24 de feb. de 2012

Informe da CIG sobre a nova reforma laboral

O Gabinete Técnico de Economía da CIG vén de facer público un documento no que se analizan os principais contidos da nova reforma laboral promovida polo PP e que endurece notablemente todas as medidas esenciais das normativas anteriores co único obxectivo de protexer os empresarios. O seu núcleo duro afecta á contratación, á flexibilidade interna, á negociación colectiva e ao despedimento.
O texto comeza lembrando que dende a crise económica dos anos 80 iniciouse un proceso continuado de desmantelamento do dereito do traballo a prol da parte máis forte nas relacións laborais, o capital. Até o de agora, as tres grandes reformas foron reformas para a crise, que non solucionaron nin incidiron no gravísimo problema do desemprego, pero que determinaron o modelo de relacións laborais en todo o territorio do Estado español.

A de 1984 centrada na flexibilidade de acceso ao traballo determinou a precariedade laboral típica do noso mercado laboral; a de 1994 centrouse na flexibilidade interna empeorando as condicións de traballo e configurando unha negociación colectiva a peor; a reforma de 2010 facilitou a saída, axilizando e abaratando o despedimento. Pechábase así un círculo infernal contra os traballadores e traballadoras.

Ante ese desmantelamento dos dereitos laborais, o único que lles restaba era combater directamente o contrapoder sindical, impor a individualización das relacións laborais e dificultar a autoorganización da clase traballadora. Tal cometido abordouse coa reforma da negociación colectiva no 2011 combinada cunha sistemática campaña de desprestixio do sindicalismo.

Todas estas reformas foron impostas polos Gobernos do PSOE. Agora, o actual Goberno do PP tira de látego para aprobar outra reforma que endurece notablemente todas as medidas esenciais das reformas anteriores co único obxectivo de protexer aos empresarios . O seu núcleo duro afecta á contratación, á flexibilidade interna, á negociación colectiva e ao despedimento.

Temos que seguir insistindo, diante da cidadanía, na necesidade de loitar por un cambio de sistema económico que nos permita construír un modelo de organización social e económico moito máis xusto, solidario, democrático, sostíbel desde o punto de vista social e ambiental, que estea realmente ao servizo dos intereses da clase traballadora e que garanta, no noso caso, o dereito a decidir como nación o noso futuro, é dicir, o dereito a exercer a nosa soberanía política. 

Analise da reforma laboral, prema aquí

Folleto explicativo sobre a reforma laboral, prema aquí