21 de out. de 2013

O xulgado condena a Correos a admitir a un traballador nas bolsas de emprego ao que excluíra por ser xordo


A CIG de Lugo compareceu o pasado venres en rolda de prensa para informar da sentenza pola que o xulgado do social 2 de Lugo condena a Correos a incluír a un traballador nas listas de contratación, ao que excluíra por ser xordo, así como a abonarlle os salarios deixados de percibir. Dende a CIG de Lugo amosaron a súa satisfacción pola resolución xudicial, xa que se trata dun claro caso de discriminación.
 
“Parécenos un escándalo que un traballador sexa discriminado dunha empresa pública como Correos e non se lle contrate como lle correspondería pola súa posición nas listas polo feito de ser xordo”, denunciaba o Secretario Comarcal da CIG Lugo-A Mariña, Antonio Niño, durante a comparecencia para os medios, na que tamén estiveron presentes o propio traballador afectado, Miguel Fernández, e o delegado da CIG en Correos, John Vivancos. 

Niño criticou a dobre discriminación á que se veu sometida o traballador por parte de Correos: por unha banda, ser excluído das listas de contratación por ser xordo, e doutra o propio feito de quedar sen o dereito a un traballo. Por iso mesmo, dende a CIG de Lugo pídese á empresa postal que renuncie a recorrer a sentenza e acate a resolución, posto que “sería un escándalo” que unha empresa, ademais do sector público, apelase a decisión xudicial, cando “existe un móbil claramente discriminatorio”.


O traballador afectado estaba inscrito na bolsa de emprego de Correos e foi chamado (en xullo do ano pasado) para cubrir un posto como carteiro rural en Vilalba durante dous meses. Para a súa sorpresa, foi sometido a un exame médico de empresa no que se lle considerou non apto para realizar as labores de reparto e inmediatamente foi excluído das listas. 

Paradoxalmente, o afectado xa ten realizado, sen ningún tipo de problema, traballos para outras administracións públicas -nunha oficina de emprego e en varias administracións xudiciais- nos que tiña que realizar atención ao público. De feito os ditames do Equipo de Valoración e Orientación recoñécenlle unha discapacidade do 37%, mais que se considera compatíbel coas funcións do corpo de tramitación e de auxiliar de administración de xustiza.

E a este respecto, na sentenza enténdese que está demostrado que, a pesar da súa xordeira, o traballador pode comunicarse perfectamente e atender aos usuarios/as sen dificultades, mais censura que dende Correos non se lle tivese realizado ningunha proba para valorar a súa capacidade de comunicación ou atención ao público. Isto tería permitido comprobar que, efectivamente, Miguel Fernández está totalmente capacitado para desenvolver o traballo de carteiro rural.

Por iso, a sentenza declara que non hai lugar para a exclusión do traballador das bolsas de reparto de Vilalba, condenando a Correos a abonar, en concepto de indemnización, os salarios deixados de percibir.