22 de feb. de 2024

A CIG-Correos denuncia a “excesiva e inasumíbel” carga de traballo que sofren as carteiras e carteiros na Unidade de Reparto de Lalin

 

CIG-Correos demanda a cobertura de vacantes na unidade de 
reparto de Lalín para garantir o servizo postal universal.

A CIG-Correos concentrouse esta tarde diante da oficina principal de Correos de Santiago de Compostela, na rúa do Franco, onde está a Xefatura Territorial, para denunciar a falta de persoal na  unidade de reparto de Lalín pola falta de cobertura de vacantes e outro tipo de baixas e exixir que se garanta o servizo postal universal nesta localidade.

A CIG-Correos vén denunciando os problemas derivados da falta de persoal en Lalín con múltiples concentracións convocadas na semana anterior ás eleccións. Daquela denunciaban a falta de 6 traballadores/as nun cadro de persoal de 23, o que obrigou ao persoal a realizar os repartos con só 17 carteiros/as na oficina na quenda de mañá, 13 rurais  e 4 urbanos.

Diante das mobilizacións e denuncias de falta de persoal, Correos reforzou o reparto coa formalización dun contrato na quenda de mañá e outro na de tarde. Reforzo “claramente insuficiente” para o persoal que, tal e como denuncia CIG-Correos, tivo que soportar unha “excesiva e inasumíbel” carga de traballo polas rutas tan grandes en distancia e tempo de desprazamento.

Segundo explicaron no decurso da concentración as traballadores/es afectadas, a situación persiste a día de hoxe, sen que a empresa pública adopte as medidas necesarias para cubrir todas as ausencias e vacantes e garantir así a correcta prestación do servizo postal universal.

Por iso esta tarde se concentraron diante da Xefatura Territorial, para denunciar as deficiencias no reparto mais tamén a presión psicolóxica á que está exposto o persoal.

Neste sentido, as traballadoras e traballadores reclamaron que se reverta a situación para que “se cumpran os criterios de calidade e servizo público que marca a lei e os dereitos de todos os veciños e veciñas”.


Prensa:

La Voz de Galicia

Faro de Vigo