8 de mar. de 2019

10 de marzo Día da Clase Obreira Galega: recuperar dereitos para avanzar

Na Galiza 

emprego, 

salarios 

e pensións dignas



A CIG chama a mobilizarse o vindeiro domingo, 10 de marzo, Día da Clase Obreira Galega, para exixir que se derroguen as reformas laborais e as políticas executadas coa escusa da crise porque cada día que pasa medra a precariedade, a pobreza laboral e continúa a perda xeneralizada do poder adquisitivo da clase traballadora galega.

Mobilizacións

Vigo: Manifestación desde a Dobrada ás 12h

Pontevedra: Praza da Peregrina, 12h

Vilagarcía: Praza de Galiza, 12h

Compostela: Praza Roxa, 11:30h

A Coruña: Manifestación desde a Praza de Vigo ás 12h

Ferrol: Manifestación desde o Monumento ao 10 de marzo ás 12h

Lugo: Manifestación desde o Edificio Sindical ás 12h

Ourense: Praza do Ferro, 11:30h

Os contratos por horas, días ou como máximo semanas; a utilización dos contratos a tempo parcial, das ETT, de falsos/as autónomos/as, das empresas multiservizos, dos centros especiais de emprego; e o intento da imposición de convenios colectivos estatais fronte aos provincias e de ámbito galego son as novas realidades no mundo do traballo que están a fomentar o empobrecemento xeneralizado da clase traballadora e a afondar na perpetuación das desigualdades de xénero.

A perda de emprego, o desmantelamento industrial e o peche de empresas, xunto coa emigración, son unha constante, evidenciándose de forma dramática o dano que están a provocar as políticas neoliberais en Galiza.

O Goberno español do PSOE seguíu a manter o modelo económico e de relacións laborais nacido das reformas laborais aprobadas en 2010, pero sobre todo en 2013, que teñen significado un verdadeiro atentado e un golpe de Estado aos dereitos laborais e sociais e á negociación colectiva.

De feito, as medidas aprobadas nos últimos meses, e as que se anuncian nos Orzamentos Xerais do Estado para 2019, son claramente insuficientes (decreto sobre salario mínimo, etc.) e inxustas (decreto contratos relevo e xubilación parcial, etc.), cando non continuístas das políticas do PP (des censo da inversión en Galiza, mantemento da reforma das pensións do 2011 e 2013, etc.)

Nesta situación, e neste momento de inestabilidade política e institucional, temos que ser conscientes e non caer no engano de crer que as solucións virán polas concesións que nos faga o poder económico. Como tampouco as conseguiremos dun poder político que está ao servizo do capital e non da clase traballadora. Así mesmo, denunciamos unha vez máis a lacra que representa o chamado diálogo social, a concertación social que lamentabelmente seguen a practicar a diario UGT e CCOO coa patronal e cos Gobernos español e galego, colaborando na desmobilización e afondando na mentira de que por esta vía a clase traballadora poderá mellorar.