27 de out. de 2016

CIGcorreos: Caza de bruxas en Correos

CORREOS ANTICÍPASE AO "SAMAÍN" PRACTICANDO A CAZA DE BRUXAS CUNHA CARTEIRA DE BOIRO


Defensa institucional e presunción de inocencia... segundo para quen. 

Cando un dos xefes ou xefeciños de Correos comete algunha irregularidade, con independencia do calado que teña, os seus superiores, altos cargos e non tan altos,  desvívense por defendelo, vástalles para elo facer uso do argumento fácil: "es de los nuestros..."

Pola contra cando inxustificadamente é acusado dun erro un traballador base, son moi dados a tomar medidas precipitadas sen escoitar alegacións nin agardar polos procedementos legalmente establecidos, asi xa de primeira man a razón é para o usuario de Correos, dando por feito que o traballador/a cometeu unha irregularidade: "el usuario siempre tiene razón"

Sanción provisional de emprego e soldo

Neste caso que nos ocupa, a traballadora foi sancionada provisionalmente sen emprego e soldo, facendo uso Correos da facultade que ten para casos de extrema gravidade. Se por gravidade entenden un erro (que non compartimos para nada) na devolución dunhas cartas, quixeramos saber que valoración se lle deu no seu día a outros casos nos que desapareceu diñeiro, correspondencia ou se traficou con substancias prohibidas sen que se puxera en marcha un mecanismo sancionador tan estricto e precipitado.

Certificacións de dubidosa veracidade

O concello de Boiro, limítase a certificar que a Cooperativa denunciante ten o seu domicilio fiscal nunha determinada dirección. (Como se non se puidera poñer o domicilio fiscal, sen comprobar que este se axusta á dirección real onde se atopa)
Nos demandaremos do Concello que certifique cal é a dirección postal onde se atopa o edificio da Cooperativa co seu numero de policía, co seu rueiro, no caso de habelo, co seu barrio ou núcleo de poboación e coa súa parroquia, que xunto co código postal e o concello son os datos necesarios para poder efectuar o reparto con garantías de entrega na zona rural.

Pola súa banda, Correos apurouse a asumir a culpabilidade afirmando que a dirección dos envíos que se devolveran era correcta e que polo tanto foran mal devoltos. 
Non entendemos tal premura, e mais cando a traballadora fixo as devolucións seguindo as instrucións recibidas e o procedemento establecido pola normativa, que é recordado con frecuencia por todas as xefaturas de reparto dicíndolles ós carteiros que devolvan toda correspondencia que teña mal a dirección ou a que veña con señas insuficientes.

Caza de bruxas

Logo da mala praxe por parte dun repartidor, que destaparon os medios de comunicación na zona de Fene recentemente, e agora o feito desta denuncia da Cooperativa que tomou as cabeceiras dos diarios sobre todo da comarca do Barbanza, pensamos que Correos quixo poñerlle freo a esta "mala prensa" e non se lle ocorríu mellor remedio que asumir culpas e "cebarse" coa traballadora para calmar os ánimos, anunciando a bombo e platiño a súa suspensión de emprego e soldo. 
Unha auténtica "caza de bruxas" para encetar o "samain" de Correos, sen pensar na repercusión que este feito ten para a traballadora, para seu crédito e imaxe, xa non so a nivel profesional senón privado e persoal polo trato de culpable que se lle esta dando nos medios, que fan que os veciños e usuarios do servicio que atende cheguen a conclusións erradas sobre a súa profesionalidade e todo acaba trascendendo porque ó fin os carteiros/as somos moi coñecidos, e sobre todo nos pobos e nas zonas rurais.

Dende a CIGcorreos esiximos que a empresa (Correos) recitifique, que retome a cordura e que acometa este tipo de situacións coa máxima prudencia, agardando a posicionarse ao momento no que se resolvan os procesos e non precipitarse tomando decisión que son inxustas e que carrexan danos irreparables para os que as sofren.