O persoal de reparto de Correos na área de Vigo está a intensificar a súa loita para esixir, dunha vez por todas, as contratacións necesarias que poñan fin á crónica falta de efectivos e á saturación que lastra este servizo público. A plantilla anuncia novas mobilizacións en Cangas e no Porriño, mentres a CIG alerta dun novo colapso en varias oficinas do centro de Vigo, onde hoxe se rexistraron até 35 minutos de espera para ser atendido/a.
A CIG-Correos confirmou que este venres 28 celebrará unha concentración diante da Praza de Abastos de Cangas, na rúa Méndez Núñez, ás 10:00 horas, e que o martes 2 de decembro levará as protestas ao Concello do Porriño ás 11:00 horas. No caso de Cangas, a situación límite do servizo chegará tamén ao pleno municipal, onde será debatida pola tarde.
O sindicato denuncia que Correos continúa sen cubrir nin as vacantes nin as baixas, nin as vacacións, permisos ou licenzas, afogando así o servizo e provocando a acumulación de milleiros de paquetes e notificacións que non chegan ás persoas destinatarias. Este abandono tradúcese, ademais, nun aumento dos problemas de saúde derivados da sobrecarga e do estrés ao que está sometido o persoal.
A realidade é idéntica en Vigo, onde o persoal volve sufrir a mesma situación crítica de cada verán e cada Nadal, “a pesar de que aínda nin comezou o Black Friday nin a campaña de Nadal”. Varias oficinas do centro soportan esperas de até 35 minutos, e na sucursal 5 das Travesas a quenda de tarde funciona “cunha persoa e media”, unha mostra máis —denuncian— do desmantelamento progresivo dun servizo público esencial.
