9 de xul. de 2013

Desmantelamento do servizo postal na provincia de Ourense

Os representantes da C.I.G. de Correos da provincia de Ourense queremos denunciar o progresivo desmantelamento do servizo postal que se está a producir e a incrementar de xeito significativo, en especial dun tempo a esta parte.
            Nesta provincia, tal e como esta central leva denunciado, fai anos que eramos “punta de lanza” no desmantelamento do servizo público de Correos no ámbito rural, coa amortización de tódalas areas de reparto tras da xubilación do titular e a posterior asimilación forzosa das parroquias que repartía por parte dos traballadores colindantes a posteriori. 

            Agora sen embargo non se libra deste deterioro xa nin sequera o centro das cidades, que por volume e rendibilidade do alto valor engadido inherente ás súas áreas de reparto non se tiña visto, ata agora, nesta tesitura. Pois, tal e como establece tanto a Directiva 2.008/6/CE do 20 de febreiro do Parlamento e do Consello e tamén na súa transposición a Lei 43/2.010 de 30 de decembro do servizo postal universal, dereitos dos usuarios e do mercado postal, que di textualmente no seu artigo 24 sobre as condicións de distribución “as entregas practicaranse, polo menos, todos os días laborables de luns a venres, salvo no caso de concorrer circunstancias ou condicións especiais conforme ao previsto nesta Lei”. Esas circunstancias distan de ser, como por exemplo puideran selo, condicións meteorolóxicas extremadamente adversas, e agora pasan a ser recortes en materia de contratación por aforro económico puro e duro, obviando a Lei.

            Así, ultimamente, de un tempo a esta parte non se procede a acudir ás Bolsas de Emprego e contratar a un traballador cada vez que se produce unha ausencia polo motivo que sexa nun distrito ou unidade de reparto, que se corresponde cun código postal, p.ex.: C.P.  32.004.

            Procédese a recargar ós carteiros dese distrito cunha parte da sección de reparto do traballador ausente, de xeito que o traballo de 10 persoas se fai entre nove, ou entre oito, se faltan dous, recargando coa carga laboral equivalente a dúas horas diarias a cada un dos traballadores. E se faltan tres e non pode ser asumido, desprázase a un traballador da súa sección, que queda sen repartir, para que reparta a sección vacante ese día e na que non se contratou a ninguén: “desvestir un santo para vestir outro”. Estes recargos e desprazamentos forzosos ocasionan que se incumpra a Lei nos termos de reparto todos os días laborables de luns a venres antes mentado, que se produzan retrasos na correspondencia e gran malestar entre os traballadores fixos (que nunca saben ata onde irán a dar cada día) e eventuais (que engrosan as listas do paro esperando un contrato na súa casa).