18 de mar. de 2020

RESUMO E VALORACIÓN DAS REUNIÓNS URXENTES CORREOS – OOSS SOBRE CRISE VIRUS COVID 19



En ambas reunións de carácter informativo e celebradas telefónicamente o 18/03/2020  tratáronse os mesmos puntos . A empresa fixo un relato cronolóxico dos acontecementos  resaltando que tiveron que actuar con présa e certa improvisación debido a que o estado de alarma foi declarado o sábado ás 20 horas , quedandolles así moi curto espazo de tempo para adaptarse á nova situación e preparar as instrucións para loxística, rede de oficinas e distribución.

Déronnos os datos do persoal de Correos que deu positivo en COVI19 e do persoal que está en corentena, comprometéndose a pasarnos os datos actualizados cada día, así como de manter unha reunión semanal para avaliar a situación.

Na Intervención de CIG fixémoslle saber á empresa o seguinte:

Que, a CIG presentou escritos desde o día 9 de marzo advertindo da situación e solicitando que con carácter urxente tomaran medidas e se dotara a todo o persoal de medios de protección individual (luvas, xeles desinfectantes e máscaras) do mesmo xeito que o estaban facendo noutras administracións como a Xunta e Concellos  , ante a crecente expansión do  COVI19. Por tanto,  que os pillase de improviso a situación non é  admisible.

Que, desde CIG denunciamos a improvisación e a lentitude coa que actuou Correos nesta crise do COVI19 tanto na xestión e ordenación do traballo como na compra de medios de protección.
Para CIG foi unha temeridade ter o día luns e martes a miles de traballadores nos centros de traballo sen ningún medio de protección e unha irresponsabilidade obrigalos a traballar sen medios de protección.

Por ese motivo a CIG amparado no establecido no art. 19.5 do Estatuto dos Traballadores como no art. 21 da Lei de Prevención de Riscos Laborais presentou denuncia ante as autoridades competentes nas catro provincias galegas, solicitando o cesamento inmediato da actividade laboral por risco grave e inminente. 

Para CIG as medidas de protección adoptadas son completamente insuficientes e tardías. De forma xeral e como único medio de prevención a empresa entregou luvas aos traballadores, pero coas présas esquecéuselles informarlles sobre a forma correcta de quitalos e non contaminarse. No  CTA de Lavacolla séguese traballando sen que se poida respectar o metro de distancia de seguridade ao realizar as tarefas conxuntas. As medidas de protección en oficinas foron a colocación dunhas caixas e cintas no chan delimitando a distancia a un metro, distancia que é insuficiente se un cliente  tose ou esbirra. Para CIG o persoal de ventanilla debe traballar con máscara, luvas e xeles desinfectantes e na medida do posible que se instalen biombos. Ao persoal de reparto dotóuselle no mellor dos casos dun par de luvas que deben levar posto durante as 4 ou 5 horas no que están en contacto cos cidadáns, tocando  pasamáns,  telefónellos, portas de ascensor e todo isto débeno facer sen tocarse a cara porque non teñen con que hixienizar esas luvas. 

Para CIG é un acto de tremenda irresponsabilidade , palabra que repetiremos unha e outra vez . IRRESPONSABILDADE é ter cada día a miles de carteiros pululando polas rúas e aldeas, mentres que as autoridades sanitarias repiten unha e outra vez  QUEDA NA CASA. Para CIG por diante do  SPU e dos beneficios está a saúde dos traballadores.

Desde CIG entendemos que en último caso deberiamos estar a prestar un servizo esencial mínimo , similar ao do resto da administración cun 25% do persoal . E só admitir e repartir produtos do  SPU .

Por último, reiteramos que debemos reducir o servizo e sacar das rúas á maioría do persoal hoxe ou pola contra mañá farao o virus. 


Datos da Empresa 43 traballadores/as contaxiados e 398 en corentena a día 17 de marzo

-              Zona 1 (Galicia, Asturias e Castela e León (excepto Soria): 3  contaxios, 90 en corentena.
-              Zona 2 (País Vasco, Navarra, A Rioxa, Cantabria, Aragón e Soria): 2  contaxios, 14 en                         corentena.
-              Zona 3 (Cataluña): 2  contaxios, 116 en corentena.
-              Zona 4 (Madrid, Castela-A Mancha e Estremadura): 29  contaxios, 136 en corentena.
-              Zona 5 (Comunidade Valenciana, Murcia e Illas Baleares): 2  contaxios, con 6 en corentena.
-              Zona 6 (Andalucía, Ceuta e Melilla): 4  contaxios, 36 en corentena.

-              Zona 7 (Illas Canarias): 1 contaxio, ninguén en corentena.