20 de feb. de 2019

O 8 de Marzo, en Correos, as mulleres galegas paramos!


Na histórica xornada do 8 de marzo do pasado ano, miles de galegas ateigamos as prazas e vilas do país participando no Paro internacional de mulleres, conseguindo pór no foco do debate social a problemática dos coidados e a discriminación que sufrimos as mulleres tanto nos lugares de traballo como fóra destes. 

Un ano despois, cómpre impulsarmos na Galiza un novo día de loita, para que dunha vez por todas o poder entenda que as mulleres estamos fartas da desigualdade e das agresións que sufrimos e porque non imos permitir que nos fagan retroceder nos nosos dereitos, cando aínda nos quedan moitos por conquistar.

A precariedade segue a definir o emprego das galegas

A precariedade segue a ser a definición da tipoloxía do emprego das galegas. Seguimos a sufrir fenda  salarial, traballando  en categorías  inferiores,  con peores  retribucións  polo  mero feito de sermos mulleres. Continuamos afastadas dos grupos de poder e de toma de decisións por mor dun chan pegañento que nos impide promocionar.  Seguimos  aturando acoso  e agresións  sexuais a  pesar  da  existencia  de  protocolos  nas empresas. Aínda somos despedidas a causa da nosa  maternidade.  Continuamos  realizando duplas  e  triplas xornadas  e  con  escasos  dereitos laborais  que  faciliten  a  conciliación,  obrigándonos  na  práctica  a reducir  horarios  e  ingresos.


Somos  moitas  as  que formamos  parte  da  economía  somerxida,  exercendo  actividades laborais sen dereito a prestacións. Seguimos a sufrir o  impacto  dos contratos  a  tempo parcial  e  de curta duración... Vellas e novas fórmulas de explotación  laboral que  derivan  ao  final  da  nosa vida nunhas xubilacións miserentas, agravadas por mor  das  lagoas  de  cotización  derivadas do  coidado da familia. A isto hai que sumarlle o enorme risco de empobrecemento que persiste entre as  desempregadas,  xa  que  moitas  delas  carecen de calquera tipo de prestación, e máis da metade perciben subsidios de escasa contía.

Polas que estamos e polas que xa non teñen voz, iremos á folga. O 8 de marzo  na  Galiza as mulleres estamos chamadas a unha xornada de folga, unha folga laboral, no ensino, de consumo, de coidados. Unha folga para denunciar as discriminacións e o machismo que sufrimos, mais tamén para desmontar e denunciar a hipocrisía e  a falsidade coA que se trata a problemática específica das mulleres tanto por parte da patronal como por parte do poder político e do sistema.

Este 8 de marzo faremos folga de 24 horas por todas as mulleres que son agredidas polas súas  parellas, exparellas, xefes ou descoñecidos, insultadas, perseguidas, cuestionadas, maltratadas, acosadas, violadas, explotadas; aldraxadas pola xustiza patriarcal que dita sentenzas machistas espallando a sensación de impunidade, multiplicando as agresións; por todas as mulleres asasinadas polo mero feito de ser mulleres.

Fai folga e súmate ás mobilizacións convocadas pola CIG e polo movemento feminista o vindeiro 8 de marzo!

MOBILIZACIÓNS

UNIÓN COMARCAL DE VIGO

VIGO: 12:00h Na Farola de Urzáiz

BUEU: 12:00h Diante do Concello (r/Eduardo Vicenti)

CANGAS: 12:00h Diante do Concello (Avda. Castelao)

MOAÑA: 12:00h Diante do Concello (r/ As Barxas)

TOMIÑO: 12:00h Diante do Concello (Praza do Seixo)

UNIÓN COMARCAL DA CORUÑA

A CORUÑA: 12:00h Na Praza de Lugo

BETANZOS: 12:00h Na Praza da Constitución

CARBALLO: 12:00h Na Praza do Concello

CEE: 12:00h Na Praza 8 de Marzo

UNIÓN COMARCAL DE COMPOSTELA

COMPOSTELA: 11:00h Na Xunta de Galiza (San Caetano)

COMPOSTELA: 11:30h No CHUS (Hospital Clínico)

COMPOSTELA: 12:00h Na Praza de Galiza

RIANXO: 12:00h Na Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE FERROL

FERROL: 11:30h No edificio da Xunta (Praza de Amada García)

AS PONTES: 12:00h Na Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE LUGO

LUGO: 12:30h

BURELA: 12:00h Diante do Concello

MONFORTE: 12:00h Na Praza de España

RIBADEO: 12:00h Diante do Concello

VIVEIRO: 12:00h Diante do Concello

UNIÓN COMARCAL DE OURENSE

OURENSE: 11:30h Diante da Mutua Universal

O BARCO DE VALDEORRAS: 20:00h Na Praza do Concello

VERÍN: 12:00h Na Praza do Concello

UNIÓN COMARCAL DE PONTEVEDRA

PONTEVEDRA: 12:00h Na Praza da Peregrina

VILAGARCÍA DE AROUSA: 12:00h Na Praza Ravella

A ESTRADA: 12:00h Na Praza do Mercado

PARTICIPA!!      #cigcorreosenloita