21 de nov. de 2025

A CIG esixe transparencia sobre os SIEG de Correos e denuncia o uso da rede pública para vender seguros de AXA

 

A Confederación Intersindical Galega continúa a tomar iniciativas para tentar frear a deriva comercial e privatizadora na Sociedade Estatal Correos e Telégrafos e vén de remitir un escrito para que o Goberno español e a SEPI aclaren se a comercialización de seguros de AXA a través da rede de oficinas de Correos está realmente amparada como Servizo de Interese Económico Xeral (SIEG) e baixo que condicións legais e financeiras se está a desenvolver.

No escrito enviado á SEPI, a CIG lembra que a normativa vixente establece que os SIEG que se encomenden a Correos deben prestarse a través dun contrato–programa entre a Administración Xeral do Estado e a Sociedade Estatal, no que se concreten as prestacións, as obrigas de servizo público, os mecanismos de control e as compensacións económicas que procedan.

Sen ese contrato–programa e sen un catálogo público de actividades SIEG, non é posíbel comprobar se a venda de seguros de AXA está realmente incluída como servizo de interese económico xeral ou se, pola contra, se está utilizando indebidamente esa condición para actividades privadas, desviando recursos e estrutura dunha empresa pública para beneficio dunha aseguradora.

Negocio privado camuflado

John Vivanco, secretario nacional do sector de Correos da CIG, afirma que “non imos aceptar que baixo a etiqueta de SIEG se camufle un negocio privado. Ou o Goberno acredita con documentos oficiais que vender seguros de AXA é un servizo de interese económico xeral, con contrato–programa, control e compensación transparentes, ou estamos ante un uso inaceptábel da rede pública de Correos ao servizo dunha aseguradora”.

A CIG lembra ademais que, segundo a normativa que regula as sociedades mercantís estatais, correspóndelle á SEPI exercer a tutela financeira e de supervisión sobre Correos, garantindo a legalidade das encomendas e o uso axeitado dos fondos públicos.

Nesta realidade, o BNG rexistrou unha iniciativa no Congreso preguntando se o Goberno pensa publicar o contrato-programa, se remitirá copia dese documento á CIG, se a comercialización de seguros AXA figura ou non como SIEG, que resolución administrativa declararía esa actividade como tal, canto diñeiro entregou AXA a Correos por este servizo e se se avaliou a sobrecarga de traballo que implicará engadir estas tarefas a un cadro de persoal xa recortado.

Sumar tarefas comerciais nun contexto de recortes e sobrecarga

A CIG critica que esta deriva comercial chega no peor momento posíbel: con anos de política de contratación cero en Correos, con seccións sen cubrir e incidencias no cumprimento de prazos e cun proxecto de “última milla” que pretende desmantelar a figura do carteiro ou carteira de sección e incrementar a flexibilidade e a carga de traballo sobre o persoal.

Engadir presión para vender seguros de AXA “significa desviar aínda máis a empresa da súa función central como operador postal e loxístico público e empeorar as condicións laborais dun persoal xa tensionado”, advirte Vivanco.

Transparencia e un cambio de rumbo

Tanto a CIG como o BNG coinciden en esixir que o Goberno e a SEPI publiquen o contrato–programa dos SIEG de Correos, fagan público o catálogo completo de servizos incluídos baixo esa denominación, aclaren se a comercialización de seguros AXA está ou non amparada como SIEG e garantan que calquera ampliación de funcións en Correos se faga desde o público e para o público, e non ao servizo de intereses privados.

“Defendemos un modelo de Correos público, con emprego suficiente, seccións e servizos garantidos en todo o territorio. Se o Goberno español quere que Correos asuma novos servizos financeiros ou aseguradores, que sexan de titularidade e control públicos, non como tapadeira para facer negocio con AXA”, salientan.

Ambas organizacións manterán a súa acción coordinada nas frontes sindical, institucional e social, e non descartan novas iniciativas e mobilizacións se o Goberno e a dirección de Correos persisten nesta liña de utilización dunha empresa pública ao servizo de intereses privados.