O pasado 19 de decembro o Goberno español, xunto coa Patronal, CCOO e UGT, asinaron un novo Acordo de Pensións despois dun proceso de negociación escurantista e ilegal, no chamado diálogo social, fóra dos organismos ofi ciais de representación institucional tripartita, sen respectar os dereitos de representación que temos as centrais sindicais máis representativas e maioritarias, como a CIG.
Este Acordo súmase aos recortes nas pensións públicas e ao fomento da súa privatización a través dos plans de pensión de emprego. Non lle abonda con aumentar a idade da xubilación (67 anos) e mais os anos para o cálculo da pensión (29 anos). Vivimos nas reformas permanentes que penalizan a xubila ción anticipada, fomentan tramposamente o retraso da xubilación e fan máis graves as discriminación para acceder á xubilación parcial, xa que só determinados colectivos de persoas traballadoras poden xubilarse, pero só transitoriamente, aos 61 anos.
Unha parte deste acordo, que foi aprobada polo Goberno no Decreto 11/2024 e está pendente de validación no Congreso dos Deputados, contén importantes recortes que acaban coa xubilación parcial.
Tendo en conta que a xubilación coa reforma do 2011 se sitúa nos 67 anos, temos que denunciar que non se restablece o dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras, que se foi recortando na reforma das pensións do 2011, 2013 e 2019. E nin tan sequera se mantén para os colectivos de persoas traballadoras “da industria manufactureira”, que xa non poderán xubilarse aos 61 anos desde o 31-12-2029.
Estamos ante un Decreto que non garante o dereito da persoa traballadora á xubilación parcial, xa que segue estando na vontade da empresa acoller a solicitude. Neste sentido, a aparente mellora das condicións a cumprir sobre porcentaxes de bases de cotización, porcentaxe de contratación indefinida na empresa, etc., son na realidade medidas de endurecemento e desincentivo para acollerse á xubilación parcial.
O adianto para acceder á xubilación parcial a 3 anos, antes 2 anos, non é avance real ningún: séguese exixindo 33 anos de cotización mínima, sen
computar pagas extras nin coefi cientes redutores. Ademais, durante o primeiro ano, a xornada só poderá reducirse entre un 20 % e un 33 %, para quen anticipe máis de dous anos o acceso á xubilación.
Por último, cómpre ter en conta que o calendario para acceder á xubilación parcial xa estaba para o 2027 nos 63 ou 65 segundo a túa vida laboral permitise xubilarse aos 65 ou 67 anos respectivamente.
Non podemos calar que impoñan “pola porta de atrás” unha nova reforma que ten recortes de dereitos e segue sen dar solución ás reivindicacións que, desde hai anos, vimos reclamando en moitos destes sectores de actividade e postos de traballo nos que estamos condenados a prolongar a vida laboral en actividades penosas e de grande esforzo físico e psíquico.
Temos claro que non se pode seguir na inxustiza de prolongar a vida laboral, impedindo chegar á xubilación en condicións de poder desfrutala, como tampouco non se pode seguir negando a entrada da xente nova ao mundo do traballo, cronificando a emigración e o paro xuvenil entre os e as menores de 25 anos, sendo o Estado español o que ten maior porcentaxe de desemprego xuvenil de Europa.
Desde a CIG demandamos que Congreso dos Deputados diga non a este Decreto até que non se conteñan as seguintes medidas:
- Recuperación do dereito á xubilación parcial aos 61 anos para todas as persoas traballadoras e sectores.
- Xubilación aos 65 anos, e voluntaria a partir de ter 35 anos cotizados, reais ou por aplicación dos coeficientes redutores en determinadas profesións.
- Recoñecemento por lei e mellora dos procedementos para acceder aos coeficientes redutores para anticipar a xubilación sen recortes e con todos os dereitos.