18 de mar. de 2025

PRORROGA “IN EXTREMIS” DO ACORDO DA VERGONZA ASINADO POR CCOO, UGT e CSIF


A CIG dixo alto e claro na reunión da Mesa Sectorial en Madrid do día 13 de marzo que NON ía a subscribir ningún Acordo que non conteña melloras substanciais nas condicións laborais e retributivas dos traballadores e traballadoras de Correos.

Tamén expuxemos que tras excluírnos das negociacións anteriores, desta volta víronse obrigados a citarnos por mor das demandas interpostas pola CIG perante a xustiza , e non grazas á boa fe da empresa e os sindicatos asinantes (CCOO, UGT, CSIF e SL) do Acordo da Vergonza que pretenden secuestrar e dificultar a acción sindical das organizacións contrarias a el. 

Dous días despois o sábado 15 de Marzo a empresa puxo de novo outro documento á firma dos sindicatos membros da Mesa Sectorial, no que primeiramente debían ratificarse no Acordo Marco asinado o 31 de decembro de 2024, de des-regulación das condicións laborais e retributivas, novo sistema retributivo onde a parte variable prevalece sobre a fixa en base a obxectivos da empresa , mobilidade funcional e xeográfica, cambios de quendas e xornadas (de martes a sábado), incremento de traballo polas tardes, bolsa de horas anuais a disposición da empresa, plan de saídas voluntarias para o persoal laboral que non son outra cousa que despedimentos, e o máis importante para CCOO un exame de Ingreso para coller as subvencións millonarias. 

En segundo lugar ampliaban o prazo de negociación da primeira fase pasando do 15 de marzo ao 30 de xuño de 2025, recoñecendo Correos que non se podían cumprir os prazos. 

Primeira Fase: 

Excedencias Incentivadas: Correos expón claramente que non sabe cantos funcionarios/as poderán beneficiarse desta medida posto que non hai cartos. Simplemente di que o plan de excedencias estará baseado na última convocatoria de abril de 2023. Abrirase un prazo de solicitudes dende o 7 de abril ate o 24 de abril de 2025. 

Desagrupación Centros Nodais: Re-colocación de todo o persoal en Centros de traballo de Correos, que poderá implicar cambio de centro, de funcións e de quenda cunha gratificación única de até 1.500€ sempre que non implique un incremento de xornada laboral. Isto suporá unha modificación substancial das condicións de traballo e tratarase en cada provincia cos sindicatos con representación na mesma. 

Ciclo de Emprego: Sen ter unha visión clara do futuro e das necesidades reais do persoal, posto que non se sabe cantos traballadores/as marcharán da empresa vía xubilacións, prexubilacións, excedencias incentivadas, saídas voluntarias, e sen ter en conta o/as traballadores/as dos Centros Nodais que ocuparán praza en reparto, Correos inclúe un proceso de Consolidación para contentar a única esixencia real deste seudo-sindicato CCOO.

A CIG NON VENDE OS DEREITOS DAS TRABALLADORAS/ES