11 de xuño de 2025

A CIG denuncia o patrocinio de Correos a La Vuelta por 2 millóns de euros.


A CIG sector Correos expresamos a nosa máis firme indignación ante a decisión de Correos de patrocinar as tres próximas edicións de La Vuelta (2025-2027) por un importe de
dous millóns de euros. Este acordo, asinado coa empresa Unipublic, propietaria dos dereitos da volta ciclista, supón unha nova mostra de como se malgastan os recursos públicos en beneficio de intereses privados, mentres as necesidades básicas da cidadanía quedan desatendidas.

Correos, dependente da SEPI, intenta xustificar este patrocinio argumentando que La Vuelta é unha «estratexia publicitaria clave» para a compañía, tanto a nivel de negocio como de visibilidade. 

Non obstante, desde a CIG consideramos que este tipo de investimentos son unha clara desviación dos obxectivos que debería ter unha empresa pública, que non é outra cousa que servir á sociedade e garantir un servizo de calidade para todos os cidadáns.

Ademais, resulta escandaloso que o Comité de Inversións de Correos aprobase este contrato o pasado 27 de maio, alegando que Unipublic obtivo a «maior puntuación» e presentou a «oferta máis vantaxosa». 

Desde a CIG denunciamos que os fondos públicos se destinen a patrocinios deportivos cando existen tantas carencias nos servizos esenciais.

Correos leva sendo o principal patrocinador de La Vuelta desde 2019, e aínda que xa colaborara con anterioridade en accións publicitarias, isto non xustifica que se siga malgastando o diñeiro público nun momento de crise económica e social. A CIG esixe que se poña fin a estas prácticas e que os recursos se destinen a contratación para mellorar os servizos postais e a atender as necesidades reais da poboación.

NON AO PATROCINIO DA VOLTA!!
POR UN CORREO PÚBLICO E DE CALIDADE!!