21 de mar. de 2012

29 DE MARZO, contra a reforma laboral, na Galiza, FOLGA XERAL !!

       
 Fai máis dun século, dende mediados do s.XIX, os traballadores de todo o mundo recorren ás FOLGAS XERAIS para reivindicar os seus dereitos, uns dereitos adquiridos mediante a chamada “loita de clases”, con persecucións e, as veces, coma nas dictaduras, na clandestinidade, cando os sindicatos de clase estaban prohibidos, sufrindo a represión e torturas a mans das  policías políticas do réximes autoritarios e arriscando a propia vida.

Buscar un equilibrio equitativo nas relacións laborais para facer un reparto máis xusto da riqueza entre as forzas do Traballo e do Capital constituíu o obxectivo principal da clase traballadora organizada, principalmente desde o remate da 2ª Guerra Mundial nos Estados de Europa Occidental, chegando á regulación, mediante un Pacto Social coa implantación do familiarmente coñecido “Estado do Benestar”, que se está a desmantelar co patrocinio dos Estados máis poderosos da Unión Europea: Alemaña e Franza.

A clase dominante sempre se enriqueceu a costa das desigualdades, por medio da explotación para manter os seus privilexios, empregando o Estado como instrumento ao servizo exclusivo seu, por iso, diante desta crise causada pola especulación brutal do capital financieiro, trata de buscar unha saída favorable aos intereses da Oligarquía (os chamados mercados: Banco de Santander, BBVA, ENDESA, REPSOL, TELEFÓNICA, MERCADONA, El Corte Inglés, INDITEX, ACCIONA, …)  Son conscientes que só mediante o aumento da explotación de man de obra, o saqueo de todo o público mediante as privatizacións, vai ser a única posibilidade de remontar a crise global e estructural do capitalismo.
 
Por iso facerlle fronte ás clases dominantes por medio do exercicio do dereito á FOLGA XERAL reforza o poder de presión dos traballadores diante da salvaxe ofensiva contra os dereitos laborais e das condicións de vida da clase traballadora e os sectores populares,  para impedir e parar o obxectivo que ten o Capital para deixar ás maiorías sociais na miseria máis absoluta.
 
Queda claro a necesidade de sumar todas as forzas posibles para garantir o éxito desta FOLGA XERAL, o vindeiro día 29 de marzo, porque compre parar os retrocesos nos dereitos laborais, na reducción dos salarios, do aumento do IRPF e dos recortes nos servizos públicos e da protección social, para tentar avanzar cara unha sociedade máis xusta e equitativa, mediante unha mellor redistribución da riqueza.

Hai que ser conscientes de que a Artillería Mediática que emprega o Goberno, a CEOE, o PP, por medio do exercito de tertulianos “Neocons” tratan de desvirtuar o concepto da FOLGA XERAL con premeditación e aleivosía, argumentando con discursos sibilinos e co uso sistemático da demagoxia, da mentira e da manipulación: … que con folgas non se remedia nada e que non estamos neste contexto de crise para este tipo de mobilizacións. Faltaría máis, se estiveramos caralludamente non se convocaría a FOLGA XERAL !!
A realidade é que estamos mal, e queren poñernos peor! aos que somos as víctimas dos desmáns financeiros, de aqueles que apostaban grandes cantidades de capitais á especulación pura e dura, é dicir, só investindo para arriscar comprando e vendendo coa finalidade de facerse cos maiores beneficios e ganancias a partir da variación dos prezos, sen atender á chamada economía productiva de bens, mercancías ou servizos para o beneficio do conxunto da sociedade. Agora, esta Oligarquía quere tamén deixarnos sen o recurso á defensa que supón unha convocatoria de  FOLGA XERAL, está clamando para “regular” este dereito, é dicir, impedilo na práctica este dereito básico e constitucional da clase traballadora. Para máis abondar o “Presidente Rajoy” ameaza con moitas máis “reformas”

Desde a CIG, entendemos que esta reforma laboral ven a ser un saqueo á clase traballadora, un verdadeiro “golpe de estado” aos dereitos dos traballadores. A coartada  que emprega o goberno é que temos un mercado laboral ríxido, cando a realidade é que o ano pasado fixéronse no estado máis de 18 millóns de contratos: por horas, por días, de interinidade, por substitución, por obra, por ETT´S…case o dobre que en Francia. O empobrecemento dos traballadores non activará a economía, porque reducirá o consumo e afectará ao 90 por cento das empresas que viven do consumo interno e non da exportación.
 
Podemos ver como todos os países de Europa que teñen os salarios máis baixos, son os que teñen unha crise máis fonda, máis paro e máis precariedade nos contratos: Grecia, Portugal, Italia, Irlanda e, por suposto, o Estado Español. Dentro do Estado, no País Basco, cos mesmos dereitos que nós, e cun salario un 40 por cento maior teñen a metade de paro que en Galiza. Por iso, desde a CIG, afirmamos que os recortes sociais e laborais nin son xustos, nin moito menos eficaces. Nas Comunidades Autónomas con mellores salarios é onde menos paro hai e nas de menores salarios é onde máis paro existe; porque ao formar parte do mesmo mercado, tendo prezos iguais o consumo é menor polo pouco poder de compra. No momento que nos atopamos é mais necesario que nunca abrir os ollos, reaccionar, saír á rúa e demostrar, coa maior unidade consecuente, de que non estamos dispostos a claudicar tan facilmente. Vainos moito da nosa vida nelo!  Pois temos moito que gañar e pouco que perder! (escasamente unhas calderillas, en comparanza co moito que nos queren arrebatar)
 
O peor desta reforma laboral non é que abarate enormemente o despedimento, o peor é que debilita toda capacidade de negociación colectiva dos traballadores. Colectiva, si, porque os asalariados non son nada se non defenden colectivamente os seus intereses. Colectivamente, isto é, como clase: Non coma membros dunha illada unidade de producción chamada empresa, senón como elementos constitutivos dun sector concreto da sociedade chamado clase traballadora. O obxectivo da Patronal é precisamente ese, avanzar cara un mundo en que a clase traballadora desapareza como tal e se desagregue nunha multitude de individuos indefensos, facilmente coaccionabeis: ou o tomas ou o deixas. A satisfacer ese obxectivo colabora entusiasta o goberno dereitista de Rajoy. A reforma, nese sentido, é extremadamente agresiva, como avanzou o ex conselleiro de “Lehman Brothers” que os mercados sentaron no Consello de Ministros: antes os despedimentos xa podían ser á vontade, a partir de agora, tamén o será a reducción salarial.

Ante unha agresión desta natureza só cabe unha resposta que, cando menos, sexa contundente. Unha resposta de oposición frontal. Debemos tirar pola reconquista da Democracia, secuestrada polos amos do mercado. Debemos ir ao combate e á loita contra un deseño absolutamente desfavorábel para os pobos en xeral e, en particular,  para Galiza. Unha nación periférica a nosa que, ademais de ter os salarios ben máis baixos que a media estatal, sofre un aterrador descenso demográfico e volta a experimentar na súa pel o látego da emigración e na defensa firme da nosa economía productiva nacional: o sector lácteo, a pesca, a construcción naval, a producción de enerxía, etc, etc.

IMPIDAMOS ENTRE TODOS O PRÓXIMO DÍA 29 DE MARZO A DEMOLICIÓN DOS NOSOS DEREITOS NO TRABALLO.

PARA QUE OS GRANDES EMPRESARIOS, A BANCA E OS MÁIS RICOS: (AMANCIO ORTEGA, EMILIO BOTÍN, AS KOPLOWITZ, FRANCISCO GONZÁLEZ,  FLORENTINO PÉREZ,  ETC.) NON SE SAIAN COA SÚA.

PORQUE É TEMPO DE RESPOSTAR ÁS AGRESIÓNS ACTUANDO CON CONTUNDENCIA PARA VENCER.

PORQUE LAMENTARSE NON É A SOLUCIÓN

PORQUE NÓS NON PODEMOS PERMITIR DEIXAR AOS NOSOS DESCENDENTES UN PASAPORTE PARA A ESCRAVITUDE.

POLOS QUE NOS PRECEDERON NAS CONQUISTAS DOS DEREITOS, POR TODAS E TODOS NÓS E TAMÉN POLAS XENERACIÓNS FUTURAS, 
O 29 DE MARZO:

GALIZA ENTEIRA Á FOLGA XERAL !!
      
SE NOS ORGANIZAMOS,
                  CO SINDICALISMO GALEGO...
                  PODÉMOLOS PARAR !!