunhas con dez días de espera”. Lembrou que entre esas misivas atópanse notificacións da Axencia Tributaria, do servizo eléctrico ou da auga e mesmo multas de Tráfico, cuxo atraso en ser recibidas polo cliente, “pode supoñer un gran prexuízo”.

O convenio de Correos con algúns dos principais portais de venda por internet como Amazon incrementou eses envíos nun 33%. “A carga de traballo é tal que o persoal non dá a basto, por iso pedimos reforzo mediante contratacións de traballadores que están as bolsas e que son os que fan substitucións, para poder dar saída á acumulación do correo tradicional”.

O representante sindical afirma que houbo un reforzo para a clasificación pero non para a repartición e “non hai suficientes compañeiros”, o que fai que “sexa imposible asumir a carga de traballo”.
García Branco incidiu en que a maior preocupación ten que ver coas cartas certificadas, “queremos seguir dando un bo servizo, pero sen un reforzo é imposible facelo”.
Correos recibe millóns de paquetes para o envío a domicilio referentes a compras que se realizan por internet, algunhas delas de produtos mesmo por baixo do euro.
A pesar do gran descenso das comunicacións tradicionais por carta, séguense mantendo as que se refiren a envíos que requiren entregan en man para garantir a súa recepción con asuntos que habitualmente levan implícito un prazo, de aí o temor dos traballadores, insistiu.

16 de ago. de 2018

Correos asegura que o reparto na zona rural da Estrada atópase ao día


En resposta ás queixas que este fin de semana fixo públicas un veciño da parroquia de Callobre (A Estrada) polos problemas no reparto na zona rural durante as últimas semanas, desde Correos apuntan que todos os envíos rexistrados atópanse ao día, «sen problemas destacables e cumprindo sempre cos estándares de calidade comprometidos cos cidadáns». Aseguran que non lles constan queixas polo servizo prestado, nin verbales nin por escrito. Desmenten ademais rotundamente que a parroquia de Callobre estea sen servizo tres semanas seguidas. A raíz destas aclaraciones, o propio autor das críticas recoñece que o seu malestar vén dado porque o ano pasado comprobou fehacientemente que o servizo suprimíase en agosto durante días e, este ano, levaba todo o mes sen recibir correo. No entanto, recoñece que é posible que, tal como informáronlle, non haxa correo para o seu domicilio estes días. 

Pequenas incidencias 

O que si recoñecen desde Correos son certas incidencias no reparto pola incorporación dun cartero novo na zona que «desenvolve ou seu traballo con efectividade salvo algunha incidencia puntual pola sinalización de vivendas e lugares». Dadas as características da zona rural, Correos considera que se trata de cuestións inevitables para calquera repartidor antes de facerse ben co terreo.

Fonte: La Voz de Galicia


25 de abr. de 2016

#CIGcorreos: O persoal de Correos de Lalín en contra da reforma proposta.

Demandan que se paralice esta reforma, que pretende a centralización en Lalín das actuais oficinas de A Golada e Rodeiro, reducindo ata tres postos de traballo e marcando unha reestructuración das seccións logo duns estudos e seguimentos feitos en épocas e datas que non permitiron determinar a realidade das cargas de traballo e dos condicionantes do resparto.



Olla na prensa estas novas:

La Voz de Galicia (24 Abril)

Faro de Vigo (24 Abril)

La Voz de Galicia 2 (26 Abril)
La Voz de Galicia 3 (27 Abril)
Faro de Vigo (28 Abril)










17 de xuño de 2015

CIGcorreos: A Redondela tampouco chega o correo

De novo a falta de contratación de carteiros/as para suplir neste caso baixas e vacacións provoca que se atope a correspondencia acumulada na oficina e que o persoal actual non sexa capaz de asumir o reparto de todo o correo que chega, non podendo repartir diariamente todos os puntos e zonas de entrega.




Así xa temos acumulacións de ó redor de 1500 cartas e uns 500 certificados nesta oficina de Correos de Redondela.

Algunhas zonas están sufrindo retrasos de entre 2 e 3 días pero tamén hai algunhas zonas que non teñen correo dende fai unha semana.



Dende a CIGcorreos seguimos esixindo da empresa que poña os medios para darlle solución a este tipo de problemas que se veñen dando reiteradamente, unha solución fácil que pasa por contratar ó persoal necesario para facer o reparto sen recargar ó resto dos traballadores, é dicir, que se cubran todo tipo de ausencias para garantir un servizo de calidade ó cidadan cumprindo coa Lei Postal e repectando os dereitos e a dignidade do persoal.


Para ollar información desta noticia nos medios preme AQUÍ



8 de xuño de 2015

CIG Correos: O Porriño. Sen carteiros non hai cartas.

A falta de cobertura das baixas e ausencias provoca de novo acumulacións, retrasos e incumprimento da lei ó resultar imposible facer o reparto completo da correspondencia cinco días laborais á semana.



A ausencia de dous dos cinco rurais desta oficina do Porriño, por diferentes causas, que Correos se nega a cubrir, deixa ó resto dos traballadores da oficina cunha sobrecarga de traballo imposible de asumir.
A CIG denuncia este feito puntual, pero que se ven repetindo asiduamente en todas as oficinas de Galiza, deixando o reparto da correspondencia nunha situación precaria que prexudica gravemente os intereses dos cidadáns que son usuarios destes servizos que presta Correos e que provoca no resto do persoal situacións de impotencia que poden desembocar en problemas de saúde provocados polo exceso de traballo ou por estrés sobrevido pola imposibilidade de facer o reparto completo.
Dende a CIG Correos seguimos esixindo de Correos que cada ausencia dun traballador ou traballadora sexa sempre cuberta de maneira inmediata por persoal contratado para que o traballo non se resinta e poida prestarse un servizo de calidade que agradecen os usuarios do mesmo sen prexudicar ó resto do persoal da oficina que de non ser así se ve obrigado a recargar esas zonas coa imposibilidade de completar o seu reparto.

Para ollar a nova na prensa preme AQUÍ


1 de ago. de 2014

A CIG Correos denuncia que a entrega do correo no rural retrasase por falta de persoal


«Non se cubren as xubilacións, nin as baixas e tampouco as vacacións polo que é imposible dar resposta axeitada a todos e cada un dos usuarios a cotío malia que se fai todo o humanamente posible. Ás veces, mesmo máis do que se pode», matiza el responsable de la Xunta de Personal Funcionario de la CIG Rafael Iglesias.

Para ver a nova prema AQUI



25 de xuño de 2013

Retraso de correo en Salceda por non cubrir as baixas de dous carteiros


Correos non cubriu as baixas programadas de dúas dos carteiros que traballan en Salceda, polo que se acumula correo sen distribuír. Antonio García Branco, xefe comarcal de CIG Correos, informa que as baixas producíronse o pasado luns e ata o martes día 25 non se incorpora un dos traballadores. Atribúe ao "aforro" que aplica a xefatura de Distribución a decisión de non cubrir o servizo con sustitutos. As zonas afectadas son Santa María, Picoña, San Xurxo, Entenza, Soutelo, Parderrubias e Budiño. En Fonte da Pedra e Barral hai cartas por repartir dende o día 12.

Fonte: Faro de Vigo

23 de xul. de 2012

Os carteiros/as do centro de Vigo volven ao traballo tras 46 días de folga para esixir o mantemento dos empregos

A CIG rexeitou a proposta de Correos porque non garante todos os postos de traballo

Os carteiros/as do centro de Vigo regresarán este luns ao traballo despois de que o cadro de persoal aceptase por un escaso marxe -22 votos a favor, 17 en contra e unha abstención- a proposta de Correos, o que puxo fin a 46 días de folga. Dende a CIG aseguraron que se tata dun “mal acordo” porque non establece o tempo de permanencia das catro novas unidades de reparto que se crean na cidade, “o que pode supoñer que nuns meses a empresa queira reorganizar de novo o servizo e decide prescindir de máis persoal”.

O único aspecto positivo do acordo é a redución do número de postos de traballo que Correos pretendía eliminar na zona centro de Vigo, que pasan de 13 a nove. Polo demais, o documento asinado hoxe despois de que fose ratificado en asemblea polos empregados/as (coa oposición da CIG e da CGT) non fixa a duración das catro novas zonas de reparto que se crean na cidade, “polo que nos tememos que nuns meses a empresa queira reorganizar o servizo e prescinda de máis postos”.

Diante disto, dende a CIG cualifican o acordo de “nefasto”e lembran que foi ratificado por un escaso marxe de votos, xa que se contabilizaron 22 a favor (maioritariamente de CCOO e UGT), 17 en contra e unha abstención. Remata deste xeito un conflito laboral que se iniciou hai 46 días e que figura xa como a folga máis longa en máis de 200 anos de historia de Correos.

16 de xul. de 2012

O paro de Correos en todo Vigo queda en suspenso á espera dunha nova reunión

A folga dos traballadores de Correos en Vigo alcanzou o venres un punto de inflexión tras a maratoniana reunión celebrada entre sindicatos e dirección da empresa. Tras cinco horas sentados á mesma mesa, non houbo acordo para pór fin aos paros na unidade central da cidade, onde xa se acumulan cinco semanas sen repartición, pero si se decidiu deixar en suspenso a ampliación aos outros tres distritos á espera dunha nova reunión que se celebrará este luns. Centrais sindicais e empresa destacaron o bo ton das negociacións e esperan que o conflito quede definitivamente canalizado.
"viñeron con outro talante e non hai a mesma disposición negativa de fai quince días", sinalou Antonio García, delegado da CIG tras o encontro cos representantes da compañía. Os sindicatos tiñan previsto solicitar á Subdelegación de Goberno en Pontevedra os permisos para ampliar a folga a todo Vigo a partir do próximo 23 de xullo, pero en vista das novas expectativas de diálogo, decidiron atrasala uns días máis. "foi unha reunión máis produtiva", engadiu Antonio García.
Desde Correos tamén se indicou que a quinta reunión mantida co comité de folga da unidade de repartición da Praza de Compostela fora frutífera. "O encontro desenvolveuse nun positivo ambiente de diálogo, polo que se acordou continuar a reunión o vindeiro luns 16 de xullo", explicaron nun comunicado emitido pola empresa.
O paro que levan a cabo os traballadores de Correos cumpre xa cinco semanas e afecta a 140.000 persoas no centro da cidade. Logo de tantos días de inactividade, a sede da Alameda acumula medio millón de envíos, segundo a empresa, e un millón, segundo os sindicatos.

13 de xul. de 2012

Folga de Correos en Vigo: Xuntanza entre Empresa e Comité de Folga

Hoxe día 13 de xullo hai unha xuntanza entre o Comité de Folga e mais Correos promovida pola empresa.

Irá a esta reunión Correos con propostas realistas que acheguen a solución do conflicto ou será unha artimaña para retrasar a convocatoria de folga ampliada a toda a cidade de Vigo?
Darémoslles un pequeno marxe de confianza, pero como traten de burlarse de novo de todos nos, só queda unha solución: a continuidade do conflicto aberto e o traslado do mesmo a todo Vigo.
Correos parece que esta conseguindo crear diferencias entre os sindicatos, tan so agardamos que esas diferencias non cosntitúan unha debilidade suficiente para que a empresa se aproveite.
Ollar notas de prensa: Faro de Vigo, Atlantico Diario,

Onte os carteiros de Ourense e da Coruña concentráronse en apoio dos compañeiros e compañeiras de Vigo e contra dos recortes das seccións de reparto e da destrución de postos de traballo en Correos.
Ollar nota de prensa: Faro de Vigo


Agardamos chegar a un acordo bo para todos

Para ollar outras notas de prensa e videos do conflicto

12 de xul. de 2012

FOLGA DE CORREOS EN VIGO Pretenden que o persoal revente

Diante da postura pechada por parte de Correos a Folga da U.R. 1 de Vigo, pódese facer extensiva a toda a cidade se non se abre unha negociación real con aportacións significativas por parte da Empresa.

Dende Correos continúan tratando de facer responsables de toda a problemática que se deu a partires da folga tanto ós sindicatos convocantes como ós traballadores e traballadoras que a están secundando. Esta claro que lles falla a nuerona da vergoña e teñen superdesarrollada a de cara dura porque senón nin se atrevían a sair da casa e moito menos achegarse polos centros de traballo.

A solución segue estando dificil e tratan de desestabilizar a unidade entre sindicatos e tamén entre traballadores/as, pero non podemos caer na súa trampa. Poderán matarnos de fame, pero non somos canívales e  loitaremos ata o final todos a unha.


Isto é o que pretende Correos que pase coa xente en Folga de Vigo, pero o ánimo segue intacto


Enlaces de vídeo:


Novas na Prensa:


Para máis información entra no blog da CIG de Correos da provincia de Pontevedra: PREME AQUÍ

11 de xul. de 2012

Vigo, de seguir así a folga de Correos farase extensiva a toda a cidade

O alcalde recibe ó comité de folga e critica que Correos non poña máis para solucionar o conflicto. Pola súa parte a Inspección de Traballo ofrécese como mediadora para chegar a un acordo entre as partes. Correos segue dicindo nos medios que esta disposta a dialogar e aberta a todo, a realidade é que se presenta na mesa de negociación sen levar mais proposta que a reforma xa plantexada, polo que con esa actitude non hai solución á vista.


Dende o Comité de Folga sinalan que de seguir así as cousas é moi probable que a convocatoria de folga se faga extensiva ó resto das unidades de reparto de Vigo a partir do 22 ou 23 deste mes de Xullo, feito que provocaría un colapso completo da correspondencia na cidade e en toda a súa área de influencia.





O alcalde de Vigo, Abel Caballero, na súa xuntanza co 
Comité de Folga esixe de Correos unha saída ó conflicto