13 de xan. de 2014

VIGO: Correos moven cen mil envíos diarios e crece a paquetería

Correos moven uns 100.000 envíos diarios en Vigo, entre correspondencia e paquetería. O 80% do volume que se distribúe son cartas, entre as que predominan as de carácter comercial, e o resto son paquetes e outros produtos.

Nos últimos anos, a gran novidade veu, como en case todo, da man das novas tecnoloxías: as cartas en papel perderon algo de terreo porque a xente agora se comunica máis por internet, pero isto se viu compensado co incremento do envío de paquetes porque ao mesmo tempo se multiplicou o uso do comercio electrónico (e-commerce). 

Correos aumentou a súa oferta de servizos de paquetería para cubrir todas as necesidades, dende o servizo de postal express ao servizo 48/72 horas ou o paquete azul. "A xente segue preferindo acudir a nós. Temos unha relación especial cos cidadáns e confían no carteiro, resúltalles máis familiar, sen ánimo de ofender a ninguén", asegura José Rivero, xefe de Distribución de Correos na bisbarra de Vigo.

Hai uns días rematou a tempada do Nadal na que o traballo se incrementa neste servizo, cun 25% máis de envíos, sobre todo en paquetería. Correos colaboran cos Reis Magos colocando unha caixa de correo específica para o Carteiro Real en todas as oficinas. Moitos nenos recibiron unha contestación de Correos para que saiban que a carta chega e para que "a ilusión non se perda", explica Rivero.

Para o Xefe de Distribución o servizo está ben dimensionado con 165 repartidores no reparto de ordinaria e 28 en urxentes, e cun parque móbil de 90 motos e 14 coches. A nivel nacional son 53.000 empregados. Por outro lado, a cidade dispón de 50 caixas de correo columna de cor amarela, 31 caixas de correo murais no rural e as bocas-buzons de correo nas dez oficinas da cidade