![]() |
Santiago de Compostela |
Manifesta o seu rexeitamento ao acordo marco asinado por CCOO, UGT, CSIF e Sindicato Libre e reclaman un convenio digno.
Representantes da CIG-Correos concentráronse este xoves 10 de abril diante da oficina principal, na Rúa do Franco de Santiago de Compostela, en defensa do futuro de Correos e de todo o persoal. A mobilización coincidía coas convocadas LAB, SIPcte, ESK, Intersindical Canaria, ELA e Intersindical Valenciana en Barcelona, Iruñea-Pamplona, Santa Cruz de Tenerife, Bilbo, Donostia e Gasteiz.
As organizacións sindicais advirtem da posible imposición dunha modificación do III Convenio Colectivo e do Acordo para o persoal de Correos que pode incluír graves consecuencias para as condicións de traballo e por extensión para o servizo postal público que prestan.
Advirten que as condicións do persoal de Correos poden seguir degradándose aínda máis porque, segundo denuncian, a empresa e os sindicatos CCOO, UXT, CSIF e Sindicato Libre asinaron un acordo que pode supoñer a destrución de miles de postos de traballo ao pasar os gastos de persoal do 85% actual ao 70% en 2 anos, vincularse o réxime retributivo con medicións individuais do desempeño, implantar un calendario laboral no que un 10% das horas por xornada serán variables en función da carga prevista e dar outra volta de porca máis na mobilidade funcional, xeográfica e intercentros. “Todo isto influirá directamente na cantidade e calidade do emprego así como na prestación dun servizo público de calidade en favor da comunidade que realiza a empresa pública”, afirman.
Desde a unidade sindical contraria ao devandito acordo, esixen unha regulación con dereitos para o futuro IV Convenio Colectivo e o Acordo, no que se melloren aspectos centrais como son o salario, a xornada, a conciliación e a saúde laboral. Apostando por Correos como un Servizo Público de calidade. Con demandas como a inclusión da cláusula de revisión salarial para vincular os soldos ao IPC, a instauración das 35 horas semanais, a cobertura real de todas as prazas estruturais e a recuperación de miles de postos de traballo perdidos, “totalmente oposto ao que nos queren impor desde Madrid”.
COA CIG NA RÚA A LOITA CONTINUA