Amosando publicacións coa etiqueta #cigcorreosenloita. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta #cigcorreosenloita. Amosar todas as publicacións

25 de maio de 2022

Correos elimina o único rexistro que quedaba en Galiza e non contratará persoal este verán

 


Delegadas e delegados da CIG-Correos concentráronse esta mañá diante do edificio da entidade na rúa do Franco, en Compostela, para denunciar a supresión do rexistro de Santiago, o último que quedaba e Galiza. Lembran que o rexistro é un canle de comunicación entre empresa e traballadores/as e que agora para dirixirse ou tramitar de forma oficial calquera solicitude deberán gastar os cartos nun envío por procedemento administrativo. Consideran que esta decisión discrimina ao persoal de Galiza respecto do de outras comunidades autónomas, nas que si hai rexistro.

Xunto a isto, as delegadas e delegados denunciaron que o recorte de servizos, debido á falta de contratación, se verá agravado este verán. Segundo explica John Vivanco, responsábel nacional do sector, “a empresa escúdase na baixada do volume de traballo e tamén na dificultade de realizar contratos coa reforma laboral. Escusas para non cubrir as prazas vacantes, nin contratar por baixas, vacacións ou por calquera outra circunstancia”.

O resultado é, segundo Vivanco, que “vemos barrios sen repartir e a carteiros multiplicándose por varias seccións de reparto coa conseguinte mingua na calidade do servizo”.  Fronte a isto denuncia que Correos gasta centos de miles de euros en propaganda duns servizos de banca, pago de tributos ou venda de produtos, entre outros, “que logo non se poderán realizar por falta de persoal e nalgúns casos tamén pola falta de produtos nas oficinas”.

Medre da precariedade

O precario mantemento na flota de vehículos de correos (rodas gastadas, pantallas das motos raiadas, limpa parabrisas en mal estado…) é outra das eivas que, segundo denuncia a CIG-Correos, están a sufrir diariamente os traballadores/as de Correos, ademais do mal funcionamento dos sistemas informáticos nas oficinas e no reparto (PDA) que se bloquean acotío xerando colas e queixas nos usuarios e usuarias destes servizos.

Xunto a isto Vivanco cuestiona o exceso de xefaturas. “Cada vez son máis en comparación ao número de postos base”, afirma e engade que “recentemente nomearon a outros mil postos de xefatura co que xa van preto dos 10.000”.

En canto a retribucións económicas o colectivo de traballadores/as de Correos tamén sofre unha considerable perda de poder adquisitivo acumulada, neste caso, desde o ano 2011 con conxelacións salariais e subas por debaixo do IPC, sumado á non actualización do suplido por achega de vehículo para o persoal rural e á penalización e descontos nas baixas ao persoal laboral.

A isto Vivanco engade a falla de transparencia nas bolsas de contratación, outro dos problemas que arrastra a empresa, “pois non son accesíbeis para os candidatos/as que as compoñen, impedindo así o control das mesmas ou posíbeis chamamentos indebidos. Non se pode saber quen están na bolsas e o máis grave é que nin sequera o saben os propios integrantes das bolsas”.

Diante desta situación desde a CIG-Correos denuncian que o persoal “está farto de tanta presión e de esixencias de obxectivos de venda” e esixe “poder traballar en condicións dignas” ademais da equiparación de dereitos co resto do persoal da administración xeral do Estado, recuperación do poder adquisitivo, incremento do suplido por aportación de automóbil e un catálogo de enfermidades profesionais, entre outros.

4 de xan. de 2019

Correos, desbordado polo reparto de compras por internet en Vigo.


CIG-Correos alerta da acumulación de cartas certificadas, con esperas de 10 días
O incremento das compras por internet en Vigo no último mes levou ao persoal de Correos, encargado da repartición de paquetes, a facer pública a situación de carga de traballo á que se enfrontan e que está a afectar directamente a outro tipo de envíos como as cartas ordinarias e certificadas. Así o asegurou onte Antón García Branco, executivo nacional da CIG Correos, quen pediu “máis persoal para poder dar saída ao correo”. Segundo explicou, “o envío de miles de paquetes impide repartir as cartas certificadas e hai algunhas con dez días de espera”. Lembrou que entre esas misivas atópanse notificacións da Axencia Tributaria, do servizo eléctrico ou da auga e mesmo multas de Tráfico, cuxo atraso en ser recibidas polo cliente, “pode supoñer un gran prexuízo”.

O convenio de Correos con algúns dos principais portais de venda por internet como Amazon incrementou eses envíos nun 33%. “A carga de traballo é tal que o persoal non dá a basto, por iso pedimos reforzo mediante contratacións de traballadores que están as bolsas e que son os que fan substitucións, para poder dar saída á acumulación do correo tradicional”.

O representante sindical afirma que houbo un reforzo para a clasificación pero non para a repartición e “non hai suficientes compañeiros”, o que fai que “sexa imposible asumir a carga de traballo”.
García Branco incidiu en que a maior preocupación ten que ver coas cartas certificadas, “queremos seguir dando un bo servizo, pero sen un reforzo é imposible facelo”.
Correos recibe millóns de paquetes para o envío a domicilio referentes a compras que se realizan por internet, algunhas delas de produtos mesmo por baixo do euro.
A pesar do gran descenso das comunicacións tradicionais por carta, séguense mantendo as que se refiren a envíos que requiren entregan en man para garantir a súa recepción con asuntos que habitualmente levan implícito un prazo, de aí o temor dos traballadores, insistiu.

4 de dec. de 2018

¿Houbo folga en Correos? Na Galiza fracaso total


Non lles queda máis remedio e teñen que recoñecer o fracaso dunha folga que os convocantes chaman "HUELGA GENERAL". 

Sería bo que se deran conta do que é unha folga xeral, para saber polo menos o que se traen entre mans.

A folga en Galiza fracasou porque os convocantes, que dito sexa de paso son os mesmos que asinan e están de acordo con todo o que propón a Empresa, non foron quen de convencer aos traballadores das súas propias mentiras.

IMOS POR PARTES:

Tema salarial: 

Din que piden melloras salariais. 

Dende a CIG lembrámoslle que CCOO, UGT e CSIF chegaron no mes de marzo a un acordo retributivo co goberno do PP. 
¿¿¿¿Xa non se lembran???? ... ¡¡¡¡Quérennos enganar!!!!

Tema de dereitos: 

Foron precisamente os catro sindicatos convocantes desta folga en Correos (E NON FOLGA XERAL) os que asinaron os actuais "Acordo Xeral" e "Convenio Colectivo". 

Agora veñen con que perdemos dereitos e van a ser eles quen vannos a recuperar. Claro que perdemos dereitos, SÍ; pero debémosllo a eles.

Consolidación de emprego: 

Por fin unha verdade, isto é o que verdadeiramente lles interesa. É o negocio do século para estes sindicatos. 

De todos é sabido o rendemento que quitan en diñeiro e afiliados para as escasas prazas que se ofertan en cada consolidación de emprego.

Suba do carburante:

En 8 anos de vixencia do actual Convenio, a Mesa no se reuniu nin un solo día, máis o prezo de carburante segue en alza.

Non é serio, que convocando unha folga na Galiza non se conte coa CIG. 

As folgas convocadas así están abocadas ao fracaso, porque aínda que lles foda, a forza da CIG non se pode obviar na Galiza (2ª forza sindical)

#cigcorreosenloita  


27 de set. de 2018

TRATO XUSTO EN IGUALDADE


A CIG SI ESTIVO !!!

O Comité de empresa e a Xunta de Persoal do Correos da provincia da Coruña mobilizáronse este mércores, 26 de setembro, para esixir igualdade de condicións para todo o persoal da compañía postal. Denuncian que, a pesar de existiren procesos e órganos de control, no día a día, tanto nas contratacións de persoal como nas promocións e o acceso aos postos mellor considerados, "falta transparencia, obxectividade e información de maneira que se favorece a uns traballadores/as sobre outros/as".

31 de ago. de 2018

UR3 - RECARGOS CERO



A práctica totalidade do persoal fixo seguiu o paro de 2 horas convocado na xornada de hoxe para esixir a Correos maís contratación! Taméns se concentraron na porta da unidade , sita na rúa Entrepeñas nro 43, ás 13:10 horas (Adxuntamos fotos)



A folga seguirá se non se efectúan as contratacións que o persoal entende imprescindibles para levar a cabo o servizo diariamente e coa calidade esixida

4 de xul. de 2018

RECARGOS CERO

 Os compañeiros da UR3 de A Coruña, de novo, e pola práctica totalidade da plantilla, o pasado venres, fixeron uso da convocatoria de folga que teñen aberta para as dúas últimas horas da xornada, en protesta polo recargo de barrios.

Parabéns, compañeiras e compañeiros pola vosa capacidade organizativa e de decisión !



15 de xuño de 2018

CIG Correos mobilízase por un servizo público, galego e de calidade e por unhas condicións dignas


A CIG Denunciou o Desmantelamento do Servizo Postal Universal, a falta de vontade política para a viabilidade de Correos, a Precarzación Laboral, a falta de Transparencia nas Bolsas de Emprego, etc.  Así mesmo revindicamos: Melloras salariais e laborais para tódolos traballadores/as (funcionarios e laborais) O recoñecemento do Nivel 14 para o persoal funcionario, Medallas si pero tamén melloras laborais para o Persoal Rural.

A CIG  aposta por un Correo público galego. O pasado 8 de xuño a CIG presentou unha iniciativa parlamentaria para blindar as condicións laborais do persoal laboral e funcionario de Correos e salvagardar o servizo postal público. Nesa iniciativa recóllese tamén a necesidade de crear un correo público galego coa transferencia deste servizo á Xunta de Galiza.

Prema AQUÍ para ver a nova 


12 de xuño de 2018

Xoves 14 de Xuño ás 11:30 am Concentración de Delegados/as e Traballadores/as de CIG Correos na Delegación do Goberno na Coruña


O vindeiro xoves 14 de xuño ás 11:30 os Delegados/as da CIG  de Correos estamos convocados/as a unha Concentración diante da Delegación do Goberno na Coruña.

Basta xa de tanto abuso e de que se asinen Convenios e Acordos lesivos para os dereitos dos traballadores.

Dende a CIG dicimos 

  • Non ao Desmantelamento do Servizo Postal Universal en Galiza
  • Non a Precariedade Laboral
  • Non a Persecución Médica nas baixas
  • Que Non nos Quiten cartos cando estamos Enfermos
  • Non aos Recargos
  • Non a Redución de Postos de Traballo
  • Que o Nivel Mínimo para os Funcionarios sexa o Nivel 14
  • Que as Bolsas de Contratación sexan Transparentes
  • Quebranto de Moeda para o persoal de Ventanilla
  • Subida salarial de 300 € lineais 
  • Que se pague o prezo do carburante a prezo real ao persoal Rural
  • Aplicación do EBEP a todo o persoal de Correos (Funcionarios e Laborais)
  • Etc...
Súmate á Concentración e di Basta Xa!!!!


8 de xuño de 2018

A CIG solicita a blindaxe das condicións laborais dos traballadores e traballadoras de Correos en Galiza


A Deputada do BNG, Olalla Rodil, presentará no Parlamento Galego unha iniciativa para pedirlle a Feijoo que “blinde” as condicións laborais das traballadoras e traballadores do servizo de Correos. Rodil anuncia esta iniciativa despois de que se anunciara a concesión da Medalla Castelao ao colectivo do carteiros rurais de Galiza, “Está ben dar medallas, mais tamén esta ben garantir orzamentos” dixo Rodil. Para o BNG trátase “dun merecido recoñecemento, sen dúbida, mais que contrasta coa realidade que atinxe estes profesionais desde hai anos, especialmente nas comarcas do interior do país.”

A Parlamentaria Olalla Rodil mantivo unha xuntanza co Responsabel Nacional de Correos da CIG, John Vivanco, para coñecer os pormenores das demandas laborais e informou que “na provincia de Lugo, o número de traballadoras e traballadores do servizo de Correos foi recortado progresivamente”. Segundo os datos do censo, pois desde o ano 2000 non existe en Correos RPT, entre 2007 e 2017 reducíronse 119 postos de traballo, pasando de 569 a 417 (-26,5%)”. Este recorte de persoal atinxiu a propia cidade de Lugo, na que viven case 90 mil persoas e existen máis de 55 mil vivendas. En Lugo, apenas hai 44 carteiras/os o que sitúa as ratios en 2.045 habitantes por carteira/o e en 1.250 o número de vivendas por traballador/a.
Esta situación imposibilita a prestación do servizo nas debidas condicións á veciñanza, especialmente nas localidades e comarcas rurais.  Cómpre lembrar que a Lei 24/1998, do 13 de xullo, do Servizo Postal Universal e de Liberalización dos Servizos Postais recolle no seu título III as obrigas do servizo público. Neste sentido, estabelécense obrigas dun servizo que se entende de raíz pública, o servizo postal universal e obrigas e dereitos diversos radicados na prestación dos servizos postais.
Porén, estase a aplicar unha unha política pola cal, en base a modificacións dos criterios de dimensionamento, amortízase a práctica totalidade das vacantes dos enlaces rurais e a obrígase a que as e os empregados que prestan os seus servizos na mesma oficina en áreas limítrofes asuman áreas de reparto amortizadas, ou mesmo sexan forzadas e forzados a desprazáranse a outras áreas. Desde o Bloque Nacionalista Galego entendemos que todas estas cuestións contraveñen o sentido público do servizo de correos e a normativa que regula a súa concesión e financiamento. A desaparición dos carteiros rurais ten unha incidencia enorme en Galiza posto que temos máis de 30.000 núcleos de poboación, máis da metade dos do estado español.

7 de maio de 2018

Por un Correo Público, Galego e de Calidade



Este un resumo das reivindicacións que, dende o sindicato C.I.G., vimos facendo para tódalas traballadoras/es de Correos de Galiza.

1.     Disposicións Xerais: Loitamos por un Convenio Galego que recolla a recuperación de poder adquisitivo de 300 € lineais ó mes así como de un plus de quebranto de moeda para a xente que traballa en atención ó público. Un convenio onde as xornadas sexan, para todo o persoal, de 35 horas e de luns a venres. Un convenio que poña fin ós contratos a tempo parcial e que garanta unhas cargas de traballo asumibles para tódolos traballadores/as así como a cobertura de tódalas ausencias, e entre outras cousas, un convenio que recolla a aplicación do Plan Concilia en toda a súa extensión. Un convenio que non penalice a enfermidade e que non permita a mobilidade funcional (RECARGOS).

2.     Persoal Funcionario: Loitamos por que o persoal funcionario de Correos teña os mesmos dereitos que o resto dos funcionarios da Administración: Que non quede excluído do Estatuto Básico do Empregado Público, que se equiparen os niveis, que se desbloquee a carreira profesional dentro de Correos e que se reserven prazas noutros ministerios que permitan a mobilidade interministerial.

3.     Persoal Laboral: Loitamos por que o persoal laboral teña os mesmos dereitos que o resto do persoal da Administración: Que non quede excluído do Estatuto Básico de Empregado Público, que teñan unha promoción interna e tamén unha mobilidade interministerial.

4.      Persoal Rural: Loitamos porque en Galiza se actualicen as cantidades pagadas ó persoal rural en concepto de achega de vehículo e de local, en función de tódolos gastos que os rurais por eses conceptos asumen, e porque no futuro sexan tódolos vehículos e locais propiedade de Correos.

5.     C.T.A- Centros con xornadas especiais ou alonxados no núcleo urbano. Loitamos por un servizo de transporte a cargo da empresa.

6.     Formación: Loitamos porque se remunere a formación, e porque sexa un instrumento que facilite o traballo e que deixe de ser un instrumento sindical de captación de afiliación e de votos. Porque sexa Correos, en exclusividade, quen imparta dita formación e porque se forme previamente a todo o persoal eventual que traballa por primeira vez.

7.     Contratación: Loitamos pola transparencia nas Bolsas de Emprego, porque o persoal eventual poida consultar en calquera momento, vía telemática, a súa situación. Por unha contratación igualitaria e xusta.

8.     Plan de Pensións: Loitamos porque Correos faga achegas o Plan de Pensións e porque as traballadoras/es poidan rescata-lo plan e levalo a outras entidades.

9.     Saúde laboral: Loitamos, entre outras e sobre todo, porque os Servizos Médicos e os Departamentos de Recursos Humanos deixen de acosar ós traballadores enfermos e porque se readapte a todas aquelas persoas que xustifican que non están en situación de realiza-las funcións do seu posto de traballo.

19 de mar. de 2018

O Sector de Correos da CIG elixe como Secretario Nacional a John Vivanco Vivanco.


Tamén se escolleu a nova Dirección Nacional do Sector, 
Executiva Nacional do Setor e representante na Dirección da Federación.
O sector de Correos da CIG celebrou o pasado sábado día 17 de marzo, en Compostela, a súa VII Asemblea, da que saíu elixido novo secretario nacional John Vivanco Vivanco. No decurso da mesma escolleuse tamén a nova Dirección Nacional do sector, a Executiva Nacional e o representante na Dirección Nacional da federación de CIG-Administración.
As/os membros da nova Dirección Nacional do Sector de Correos, que forma parte da federación de Administración da CIG son:
-John Vivanco Vivanco
-José  Manuel Álvarez de Prado
-David Díez Tabernero
-Eulogio Fontenla Somoza
-Xosé Manuel Iglesias Iglesias
-Mª Carmen Casais Martínez
-Román Pena Aneiros
-Iban Rodríguez Losada
Membros da Executiva Nacional do Sector:
-John Vivanco Vivanco
-Begoña Vázquez Pose
-Mª Sandra Otero Fernández
-Xosé Blanco Pichel
-Miguel S. Núñez Pérez
-Antonio García Blanco
-Anxo Álvarez Amado
Representante do Sector na Federación:
-Anxo Álvarez Amado

23 de feb. de 2018

Aprobada a Moción Presentada no Pleno do Concello de Lugo a iniciativa da CIG pola Defensa dos Postos de Traballo da UR Lugo


Onte aprobouse no Pleno do Concello de Lugo a moción presentada polo BNG a iniciativa da CIG pola defensa dos tres postos de traballo que Correos pretende eliminar coa implantación da reestruturación o vindeiro 27 de febreiro.

A moción foi aprobada por tódolos partidos políticos coa única abstención do Partido Popular que unha vez máis quedou retratado. O PP segue coa súa política de desmantelamento dos servizos públicos e non é un segredo que a súa intención respecto de Correos e a precarización laboral e posterior privatización... por algo nos integraron na SEPI (ente privatizador das empresas públicas).

Agora unha vez aprobada a moción, o Concello de Lugo dirixirá escrito instando ao Presidente da SEPI, ao Ministerio de Fomento e ao Presidente de Correos para que se manteñan os 3 postos de traballo que se suprimiran a partir do vindeiro 27 de febreiro por mor da implantación da reestruturación.

Dende a CIG seguemos reclamando un novo estudo onde se teña en conta entre outros aspectos o crecemento da cidade e o aumento do correo debido ao peche de UNIPOST.

Dende a CIG seguiremos traballando sen descanso na defensa dos dereitos de tódolos traballadores/as de Correos.


11 de ago. de 2017

Correos xera atrasos inxustificados ao reducir persoal en San Sadurniño


As vacacións do persoal de Correos asignado ao municipio de San Sadurniño, e a consecuente necesidade de que o persoal restante asuma tamén as tarefas dos que as gozan xera o que o alcalde da localidade, Secundino García (BNG) cualifica como atrasos inxustificados na prestación do servizo.

7 de xul. de 2017

A imaxe de Correos trasmítena as suas traballadoras e traballadores NON un logo.


A falta de persoal en Correos en Ferrol deixa 3.000 envíos diarios sen repartir, según a CIG-Correos



Os empregados do servizo de Correos de Ferrol veñen denunciando nos últimos meses unhas insostenibles deficiencias no cadro de persoal que impiden realizar os repartos diarios de forma efectiva.

Os empregados do servizo de Correos de Ferrol veñen denunciando nos últimos meses unhas insostenibles deficiencias no cadro de persoal que impiden realizar os repartos diarios de forma efectiva.