18 de maio de 2015

A CIG-Correos denuncia o desmantelamento progresivo do servizo postal na provincia de Ourense

Dende a central critican que non se substitúen as baixas de persoal a pesar da sobrecarga de traballo a causa das eleccións



Os representantes da CIG en Correos na provincia de Ourense denuncian o desmantelamento progresivo do servizo postal nesta provincia “que se está a producir e a incrementar de xeito significativo, en especial dun tempo a esta parte”. Ao mesmo tempo, dende a central critican que non se substitúen as baixas de persoal a pesar da sobrecarga de traballo a causa das eleccións.

Dende a central lembran que hai anos que veñen denunciando o desmantelamento do cadro de persoal de Correos xa que “veñen realizándose de xeito progresivo e rotativo estudos de dimensionamento das unidades de reparto de todas as vilas e capitais e como consecuencia disto, e amparándose no descenso do volume do número de envíos (feito lóxico polas novas tecnoloxías), implántanse forzosamente novas áreas de reparto moito máis amplas, prazas que resultan inasumibles diariamente dentro da xornada laboral normal, tanto no ámbito rural coma nas capitais de provincia”.
Critican que estes dimensionamentos supoñen, ademais de áreas inasumíbeis, un drástico recorte no persoal, coa amortización de grande número de empregos. “Exemplificado en datos, en cinco anos teñen desaparecido máis de 15.000 postos de traballo en Correos no conxunto do Estado, pasando de 67.000 a 52.000 traballadores/as”.
A isto hai que sumarlle novas políticas nas xestións das tarefas do persoal de reparto, xeneralizándose a implantación da figura do recargo: ter que asumir forzosamente ademais da súa área ou praza parte doutras áreas de reparto na ausencia dos titulares dos mesmos. “Deste xeito, non se contrata a ninguén sempre que se pode evitar, e tendo en conta que xa non son asumíbeis as áreas de antemán, moito menos deste xeito; isto conleva inevitabelmenteun grande deterioro na calidade do servicio, así como tamén a destrución do potencial emprego eventual”.
Mais para os representantes da CIG-Correos “a gota que colma o vaso” foi que para evitar gasto en horas extraordinarias durante a campaña electoral para o reparto tanto das tarxetas do INE coma da propaganda electoral “agora díctanse instruccións para alternar o reparto do correo coa misiva electoral, en días alternos, conculcando a lei”.
Neste senso, lembran que a Directiva 2008/6/CE do 20 de febreiro do Parlamento e do Consello e tamén na súa transposición a Lei 43/2010 de 30 de decembro do servizo postal universal, sobre dereitos dos usuarios/as e do mercado postal, di textualmente no seu artigo 24 sobre as condicións de distribución que “as entregas practicaranse, polo menos, todos os días laborábeis de luns a venres, salvo no caso de concorrer circunstancias ou condicións especiais conforme ao previsto nesta lei”.