28 de feb. de 2019

A CIG denuncia que o local de Correos de Vidal Abascal, en Lalín, leva dez días sen auga

A CIG-Correos denunciou á Inspección de Traballo e á Seguridade Social da provincia que o local de Correos de repartición e distribución leva desde o día 18 sen auga. Unha situación que ao prolongarse no tempo acabou  inutilizando o uso dos  inodoros.

A causa é, ao parecer, unha avaría no local que non pode arranxar sen acceder a un baixo no soto, ocupado un tempo por unha autoescola e na actualidade embargado e posto á venda por unha inmobiliaria de Madrid. Está pechado con cadea e cadeado.

Desde a CIG-Correos, Rafael Igrexas, apunta que o baixo foi embargado e os servizos xurídicos de Correos non son capaces de dar cos donos. Nas oficinas traballan 24 persoas: un xefe, 16 carteiros rurais e 7 do centro urbano.

A CIG denuncia a súa situación sen poder usar os baños ou lavarse as mans. Unha situación que consideran insustentable demandando que se adopten as medidas xudiciais necesarias coa maior urxencia a fin de permitir o acceso a esa propiedade privada e poder así solucionar a avaría.