9 de xan. de 2026

CIG Correos denuncia: na Unidade de Reparto de Bueu máis de 15.000 envíos e 500 certificados sen repartir

 

Desde a CIG-Correos convocamos este xoves unha nova concentración diante da oficina de Correos en Bueu como acción de protesta para denunciar a situación de precariedade laboral que está a sufrir o persoal. Segundo os datos que manexamos como representación sindical, esta situación está a provocar a acumulación de máis de 15.000 envíos pendentes de reparto, así como arredor de 500 certificados e notificacións. A mobilización contou coa presenza de representantes do Concello de Bueu, entre eles o alcalde, Félix Juncal.

Desde a CIG denunciamos que a empresa pública se nega a cubrir tanto as prazas vacantes como as ausencias temporais derivadas de permisos do persoal. Todo isto deixa a unidade de reparto baixo mínimos, cunicamente o 28 % do cadro de persoal asumindo a totalidade da carga de traballo.  As nosas estimacións, realizadas en colaboración co propio persoal de Correos, indican que na actualidade permanecen sen repartir arredor de 15.000 envíos ordinarios e outros 500 rexistrados, entre certificados e notificacións. 

Estes recortes no cadro de persoal deterioran gravemente a calidade do servizo e vulneran o dereito da cidadanía a recibir a súa correspondencia, ao incumprir Correos de maneira sistemática a Lei Postal, que lle obriga, como prestador do Servizo Postal Universal, a realizar o reparto cinco días á semana.

Notas de prensa:


8 de xan. de 2026

Accións formativas INAP

 

SÓ PERSOAL FUNCIONARIO

Accións formativas do Programa de Desenvolvemento Profesional Continuo e Innovación docente. Primeiro trimestre 2026.

O INAP elaborou e aprobou a Estratexia de Aprendizaxe do INAP 2025-2028, así como o Programa de actividades para 2026. Ambos documentos teñen como finalidade estruturar e optimizar os recursos formativos para contribuír ao desenvolvemento profesional das persoasmellorarprodutividade das Administracións Públicas e reforzar a orientación ao servizo público, en coherencia coa política de recursos humanos da Secretaría de Estado de Función Pública.
Período de presentación de solicitudes desde o 17 de decembro de 2025 ao 16 de xaneiro de 2026.



19 de dec. de 2025

Calendario Laboral Correos 2026


Publicouse o Calendario Laboral de Correos para o ano 2026, de aplicación a todo o persoal funcionario e laboral que presta servizos no conxunto do Estado e en Andorra. A continuación recóllense os aspectos máis relevantes:

Xornada de traballo

  • A xornada anual será de 1.711 horas.

  • A xornada ordinaria é de 37,5 horas semanais de media, en cómputo trisemanal.

  • Establécese unha pausa de 20 minutos, computable como tempo efectivo, cando a xornada diaria supere as 5 horas continuadas.

  • O persoal en réxime de especial dedicación realizará unha xornada de 40 horas semanais, cun tramo de horario fixo entre as 9:15 e as 14:30 horas.

Horarios

  • Poderán establecerse quendas de mañá, tarde e noite segundo as necesidades do servizo.

  • O traballo en domingos e festivos limitarase ao persoal mínimo imprescindible.

  • Os horarios e cadros de servizo deberán publicarse nos centros de traballo e garantir o rexistro diario da xornada.

Festivos

  • En 2026 haberá un máximo de 14 días festivos, dos cales dous serán locais, conforme ao establecido polo BOE e polas comunidades autónomas.

  • Os servizos en festivos organizaranse con antelación mínima dun mes e informando á representación sindical.

Vacacións

  • O persoal funcionario terá dereito a 22 días hábiles ou a un mes natural de vacacións.

  • O persoal laboral gozará de un mes natural de vacacións por ano completo de servizo.

  • Con carácter xeral, as vacacións desfrutaranse entre o 1 de xullo e o 30 de setembro, segundo as porcentaxes establecidas por quincenas.

  • As vacacións deberán quedar planificadas e publicadas antes do 30 de abril.

Días adicionais

  • Establécense días adicionais de vacacións por antigüidade, de ata 4 días hábiles.

  • Ademais, o persoal terá dereito a 6 días de asuntos particulares ao ano, ampliables por antigüidade no caso do persoal funcionario.

  • Estes días poderán acumularse ás vacacións se o servizo o permite.

Semana Santa e Nadal

  • En Semana Santa e nos días 24 e 31 de decembro traballará só o persoal imprescindible, con dereito ás gratificacións correspondentes.

  • Como norma xeral, non se prestará servizo os días 25 de decembro e 1 de xaneiro, agás nos centros de tratamento con quendas nocturnas.

  • Durante a Campaña de Nadal/Paquetería poderán concederse ata dous días de permiso sen penalización, se o permite a organización do servizo.

Desde a CIG-Correos lembraremos que calquera aplicación do calendario debe respectar os dereitos do persoal e será obxecto de seguimento sindical.

17 de dec. de 2025

Programa de Substitucións de Xefaturas Intermedias


Correos publica en Conecta as bases da Convocatoria do Programa de Substitucións de Xefaturas Intermedias.

Nelas recóllense, entre outras cuestións:
  • As condicións e requisitos de participación
  • As datas de inscrición
  • A data de valoración de méritos
  • O procedemento do proceso selectivo
INSCRICIÓN: Do 12 ao 21 de xaneiro de 2026.

⚠️ NOVA ESIXENCIA IMPORTANTE

Será requisito indispensable ter completada, antes do 31 de marzo, toda a formación obrigatoria de normativa vinculada ao posto actual.

👉 Recomendámosche comprobar no teu perfil do Campus Virtual o teu itinerario formativo para verificar se che falta algún curso.
  • Se tes formación pendente, podes realizala de inmediato desde o teu posto de traballo, accedendo á icona Formación.
  • O persoal de oficinas atopará os cursos en “Os meus cursos” do Campus Virtual.
  • O persoal de distribución e centros deberá acceder desde a PDA, entrando na icona Formación e seleccionando Distribución ou Centros, segundo corresponda.
PROGRAMAS E ÁMBITOS

A convocatoria estrutúrase en tres programas diferenciados e por provincias:
  • Substitucións Centros: Xefaturas de Unidade e Xefaturas de Equipo
  • Substitucións Distribución: Xefaturas de Unidade e Xefaturas de Equipo
  • Substitucións Negocio Minorista e Servizos: Direccións de Oficina e Xefaturas de Equipo
📌 Só se pode solicitar inscrición:
  • Na provincia na que esteas destinado/a.
  • Nun único ámbito.
INSCRICIÓN

A inscrición realizarase a través de eTalent. É necesario:
  • Rexistrarse previamente
  • Cubrir todos os apartados
  • Achegar as titulacións académicas ou de idiomas
⚠️ Non é necesario subir os cursos.

Se obtés unha acreditación de idiomas con data posterior á inscrición:
  1. Debes incorporala en eTalent
  2. Comunicalo ao correo:

Dispoñibilidade provincial

As persoas candidatas deberán manifestar a súa dispoñibilidade para realizar funcións en toda a provincia.

Este ano, aínda que se indique non dispoñibilidade provincial, Correos comprobará se na unidade non hai persoal no programa de substitucións. De ser así, continuará o proceso de selección e formación.

Formación

As persoas inscritas que estean en activo ao inicio das accións formativas recibirán, por parte de Correos, os cursos valorables a través do Campus Virtual.

---------------------------------------------------------------------------------

👥 Quen pode participar?

Persoal laboral fixo (Grupo IV) e persoal funcionario (C1, C2 e E) en postos operativos, con:
  • Bacharelato, FP II ou equivalente (Grupo III)
  • Ou coñecementos, experiencia e aptitudes equivalentes
📌 Requisito indispensable

✅ Ter completada a formación obrigatoria do posto actual antes do 31/03/2026

📝 Inscrición

📅 Do 12 ao 21 de xaneiro de 2026
💻 A través de eTalent
🎓 Méritos xerais
⏰ Valorados na data de inscrición:
  • Titulación universitaria oficial
⏰ Valorados a 31/03/2026:

📚 Cursos comúns
  • E-Commerce e paquetería
  • Excel básico para MMII
  • Portal do Mando RU
  • Iniciación ao Liderado
📚 Cursos específicos
  • Negocio Minorista e Servizos: IGNIS Reclamacións
  • Distribución e Centros: Ferramentas Flota
🌍 Idiomas
  • Lingua oficial da Comunidade
  • Inglés:
    1. A2 para Distribución e Centros
    2. B1 para Oficinas
🧠 Méritos específicos
  • Avaliación da carreira profesional
  • Postos desempeñados
Probas específicas:
✔️ Test online de aptitudes
✔️ Test de contidos postais
✔️ Dinámica de grupo

🎯 Formación e prácticas
  • Formación online e presencial
  • Prácticas en posto de traballo
Obrigatorio realizar mínimo 30 días de substitucións nun prazo de 2 anos.

15 de dec. de 2025

NOVO PORTAL DE EMPREGO EN CORREOS

 


Correos puxo en funcionamento o Portal de Emprego, abrindo un primeiro período de inscrición desde o 12 de decembro ata o 12 de xaneiro, dirixido ás persoas interesadas en traballar na empresa. 

Este Portal ten carácter temporal e non substitúe as Bolsas de Emprego, senón que serve como unha solución provisional mentres se establece un novo sistema de contratación de persoal eventual operativo.

O persoal eventual, xa inscrito nas Bolsas de emprego, NON ten que inscribirse no portal de emprego.

Requisitos para a inscrición:
  • Ter 18 anos ou máis. 
  • Contar co título de Graduado Escolar ou equivalente.
  • Posuír nacionalidade española ou permiso de traballo en vigor.
A inscrición no Portal de Emprego non garante a inclusión en futuras Bolsas de Emprego nin supón un compromiso de contratación.

O Portal abrirase cada catro meses, polo que será necesario inscribirse en cada proceso, indicando as preferencias e a dispoñibilidade para a contratación.

Como funciona o Portal de Emprego (orde de chamamento):
  1. Persoas das Bolsas
  2. Persoas con experiencia previa en Correos
  3. Persoas inscritas no Portal
As inscricións poden realizarse a través do seguinte enlace:



✅A CIG sempre se manifestou en contra deste sistema de contratación, no que se realizan chamamentos que ninguén entende, baseados en rotacións incomprensibles e incontrolables que xeran desconfianza xeralizada. 

A CIG defende un modelo de contratación como o existente no resto da Administración, con chamamentos por rigorosa orde, claros, transparentes e publicados na páxina web de Correos.

5 de dec. de 2025

QUEN ESTÁ AFUNDINDO CORREOS?

 

🚨¡Naufraxio á vista! 🚢💥

Os sindicatos asinantes “renegan” agora do Acordo Marco. Laianse da implantación dos acordos que asinaron.😒🤦‍♂️.

🔎A realidade é moito máis dura:

🔧📉Estanse aplicando xa os novos modelos operativos das carterías: usan algunhas unidades como proba, eliminan físicamente seccións e volven ao vello plan de zonas con 4 persoas e 3 mesas asumindo toda a carga de traballo 😤📬.

👥📉O recorte en persoal é brutal: a maioría das unidades están por debaixo do 50% e a contratación nin está nin se espera…

📦⛔O concurso de traslados é un calote: milleiros de traballadores desesperados pola falta de prazas.

⏱️💭A xornada de 35 horas? Un soño para a metade do persoal…

👴➡️As prexubilacións do persoal laboral: outro conto por ver como remata.

🔄📉Conversión de xornada parcial a completa: outro engano máis.

⏳😕 Incerteza total coa bolsa de horas “¿voluntaria?”

💶⬇️A suba salarial non aparece por ningures… seguimos perdendo poder adquisitivo.

📉📮Correos está nos seus peores momentos: servizo deficiente, usuarios descontentos, e un barco que vai a pique 🤯🚢💔. Iso si… as contas de Saura sairán perfectas, mentres o persoal remata esgotado, desmoralizado e de baixa 😡🧾.

🤝😑 E todo coa complicidade de CCOO, UGT, CSIF e SL.

✊🔥 Debemos presionar e parar este disparate. 

¡ÚNETE E LOITA!

CIG - LAB - SIPCTE - ESK 
Intersindical Canaria 
ELA - Intersindical Valenciana - CNT








27 de nov. de 2025

CAMPAÑA NADAL 2025: unha suba ridícula



PRODUCTVIDADE E REMUNERACIÓN: 

Percibirase unha gratificación de 112,92€ polo conxunto da campaña de Nadal.

Os requisitos para poder cobrar esta gratificación son:
  • Permanecer vinculado e en activo en correos de forma ininterrompida dende o 1 ao 31 de decembro.
  • Ser persoal funcionario, laboral fixo (incluídos fixos descontinuos e fixos a tempo parcial) e persoal laboral temporal.
  • Traballar nunha das seguintes áreas: reparto ordinaria, reparto urxente, clasificación de cartería, apartados, ruteros, persoal operativo dos centros e unidades de tratamento (admisión masiva, clasificación automática, manual, produtos rexistrados e carga e descarga), sala de aparatos, rurais A, condutores interzonais e intercentros, cambio de Madrid e Barcelona, persoal operativo das oficinas postais os xefes das unidades afectadas. Os rurais B e empregados/ás con xornadas a tempo parcial en proporción á súa xornada.
PENALIZACIÓNS:

Por inasistencia descontarase da gratificación:
  • 1 día 13,93€ 
  • 2 días 20,90€ 
  • 3 días 20,90€ 
Máis de 3 días pérdese o dereito á percepción económica.

EXCEPTÚANSE DA PENALIZACIÓN: 
  • Os accidentes de traballo en novembro ou decembro, nacemento, acollemento e adopción dun fillo, violencia de xénero, falecemento ou enfermidade grave dun familiar ata segundo grao.
  • 2 días de permiso de asuntos particulares, A.P. por antigüidade ou días adicionais ás vacacións, a partir do día 10 de decembro tras garantir, en calquera caso, unha adecuada cobertura do servizo.
MEDIDAS ORGANIZATIVAS:
  • Poderanse organizar e efectuar repartos puntuais fóra da xornada habitual.  
  • En admisión masiva, carga e descarga, salas de dirección e centros de tratamento poderase autorizar a realización de horas adicionais.
DÍAS 24 e 31:

Módulo de 94,39€ por traballador/día deberán prestar servizo o persoal mínimo imprescindible tanto en admisión e oficinas coma en tratamento e distribución.

DÍAS 25 DE DECEMBRO E 1 DE XANEIRO:

Por norma xeral, non traballará ninguén. O persoal dos centros de tratamento, que por quenda, traballe a noite do 25 ao 26 de decembro e do 1 ao 2 de xaneiro percibirá as horas adicionais de festivo. Os empregados que traballen estos días, corresponderalle a gratificación correspondente por cada un dos días traballados.

PAGAMENTO DA CAMPAÑA: 

Correos comprométense a axilizar os trámites para que o seu pagamento se faga efectivo na nómina do mes de xaneiro de 2026.

LEMBRA: Disfrute de días de AP's ata o 31 de xaneiro 2026, no caso, de que foran denegados expesamente no ano 2025.

26 de nov. de 2025

Traballadores de Correos intensifican a mobilización para reclamar reforzos fronte ao colapso do servizo

 

O persoal de reparto de Correos na área de Vigo está a intensificar a súa loita para esixir, dunha vez por todas, as contratacións necesarias que poñan fin á crónica falta de efectivos e á saturación que lastra este servizo público. A plantilla anuncia novas mobilizacións en Cangas e no Porriño, mentres a CIG alerta dun novo colapso en varias oficinas do centro de Vigo, onde hoxe se rexistraron até 35 minutos de espera para ser atendido/a.

A CIG-Correos confirmou que este venres 28 celebrará unha concentración diante da Praza de Abastos de Cangas, na rúa Méndez Núñez, ás 10:00 horas, e que o martes 2 de decembro levará as protestas ao Concello do Porriño ás 11:00 horas. No caso de Cangas, a situación límite do servizo chegará tamén ao pleno municipal, onde será debatida pola tarde.

O sindicato denuncia que Correos continúa sen cubrir nin as vacantes nin as baixas, nin as vacacións, permisos ou licenzas, afogando así o servizo e provocando a acumulación de milleiros de paquetes e notificacións que non chegan ás persoas destinatarias. Este abandono tradúcese, ademais, nun aumento dos problemas de saúde derivados da sobrecarga e do estrés ao que está sometido o persoal.

A realidade é idéntica en Vigo, onde o persoal volve sufrir a mesma situación crítica de cada verán e cada Nadal, “a pesar de que aínda nin comezou o Black Friday nin a campaña de Nadal”. Varias oficinas do centro soportan esperas de até 35 minutos, e na sucursal 5 das Travesas a quenda de tarde funciona “cunha persoa e media”, unha mostra máis —denuncian— do desmantelamento progresivo dun servizo público esencial.

24 de nov. de 2025

Problemas co equipo Mooevo Urban para o reparto a pé. Necesidade de revisión sindical e técnica.


A CIG expuxo a Correos varias preocupacións en relación ao uso do equipo Mooevo Urban no reparto a pé, que ata o momento non contou coa validación adecuada nin coa participación sindical necesaria. Nas reunións da CESL de 2022 e 2023, a CIG non puido probar este equipo, xa que as probas realizáronse en provincias onde non temos representación, o que nos impediu avalialo directamente.

Un dos principais problemas é que o Mooevo Urban non é un carro de reparto a pé, como se expuxo inicialmente. A Dirección Xeral de Tráfico (DXT), clasifica este tipo de equipo, como un Vehículo de Movilidade Personal (VMP), o que implica que non pode circular por beirarrúas nin zonas peonís, nin pode ser asignado ao reparto a pé, xa que é un vehículo motorizado.

Na actualidade, existen dous tipos de reparto claramente definidos: o Reparto 1, que se realiza con vehículos motorizados, e a Reparto 2, que se fai a pé, utilizando carros manuais. O Mooevo Urban introduce un modelo intermedio que non está regulado, o que crea unha situación confusa que debe ser resolta a través de negociación colectiva para establecer o que podería chamarse Reparto 3, destinado aos VMP.

Outro aspecto crítico é a formación insuficiente que se ofrece aos traballadores. A formación actual, que ten unha duración de só dúas horas, non cumpre cos requisitos establecidos pola Lei de Prevención de Riscos Laborais. É necesario ofrecer máis formación práctica, realizar unha avaliación médica e asegurar que o uso do equipo sexa completamente voluntario. Ademáis, debería levarse a cabo un estudo ergonómico que valore a carga de traballo e os posibles riscos derivados do uso deste equipo.

A CIG esixe que se cumpran varias condicións antes de implementar o uso do Mooevo Urban:
  1. Permitir o acceso ao equipo para a súa avaliación técnica e sindical.
  2. Prover toda a documentación completa do fabricante.
  3. Realizar unha avaliación dos riscos reais asociados ao reparto a pé con este equipo.
  4. Ofrecer unha formación adecuada e unha avaliación médica previa ao uso.
  5. Garantir por escrito que o uso do Mooevo Urban será voluntario.
  6. Organizar unha reunión específica na Galiza, con unidades destinadas as catro provincias.
O Mooevo Urban non debería ser utilizado no reparto a pé, xa que é un vehículo motorizado, o que impide que sexa compatible con ese modelo. Se se quere implementar un novo modelo de Reparto 3, é imprescindible que leve a cabo unha negociación colectiva previa e unha avaliación técnica e de riscos adecuada.


21 de nov. de 2025

A CIG esixe transparencia sobre os SIEG de Correos e denuncia o uso da rede pública para vender seguros de AXA


A Confederación Intersindical Galega continúa a tomar iniciativas para tentar frear a deriva comercial e privatizadora na Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e vén de remitir un escrito para que o Goberno español e a SEPI aclaren se a comercialización de seguros de AXA a través da rede de oficinas de Correos está realmente amparada como Servizo de Interese Económico Xeral (SIEG) e baixo que condicións legais e financeiras se está a desenvolver.

No escrito enviado á SEPI, a CIG lembra que a normativa vixente establece que os SIEG que se encomenden a Correos deben prestarse a través dun contrato–programa entre a Administración Xeral do Estado e a Sociedade Estatal, no que se concreten as prestacións, as obrigas de servizo público, os mecanismos de control e as compensacións económicas que procedan.

Sen ese contrato–programa e sen un catálogo público de actividades SIEG, non é posíbel comprobar se a venda de seguros de AXA está realmente incluída como servizo de interese económico xeral ou se, pola contra, se está utilizando indebidamente esa condición para actividades privadas, desviando recursos e estrutura dunha empresa pública para beneficio dunha aseguradora.

Negocio privado camuflado

John Vivanco, secretario nacional do sector de Correos da CIG, afirma que “non imos aceptar que baixo a etiqueta de SIEG se camufle un negocio privado. Ou o Goberno acredita con documentos oficiais que vender seguros de AXA é un servizo de interese económico xeral, con contrato–programa, control e compensación transparentes, ou estamos ante un uso inaceptábel da rede pública de Correos ao servizo dunha aseguradora”.

A CIG lembra ademais que, segundo a normativa que regula as sociedades mercantís estatais, correspóndelle á SEPI exercer a tutela financeira e de supervisión sobre Correos, garantindo a legalidade das encomendas e o uso axeitado dos fondos públicos.

Nesta realidade, o BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso preguntando se o Goberno pensa publicar o contrato-programa, se remitirá copia dese documento á CIG, se a comercialización de seguros AXA figura ou non como SIEG, que resolución administrativa declararía esa actividade como tal, canto diñeiro entregou AXA a Correos por este servizo e se se avaliou a sobrecarga de traballo que implicará engadir estas tarefas a un cadro de persoal xa recortado.

Sumar tarefas comerciais nun contexto de recortes e sobrecarga

A CIG critica que esta deriva comercial chega no peor momento posíbel: con anos de política de contratación cero en Correos, con seccións sen cubrir e incidencias no cumprimento de prazos e cun proxecto de “última milla” que pretende desmantelar a figura do carteiro ou carteira de sección e incrementar a flexibilidade e a carga de traballo sobre o persoal.

Engadir presión para vender seguros de AXA “significa desviar aínda máis a empresa da súa función central como operador postal e loxístico público e empeorar as condicións laborais dun persoal xa tensionado”, advirte Vivanco.

Transparencia e un cambio de rumbo

Tanto a CIG como o BNG coinciden en esixir que o Goberno e a SEPI publiquen o contrato–programa dos SIEG de Correos, fagan público o catálogo completo de servizos incluídos baixo esa denominación, aclaren se a comercialización de seguros AXA está ou non amparada como SIEG e garantan que calquera ampliación de funcións en Correos se faga desde o público e para o público, e non ao servizo de intereses privados.

“Defendemos un modelo de Correos público, con emprego suficiente, seccións e servizos garantidos en todo o territorio. Se o Goberno español quere que Correos asuma novos servizos financeiros ou aseguradores, que sexan de titularidade e control públicos, non como tapadeira para facer negocio con AXA”, salientan.

Ambas organizacións manterán a súa acción coordinada nas frontes sindical, institucional e social, e non descartan novas iniciativas e mobilizacións se o Goberno e a dirección de Correos persisten nesta liña de utilización dunha empresa pública ao servizo de intereses privados.