Este un resumo das reivindicacións que,
dende o sindicato C.I.G., vimos facendo para tódalas traballadoras/es de
Correos de Galiza.
1. Disposicións
Xerais: Loitamos por un Convenio Galego que recolla a recuperación de poder adquisitivo de
300 € lineais ó mes así como de un plus de quebranto de moeda para a xente que
traballa en atención ó público. Un convenio onde as xornadas sexan, para todo o
persoal, de 35 horas e de luns a venres. Un convenio que poña fin ós contratos
a tempo parcial e que garanta unhas cargas de traballo asumibles para tódolos
traballadores/as así como a cobertura de tódalas ausencias, e entre outras
cousas, un convenio que recolla a aplicación do Plan Concilia en toda a súa
extensión. Un convenio que non penalice a enfermidade e que non permita a
mobilidade funcional (RECARGOS).
2. Persoal
Funcionario: Loitamos por que o persoal funcionario de
Correos teña os mesmos dereitos que o resto dos funcionarios da Administración:
Que non quede excluído do Estatuto Básico do Empregado Público, que se
equiparen os niveis, que se desbloquee a carreira profesional dentro de Correos
e que se reserven prazas noutros ministerios que permitan a mobilidade
interministerial.
3. Persoal
Laboral: Loitamos por que o persoal laboral teña os
mesmos dereitos que o resto do persoal da Administración: Que non quede
excluído do Estatuto Básico de Empregado Público, que teñan unha promoción interna
e tamén unha mobilidade interministerial.
4. Persoal
Rural: Loitamos porque en Galiza se actualicen as
cantidades pagadas ó persoal rural en concepto de achega de vehículo e de
local, en función de tódolos gastos que os rurais por eses conceptos asumen, e
porque no futuro sexan tódolos vehículos e locais propiedade de Correos.
5. C.T.A-
Centros con xornadas especiais ou alonxados no núcleo urbano. Loitamos por un servizo de transporte a cargo da empresa.
6. Formación:
Loitamos porque se
remunere a formación, e porque sexa un instrumento que facilite o traballo e
que deixe de ser un instrumento sindical de captación de afiliación e de votos.
Porque sexa Correos, en exclusividade, quen imparta dita formación e porque se
forme previamente a todo o persoal eventual que traballa por primeira vez.
7. Contratación:
Loitamos pola
transparencia nas Bolsas de Emprego, porque o persoal eventual poida consultar
en calquera momento, vía telemática, a súa situación. Por unha contratación igualitaria
e xusta.
8. Plan
de Pensións: Loitamos
porque Correos faga achegas o Plan de Pensións e porque as traballadoras/es
poidan rescata-lo plan e levalo a outras entidades.
9. Saúde
laboral: Loitamos, entre outras e sobre todo, porque
os Servizos Médicos e os Departamentos de Recursos Humanos deixen de acosar ós
traballadores enfermos e porque se readapte a todas aquelas persoas que
xustifican que non están en situación de realiza-las funcións do seu posto de
traballo.