A CIG denuncia que a non cobertura de vacantes, baixas, vacacións e licenzas aumenta os problemas de saúde derivados da sobrecarga laboral.
Os traballadores de Correos e Telégrafos continúan en conflito laboral para denunciar os graves efectos que a escaseza de persoal ten na súa saúde, incrementando os casos de estrés e ansiedade entre quen deben asumir unha carga de traballo excesiva.
Onte, un gran número de empregados da empresa pública concentráronse en Pontevedra, convocados pola CIG, para reclamar máis contratacións e o fin das prácticas abusivas por parte da dirección.
A manifestación celebrouse diante da sede administrativa de Correos, na rúa da Oliva, 19-21, a partir das 17:30 horas, baixo o lema “Máis persoal para o servizo postal”, co que buscan chamar a atención sobre a insostible falta de traballadores nas oficinas e centros de reparto da principal empresa pública do país.
Esta situación débese á falta de substitucións por baixas laborais, vacacións, permisos ou licenzas, o que provoca unha presión insostible que desmotiva ao persoal e agrava os problemas de saúde mental. Ademais, está a deteriorar progresivamente o servizo de reparto e a atención ao público.
O problema é resultado directo dos recortes e da precarización que afectan ao servizo postal público. “Mentres Correos reduce persoal e sobrecarga aos empregados, os altos cargos manteñen salarios elevados e bonus escandalosos”, denuncian.
En resposta, varias unidades de reparto iniciaron protestas nos últimos meses: a de Lalín leva case dous anos en mobilizacións, e recentemente uníronse as de Sanxenxo, Bueu e O Porriño.
Por iso, a CIG exixe que se poña fin ás “prácticas abusivas” da dirección e que se cubran de xeito urxente as vacantes para garantir un servizo digno.


