18 de mar. de 2014

A CIG Correos reelixe a Serxio Martínez Conde como secretario nacional


O sector de Correos da CIG-Administración reelixiu, o pasado sábado na súa VI Asemblea, a Serxio Martínez Conde como secretario nacional. 

Ao longo da mañá analizáronse as consecuencias das políticas neoliberais postas en marcha polo Partido Popular, deseñáronse as liñas de traballo a desenvolver nos próximos catro anos e elixíronse os 7 membros da nova dirección nacional.

A nova dirección nacional está composta por:

Xosé Blanco Pichel, M.Mar Díaz Lodeiro, David Díaz Tabernero, Miguel S. Núñez Pérez, Sandra Otero Fernández, M.Esther Rey Varela, Begoña Vázquez Pose

A VI Asemblea tamén elixiu a Xosé Manuel Iglesias Iglesias como representante da CIG-Correos na Dirección Nacional da CIG-Administración.

No decurso da asemblea as e os representantes do sector fixeron un repaso polas medidas postas en marcha polo PP e as súas consecuencias tanto para o sector como para as condicións laborais das e dos traballadores. Denunciaron os recortes emprendidos polo PSOE, que aprobou en 2010 un paquete de medidas que supuxo unha redución de entre un 5% e un 7% no salario do conxunto de empregadas/os públicas/os. Recortes que aínda foron maiores coa chegada do Partido Popular, que en xullo de 2012 volveu reducir os seus salarios e que ademais: eliminou a paga extra de Nadal, penalizou as baixas por enfermidade, eliminou os días do EBEP e mesmo modificou unilateralmente os pactos e dereitos sindicais. “Todas estas reducións, desde o ano 2010, supoñen na práctica que soportemos uns salarios un 37% máis baixos que hai 10 anos”, afirmaron.


Analizaron tamén as consecuencias da posta en marcha da nova Lei Postal, elaborada polo PSOE en 2010, que só se chegou a aplicar nos aspectos máis negativos para Correos, obviando temas tan importantes como o funcionamento do Consello Superior Postal, do que a CIG-Correos forma parte, pero que tras catro anos non se chegou a xuntar nin unha vez.

Denunciaron ademais o flagrante incumprimento do artigo 24 da Lei segundo o que “as entregas practicaranse polo menos todos os días laborábeis, de luns a venres” o que entenden que repercute moi negativamente non só na calidade do servizo que reciben usuarias/os, senón tamén no emprego ao provocar “de xeito brutal os recargos nas carterías”.

III Convenio colectivo e acordo xeral 2011-2013

A VI Asemblea analizou tamén o Convenio Colectivo e o Acordo Xeral, asinados en abril de 2011 por CCOO, UGT, SL e CSIF. Textos que foron rexeitados pola CIG por consideralos “non só regresivos nos dereitos dos traballadores e traballadoras, senón tamén porque non se recollían ningunha das súas históricas reivindicacións”, como aumentos salariais ou a problemática de compañeiros/as do ámbito rural a respecto do aumento imparábel dos carburantes dos seus vehículos particulares para o servizo e que só serviron para “desregular as condicións de traballo, minguar os salarios e reforzar economicamente aos asinantes”.

Xunto a isto denunciaron que os asinantes de ambos os documentos “non fixeron nin o máis mínimo esforzo para facer cumprir o que neles figuraba, preocupados unicamente por ter unha boa relación coa empresa e despreocupándose das condicións de traballo existentes en Correos”.

Durante a xornada analizaron tamén as consecuencias dos recortes de persoal impostos so pretexto da crise, da optimización de recursos e do descenso do correo. Isto provocou a practica desaparición dos chamados servizos burocráticos nas Xefaturas Provinciais; a redución do persoal de atención ao público e a introdución do emprego en precario, con persoal a tempo parcial e unha drástica redución, nun 25-30% do persoal de reparto.

Isto provocou unha intensa actividade sindical, combinando a acción sindical con reclamacións xudiciais, denuncias na Inspección de Traballo, na Axencia de Protección de Datos e mesmo mobilizacións en reclamación dun correo público e de calidade e contra a privatización e os recortes laborais e salariais.

CIG-Correos desenvolveu ademais unha importante campaña pola actualización dos suplidos por automóbiles dos traballadores/as do rural.

Esta actividade viu parella a un incremento nas eleccións sindicais o que leva a CIG-Correos a considerar que se atopa no “bo camiño” e a marcarse como obxectivo, para os vindeiros anos, “a mellora constante e a defensa e recuperación dos dereitos perdidos nestes últimos anos”.