31 de out. de 2012

DESDE O 31 DE 0UTUBRO AS ADMINISTRACIÓNS PODERÁN FACER DESPIDOS COLECTIVOS DE EMPREGADOS PÚBLICOS E.R.E. A intención do Goberno non é, en ningún caso, xestionar de mellor xeito os servizos públicos, senón o recorte de emprego do xeito máis barato posible.


A ministra de Emprego, Fátima Báñez, anunciou a aprobación por parte do Consello de Ministros o pasado venres do Real Decreto 1483/2012 de despedimentos colectivos, que será de aplicación  a todo o persoal laboral  das Administracións Públicas (non só ao persoal laboral temporal, senón tamén ao persoal fixo por oposición). O dito decreto vén de ser  publicado no BOE Nº 261 DO 30/10/2012 RD1483/2012
De acordo co Título III do dito real decreto 1483/2012,  abondaría para aprobar o despido colectivo do persoal laboral nun determinado organismo ou departamento, por causas económicas, a insuficiencia orzamentaria sobrevida e persistente, entendida como a diminución dun 5% do orzamento dun organismo respecto do exercicio anterior, ou do 7% nos dous anos anteriores; mentres que, para aprobar o despido colectivo por causas organizativas, abondaría con xustificar que a externalización do servizo producise unha redución de custos.

Na práctica, isto permítelle ao Partido Popular, a nivel do Estado, producir  por razóns políticas  as causas que habiliten o  despedimento de persoal laboral.

No decreto, por outra banda, nin sequera se garante a preferencia de permanencia do persoal laboral fixo, que será meramente potestativa para o organismo que aprobe o despedimento colectivo no caso do persoal laboral que superase un proceso selectivo (art. 41.1 do RD 1483/2012).

Dada a gravidade extrema desta medida, que constitúe ademais un claro  referente para unha hipotética reforma do Estatuto básico do empregado público  que remate coa garantía de emprego do persoal funcionario, a CIG anuncia que adoptará todas as medidas posibles a nivel xudicial contra este real decreto e chama a todos os traballadores e traballadoras a secundar todas as accións en contra das políticas do Partido Popular e da Troika, que esixen unha mobilización contundente na vindeira folga xeral convocada para o 14 de novembro.