29 de out. de 2012

NO CONSELLO DE MINISTROS DO VENRES 26 DE OUTUBRO APROBOUSE O REAL DECRETO DOS DESPEDIMENTOS NAS ADMINISTRACIÓNS PÚBLICAS



A ministra de Emprego, Fátima Báñez, anunciou a aprobación por parte do Consello de Ministros do Real Decreto de despedimentos colectivos, que será de aplicación a todo o persoal laboral das Administracións Públicas (non só ao persoal laboral temporal, senón tamén ao persoal fixo por oposición).
Malia que o texto definitivo do Real decreto non se coñecerá até a súa publicación no BOE, segundo o rascuño ao que tivo acceso a CIG en xullo abondaría para aprobar o despido colectivo nun determinado organismo ou departamento, por causas económicas, a insuficiencia orzamentaria sobrevida e persistente, entendida como a diminución dun 10% do orzamento dun organismo respecto do exercicio anterior; mentres que, para aprobar o despido colectivo por causas organizativas, abondaría con xustificar que a externalización do servizo producise unha redución de custos.
Na práctica, isto permítelle ao Partido Popular, a nivel do Estado, producir por razóns políticas as causas que habiliten o despedimento de persoal laboral.
No rascuño ao que tivo acceso a CIG, por outra banda nin sequera se garante a preferencia de permanencia do persoal laboral fixo, que será meramente potestativa para o organismo que aprobe o despedimento colectivo no caso do persoal laboral que superase un proceso selectivo.
Dada a gravidade extrema desta medida, que constitúe ademais un claro referente para unha hipotética reforma do Estatuto básico do empregado público que remate coa garantía de emprego do persoal funcionario, a CIG anuncia que adoptará todas as medidas posibles a nivel xudicial contra este real decreto e chama a todos os traballadores e traballadoras a secundar todas as accións en contra das políticas do Partido Popular e da Troika, que esixen unha mobilización contundente na vindeira folga xeral convocada para o 14 de novembro.