7 de xan. de 2014

¿Para qué privatizan?: O caso de Correos

Onde se deu a privatización non trouxo nin máis competencia nin mellora da calidade do servizo pois as empresas privadas tan so asumiron os servizos rendibles buscando uns beneficios fáciles, deixando o resto dos servizos menos rendibles para os antigos operadores nacionais.




Nos últimos anos os gobernos de inspiración neoliberal levaron a cabo a liberalización e privatización de multitude de antigas empresas e servizos públicos.

As razóns que se deron para xustificalas sempre foron as mesmas: o Estado é un mal empresario e prové os bens e servizos en peores condicións que a empresa privada. Se se privatizan servizos como a educación, a saúde, os correos, a televisión, as comunicacións, a enerxía, os transportes, etc. o capital privado subministraraos con toda seguridade a mellor prezo, con maior competencia, con máis innovación e con menos custo para a sociedade e para todos os individuos...


Como xa hai anos que esas privatizacións se levaron a cabo, estamos en condicións agora de avaliar con rigor cal é o seu efecto real, se verdadeiramente as promesas neoliberais eran certas ou se se trataba dun engano para poñer capital público en mans do privado.

Precisamente, no ano que acaba de rematar cumpríronse quince anos da Directiva europea do 15 de decembro de 1997 relativa ás normas comúns para o desenvolvemento do mercado interior dos servizos postais da Comunidade e da mellora da calidade do servizo. Dispoñemos, pois, da experiencia e de estudos que avaliaron o acontecido nestes anos en Europa (que, por certo, non é moi distinto do que sucedeu noutros lugares do mundo).

- En contra do asegurado polas autoridades europeas e polos neoliberais que defendían a liberalización privatización, despois destes anos non hai apenas competencia no mercado.

Na maioría dos países, o que se fixo coa liberalización e privatización foi "torar" a antiga rede nacional de correos para que as empresas privadas se instalen nos segmentos máis rendibles. Diversos estudos demostran que a competencias apenas se alcanza a un máximo do 10% do mercado total, no mellor dos casos.

- En contra do asegurado polas autoridades europeas e polos neoliberais que defendían a liberalización e privatización, despois destes anos non mellorou a prestación do servizo.

Os antigos operadores nacionais que seguen no mercado dispoñen de menos ingresos (porque reciben menos financiamento do estado e porque se tiveron que quedar cos segmentos menos ou non rendibles). Polo tanto, prestan un peor servizo, con menos oficinas e menos persoal, como sinalarei deseguida. Polo seu lado, os novos operadores privados non se dedicaron a mellorar o servizo na súa globalidade senón a encontrar nichos de rendibilidade. Iso conseguírono, principalmente, especializándose nos grandes clientes corporativos; en gran parte, ademais, para dedicarse a enviar millóns de cartas non desexadas á poboación. E en case todos os países se pecharon multitude de oficinas de correos (o 90% en Holanda que foi o país máis avanzado na liberalización e privatización), o que dificultou o acceso ao servizo dos clientes normais e correntes.

En consecuencia, na maioría dos casos e países deteriorouse o tempo medio de entrega e a rede de recollida e os servizos préstanse en peores condicións, tal e como aconteceu en xeral con outras actividades tamén privatizados nos últimos anos.

- En contra do asegurado polas autoridades europeas e polos neoliberais que defendían a liberalización e privatización, despois destes anos non baixaron os prezos dos servizos postais na maioría dos servizos e dos países, salvo no caso dos prestados a grandes clientes, que si poden negociar prezos coas empresas. Nalgúns países, como Austria, o prezo dos selos para envíos chegou a subir o 90% (un país, por certo, que incentivaron a conversión dos carteiros en axentes de policía a cambio de 10.000 euros por cabeza). E noutros, como Bélxica, o prezo dalgúns tipos de envíos subiu o 200%.

- En contra do asegurado polas autoridades europeas e polos neoliberais que defendían a liberalización e privatización, despois destes anos non mellorou a situación laboral no sector.

Os datos dos diferentes países europeos mostran que o proceso de liberalización e privatización trouxo consigo recortes moi importantes no emprego e, máis concretamente, a substitución dos postos de traballo a tempo completo polos contratos a tempo parcial ou mesmo de autónomo.

Nalgúns países a diminución no número de empregos chegou a ser do 50% (Portugal) e na maioría deles a diminución sitúase entre o 20% e o 30%. En España, a perda de empregos é máis ou menos equivalente aos novos que se crearon no sector privatizado pero estes últimos son na súa inmensa maioría a tempo parcial, o que supón unha gran perda neta de emprego e ingreso laboral.

Os soldos tamén ten diminuído a consecuencia de todo iso na práctica totalidade dos países. En Alemaña, cuxo novo sector postal está enchido dos chamados "mini jobs", reducíronse arredor do 30% chegando a ser duns 5 euros por hora nalgún tipo concreto de servizos. En España calcúlase que, ata que empezou a crise, a caída salarial foi do 30% e, tras ela, posiblemente de ata o 50%.

- Finalmente, e en contra tamén do asegurado polas autoridades europeas e polos neoliberais que defendían a liberalización e privatización, despois destes anos non se produciu unha grande innovación, salvo a que aforra postos de traballo e custos laborais, e as empresas compiten principalmente a través do prezo e non da calidade no servizo.

A privatización, pois, non proporcionou máis eficacia e menor custo para os gobernos e a poboación. Foi simplemente un puro negocio para o capital privado do que só se beneficiaron os propietarios das novas empresas do sector, os grandes clientes e non o conxunto da sociedade. E, para colmo, cando se privatizaron empresas públicas, como noutros ámbitos, os estados nin sequera obtiveron ingresos competitivos porque as venderon a prezos de saldo.

En España, o Partido Popular puxo en marcha a aplicación da directiva privatizadora e logo o Socialista, como en tantos outros ámbitos, non tivo coraxe política para reverter o proceso e moito menos para aproveitar a oportunidade e crear un banco público a partir da antiga Caixa Postal que tivese sido un instrumento decisivo para afrontar doutro modo e con máis emprego e benestar a crise económica.

De todo isto se deduce que unha tarefa que ten pendente a cidadanía española é avaliar con rigor o que houbo detrás destas privatizacións, determinar a quen e de que modo se beneficiou delas e pedir responsabilidades aos que se pasan todo o día falando de patriotismo pero que regalan a riqueza nacional aos máis poderosos.