16 de xul. de 2012

O paro de Correos en todo Vigo queda en suspenso á espera dunha nova reunión

A folga dos traballadores de Correos en Vigo alcanzou o venres un punto de inflexión tras a maratoniana reunión celebrada entre sindicatos e dirección da empresa. Tras cinco horas sentados á mesma mesa, non houbo acordo para pór fin aos paros na unidade central da cidade, onde xa se acumulan cinco semanas sen repartición, pero si se decidiu deixar en suspenso a ampliación aos outros tres distritos á espera dunha nova reunión que se celebrará este luns. Centrais sindicais e empresa destacaron o bo ton das negociacións e esperan que o conflito quede definitivamente canalizado.
"viñeron con outro talante e non hai a mesma disposición negativa de fai quince días", sinalou Antonio García, delegado da CIG tras o encontro cos representantes da compañía. Os sindicatos tiñan previsto solicitar á Subdelegación de Goberno en Pontevedra os permisos para ampliar a folga a todo Vigo a partir do próximo 23 de xullo, pero en vista das novas expectativas de diálogo, decidiron atrasala uns días máis. "foi unha reunión máis produtiva", engadiu Antonio García.
Desde Correos tamén se indicou que a quinta reunión mantida co comité de folga da unidade de repartición da Praza de Compostela fora frutífera. "O encontro desenvolveuse nun positivo ambiente de diálogo, polo que se acordou continuar a reunión o vindeiro luns 16 de xullo", explicaron nun comunicado emitido pola empresa.
O paro que levan a cabo os traballadores de Correos cumpre xa cinco semanas e afecta a 140.000 persoas no centro da cidade. Logo de tantos días de inactividade, a sede da Alameda acumula medio millón de envíos, segundo a empresa, e un millón, segundo os sindicatos.