4 de xan. de 2019

Correos, desbordado polo reparto de compras por internet en Vigo.


CIG-Correos alerta da acumulación de cartas certificadas, con esperas de 10 días
O incremento das compras por internet en Vigo no último mes levou ao persoal de Correos, encargado da repartición de paquetes, a facer pública a situación de carga de traballo á que se enfrontan e que está a afectar directamente a outro tipo de envíos como as cartas ordinarias e certificadas. Así o asegurou onte Antón García Branco, executivo nacional da CIG Correos, quen pediu “máis persoal para poder dar saída ao correo”. Segundo explicou, “o envío de miles de paquetes impide repartir as cartas certificadas e hai algunhas con dez días de espera”. Lembrou que entre esas misivas atópanse notificacións da Axencia Tributaria, do servizo eléctrico ou da auga e mesmo multas de Tráfico, cuxo atraso en ser recibidas polo cliente, “pode supoñer un gran prexuízo”.

O convenio de Correos con algúns dos principais portais de venda por internet como Amazon incrementou eses envíos nun 33%. “A carga de traballo é tal que o persoal non dá a basto, por iso pedimos reforzo mediante contratacións de traballadores que están as bolsas e que son os que fan substitucións, para poder dar saída á acumulación do correo tradicional”.

O representante sindical afirma que houbo un reforzo para a clasificación pero non para a repartición e “non hai suficientes compañeiros”, o que fai que “sexa imposible asumir a carga de traballo”.
García Branco incidiu en que a maior preocupación ten que ver coas cartas certificadas, “queremos seguir dando un bo servizo, pero sen un reforzo é imposible facelo”.
Correos recibe millóns de paquetes para o envío a domicilio referentes a compras que se realizan por internet, algunhas delas de produtos mesmo por baixo do euro.
A pesar do gran descenso das comunicacións tradicionais por carta, séguense mantendo as que se refiren a envíos que requiren entregan en man para garantir a súa recepción con asuntos que habitualmente levan implícito un prazo, de aí o temor dos traballadores, insistiu.