12 de nov. de 2025

A CIG denuncia que Correos en Cangas ten 10.000 envíos sen repartir por falta de persoal



A falta de persoal na unidade de reparto de Correos en Cangas, con só 5 efectivos de 14 prazas, está a provocar xa a acumulación de arredor de 10.000 envíos sen entregar. Dende a CIG denuncian o “atentado” que esta situación -que se repite de xeito recorrente noutras localidades- supón para a saúde das persoas traballadoras, polo que xa presentou denuncia na Inspección de Traballo.

“A situación na oficina de Cangas é alarmante, con arredor de 10.000 envíos sen repartir, dos que unha parte son notificacións administrativas que teñen prazos que cumprir, así como citas xudiciais e médicas”. A causa: na actualidade prestan servizo unicamente cinco persoas do total de 14 prazas e rexístrase un número “preocupante” de baixas médicas. “A empresa está a lograr que persoas ás que lles gustaba o seu traballo e se preocuparon sempre por dar un bo servizo á veciñanza se atopen esgotadas, con crises de ansiedade e aborrecidas do que fan”. 

Na central sindical sinalan a responsabilidade do actual presidente de Correos, Pedro Saura, que está a aplicar unha política de recortes na empresa pública que motivou numerosas mobilizacións por toda Galiza. En consecuencia, a unidade de Cangas conta na actualidade unicamente co 35% do seu persoal, rexistrando tamén un “preocupante” número de baixas médicas, “dado que a falta de efectivos provoca incapacidades temporais continuas ao resto do persoal por sobrecarga laboral e estrés”. Isto motivou xa denuncia da CIG na Inspección de Traballo ao consideralo que un “brutal ataque” á saúde das persoas traballadoras.

Protesta en Pontevedra

Neste senso, denuncian que o presidente de Correos pretende” cadrar contas” a costa da saúde das persoas empregadas e ofrecendo un servizo deficiente á cidadanía, “ao tempo que a empresa abona multas millonarias por non cumprir a lei e financia eventos deportivos”. E critican que o máximo responsábel da empresa pública continúe sen rebaixar o seu salario a pesar de que supera os 200.000 euros ao ano.

En consecuencia, nos últimos meses a CIG está a levar a cabo mobilizacións en distintas localidades para alertar sobre o que acontece na compañía pública e para reclamar a cobertura das vacantes. Protestas que continuarán este mesmo xoves día 13 cunha concentración diante da oficina principal de Correos en Pontevedra ás 17:30 horas.

Prensa: