8 de maio de 2024

As carteiras e carteiros toman as estradas da comarca: Caravana de coches e asubíos contra Correos en Lalin.


En xaneiro os profesionais da Unidade de Repartición de Lalín da empresa pública Correos iniciaron as súas mobilizacións na localidade con concentracións que logo levaron ante as oficinas da compañía en Santiago ou Pontevedra. Os carteiros denuncian desde entón que son incapaces de asumir unha carga de traballo que debería ser xestionada cun total de 23 prazas, aínda que son 19 os repartidores os que están a realizar a distribución do correo polo termo municipal lalinense, así como nos concellos de Agolada, Rodeiro e Dozón.

O persoal participou onte nunha nova protesta que, organizada pola Confederación Intersindical Galega, consistiu nunha caravana de vehículos que partiu da urbanización de O Regueiriño (Lalín) e percorreu os demais concellos antes citados. Foron algo máis dunha vintena de turismos os que luciron lemas reivindicativos cos que instan a Correos a completar as catro vacantes que están sen cubrir. Diante dos consistorios de, por esta orde, Dozón, Rodeiro e Agolada, despregaron pancartas e gritaron proclamas en defensa da calidade deste servizo público e universal. A pesar de que a empresa cubriu algúns postos durante as pasadas eleccións autonómicas ou asume contratos puntais por baixas ou permisos curtos, os carteiros insisten en que os medios humanos son escasos. Se Correos mantén esta postura valoran realizar paros puntuais ou mesmo unha folga.


Notas de prensa: La voz de Galicia


COA CIG SOMOS MÁIS FORTES