26 de maio de 2016

Novos Contratos por Eventualidade


A C.I.G foi informada de xeito verbal por parte da Xefatura duns cambios que se van a producir nas modalidades de contratación nas distintas Bolsas de Emprego para a cobertura de vacacións, permisos retribuídos, e días de Asuntos propios, que antes eran por interinidade, pasando agora todos estes a ser por eventualidade por circunstancias de produción.

A diferenza entre un tipo de contrato e outro é que o de  eventualidade por circunstancias da produción, comunmente coñecido como de Reforzo ou insuficiencia de plantilla, é un tipo de contrato que ten un límite temporal, que é de seis meses, dentro dun período de doce meses, mentres o de interinidade se utiliza para substituír a un traballador e dura ate que cese a causa da substitución. Este cambio vai a supoñer que aqueles compañeiros que xa teñan sumado seis meses de contrato por eventualidade (reforzo e insuficiencia de plantilla) non poderán traballar este verán en contratos por vacacións. Os contratos que seguirán sendo por interinidade que son os que se usan para substituír aos traballadores con dereito a reserva de posto son: Desempeños provisionais, comisións de servizo, suspensións de contrato previstas no art. 45 do E.T., incapacidade temporal, risco durante o embarazo, maternidade, adopción, acollemento de menores, exercicio de cargo público, privación de liberdade, excedencia forzosa, permiso de formación profesional, etc.

O cambio na modalidade de contratación  fará que non poidan traballar moitos compañeiros este verán quedando moitas das Bolsas esgotadas, o que dará pé a que Correos chame a xente de fora das Bolsas. Co que podemos ver este verán contratos por amiguismo ou por afinidade a algún sindicato, ao mellor é o que pretende algún sindicato para seguir tendo as clases cheas de xente de fóra das Bolsas anunciando exames fantasmas dende o 2011.

A CIG diante as diversas versións que deu a Xefatura para este cambio nas modalidades de contratación, (primeiro que se unha sentenza, logo que se foi debido a un requirimento da Inspección de traballo), remitimos o pasado día 9 de maio, escrito dirixido ao Presidente de Correos solicitando se nos dea traslado de toda a documentación xustificativa (sentenzas, requirimentos Inspección de Traballo) que xustifiquen este cambio na modalidade de contratación nas distintas Bolsas de emprego xa que van a causar un prexuízo grave ao persoal que as compoñen, pois van a ver como as súas expectativas de traballo se van ver reducidas drasticamente. A día de hoxe non recibimos contestación.

 A CIG sempre estivo en contra deste sistema de Contratación onde se fan uns chamamentos que ninguén entende  grazas a unhas rotacións incomprensibles e incontrolables que provocan a desconfianza de todos. A CIG defende un sistema de contratación como no resto da Administración con chamamentos por rigoroso orde, claros, transparentes e publicados na web de Correos.