A Secretaría da Muller da CIG vén de presentar,
en rolda de prensa, a campaña do 8 de marzo, Día da Muller Traballadora, que se
desenvolve este ano baixo o lema de “FARTAS!”. Margarida Corral,
secretaria confederal de Muller e Mocidade anunciou as diversas mobilizacións
que con este motivo convoca, ou nas que participa, a central sindical e
denunciou as “celebracións e conmemoracións hipócritas por parte das mesmas
administracións e poderes que recortan os nosos dereitos”. Ademais presentouse
o informe “A situación da Muller no Mercado Laboral en Galiza no ano 2012”, elaborado polo
Departamento de Economía, no que se constata que, alén do paro, as condicións
laborais da muller en Galiza son cada vez peores.
A secretaria
confederal de Muller lembrou que malia levar máis dun século conmemorando o día
8 de Marzo, “en pleno ano 2013, as mulleres de hoxe saímos á rúa para
denunciarmos a mesma opresión. Porque o sistema capitalista segue abrindo
fendas entre as clases sociais, e segue artellando unha división sexual da
sociedade e do traballo que nos prexudica tanto como antes”.
Corral chamou a facerlle fronte a esta
situación “como fixeron as nosas avoas” para dicir que “estamos fartas de
sermos discriminadas; da situación de desvantaxe histórica que sufrimos; de
cobrarmos menos salarios ca os homes; da temporalidade dos nosos contratos; de
que sexan a tempo parcial e da persecución por exercermos o noso dereito a
compatibilizar traballo e vida persoal e familiar”. Denunciou que as medidas
que se van adoptando, como os protocolos e plans de igualdade en empresas “non
son máis ca declaracións de intencións, por imperativo legal ou co único
obxectivo de acceder a subvencións” e que a inclusión da perspectiva de xénero
na negociación colectiva é “inexistente ou residual”.
Xunto isto denunciou a dupla e tripla xornada
que afrontan as mulleres galegas que teñen que dedicar “horas infinitas ás
tarefas do fogar e dos coidados”. Pero tamén a economía somerxida; o teito de
cristal; o acoso sexual; a normalidade coa que se asumen as mortes por mor da
violencia machista; a discriminación “pola nosa orientación sexual” ou a falta
de cobertura das prestacións por mor da temporalidade dos contratos que se lle
fan ás mulleres.
Ante iso proclamou que “estamos fartas do
desemprego, da falta de protección social; de pertencermos a categorías e
réximes especiais que nos discriminan; de sermos inmigrantes sen papeis, sen
dereitos; da sangría migratoria que asolaga o noso país por mor da inexistencia
de saídas laborais; da privatización dos servizos públicos, mentres se invisten
cartos públicos en empresas privadas e dunha reforma laboral que só supuxo máis
paro, máis precariedade e despedimentos máis baratos”. Por iso fixo un
chamamento a responder participar nas mobilizacións convocadas con motivo desta
data, contra as políticas “neoliberais e ultraconservadoras” do Partido Popular,
“ao servizo da gran banca e de entidades relixiosas” e denunciou as celebracións
e conmemoracións hipócritas por parte das mesmas administracións e poderes que
recortan os nosos dereitos.
A CIG
ten convocadas nas cidades concentracións, no marco dunha xornada nacional de
loita, o propio 8 de marzo, ás 12:00 da mañá:
- Coruña, diante da empresa EUROCEN,
- Compostela, diante da oficina da
Fundación para a Calidade Industrial e o Desenvolvemento Tecnolóxico de Galiza,
en Área Central
- Lugo, diante do Gran Hotel de Lugo
- Ourense, diante da Confederación de Empresarios, ás 12 horas.
- Pontevedra, na chamada praza 8 de
marzo, logo dunha asemblea de delegadas
- Vigo e Ferrol, en resposta ás duras
condicións laborais impostas no convenio das grandes superficies comerciais (en
Vigo diante do Corte Inglés, e en Ferrol diante do Centro Comercial Odeón)
Alén
destas concentracións de traballadoras, a CIG participará nas concentracións
convocadas pola Marcha Mundial das Mulleres, na tarde do día 8 en Vigo e
Ferrol, e na concentración cidadá prevista na Coruña contra o peche do Centro
de Orientación Familiar da Coruña, como organización convocante xunto con
outras asociacións e entidades feministas na mobilización nacional que sairá o
día 9 de marzo ás 12:30 horas da
Estación de tren de Compostela, baixo o lema Mulleres Galegas en loita polos nosos dereitos!, e nas mobilizacións
comarcais convocadas pola CIG o 10 de marzo, Día da clase obreira galega.
O día 7
celebrarase ademais a VII Edición dos Premios 8 de marzo, ás 18 horas, nun acto
público que terá lugar no Hotel Porta do Camiño.
Incremento da
poboación activa
O informe fai un percorrido pola situación laboral da
Muller no ano 2012 pero tamén polas mudanzas que se deron nas condicións
laborais desde que comezou a crise. Nese sentido, a economista Natividade López
Gromaz, salientou o incremento da poboación activa, provocado polo aumento do
número de mulleres que pasan a ser demandantes de emprego. “Maiores de 55 anos
que eran amas de casa e que teñen que saír ao mercado laboral a buscar un posto
de traballo, nunha situación na que non hai emprego para ninguén. Ten que ser
por mor dunha situación familiar moi precaria”.
Isto, ao entender de López Gromaz, desfigura os datos
da muller no mercado laboral, porque semella que se están incorporando moitas
mulleres, pero agocha detrás unha realidade alarmante. Neste lustro perdéronse 160.000
postos de traballo. Máis entre homes porque a crise afectou primeiro a sectores
moi masculinizados, como a Construción ou o sector do Metal. Porén neste último
ano disparouse moito a destrución de emprego feminino, porque o sector Servizos,
que até o de agora se foi mantendo, foi en 2012 o máis prexudicado. Tal é así
que neste último ano, neste sector, 8.400 mulleres perderon o emprego, cando en
total foron 10.800 as mulleres que pasaron a engrosar as listas do paro. Unha
media de 30 mulleres diarias.
Xunto a isto, a responsábel do Gabinete de Economía
salientou “a desfeita” do sector da administración e a perda de emprego que se
dá en Sanidade, Educación e Servizos Sociais, xunto con hostalería e comercio.
“O que nos preocupa é que é o principio e que para este ano vai empeorar a
situación para o emprego feminino”. Malia esta destrución de emprego, tamén é
rechamante a diminución da taxa de temporalidade. Porén tamén isto agocha outro
dato demoledor, xa que esa diminución prodúcese “non tanto porque aumente o
indefinido senón pola destrución do temporal”. Natividade López Gromaz apunta
tamén ao cambio de réxime especial da seguridade social para as empregadas do
fogar, que pasan a ter un contrato indefinido.
O problema é “por cantas horas e por que salarios”.
660.000 contratos
asinados en 2012
Do informe tírase ademais que medra a xornada parcial
e aumenta o número de contratos, tanto entre homes como entre mulleres. E ten
que ser así porque malia esta destrución masiva de emprego, rexistráronse
660.000 contratos en Galiza, 320.000 entre mulleres. Unha media de case 3
contratos por muller ao ano. “Redúcese a temporalidade, os contratos son moi
abundantes e de pouca duración”. Iso leva a que sexa a primeira vez que caen os
ingresos tanto dos homes e das mulleres, xa que segundo os datos da Axencia
Tributaria, os últimos publicados de 2011, os ingresos declarados diminuíron un
0,23%, sen descontar o IPC, o que constata “a perda de poder adquisitivo que
está sufrindo a clase traballadora en xeral e as mulleres en particular”.
Natividade López Gromaz alertou de que esta situación
vaise agravar este ano porque acaba de asinarse o convenio de grandes almacéns,
que afecta a 13.000 persoas en Galiza, o 80% mulleres e contempla unha perda dun
2,5% de media de ingresos. Xunto a este, o do pequeno comercio está a piques de
se asinar nas mesas condicións e na administración tamén se rebaixan as
condicións salariais. Todos sectores feminizados.
Emigraron 37.500
mulleres
A taxa de paro duplicouse nestes anos e pasou dun 10 a un 20% en cinco anos. Un
dato que matizou que non medra máis grazas á emigración porque “durante este
período marcharon de Galiza 37.500 mulleres de entre 15 e 34 anos, no mellor da
idade laboral e reprodutiva”. En conxunto foron 77.000 persoas as que emigraron
nesta franxa de idade. “Sen esta emigración, a taxa de paro incrementaríase até
chegar ao 25%. Evidentemente á Xunta de Galiza non lle interesa nada que se
coñezan estes datos e segue a presumir de que temos un diferencial de cinco
puntos coa media do estado pero se sae isto á luz a situación sería ben
distinto”.
Dependencia das pensións
Gromaz subliñou tamén que xubiladas e pensionistas
estanse facendo cargo de moitísimas familias que están vivindo grazas ás súas
pensións. Hai case 400.000 mulleres pensionistas, das que 166.000 son viúvas e
outras moitas con incapacidade permanente.
Os ingresos medios das pensionistas son de 556€ ao mes, mentres que os
dos homes son de 873€. A pobreza comeza
a ser alarmante e xunto ao paro, baixas pensións e baixos salarios hai 3.700
mulleres que xa non teñen nada, só a RISGA. “Unha miseria pero é algo de
subsistencia”.
Fonte: AVANTAR