Desde a CIG-Correos convocamos este xoves unha nova concentración diante da oficina de Correos en Bueu como acción de protesta para denunciar a situación de precariedade laboral que está a sufrir o persoal. Segundo os datos que manexamos como representación sindical, esta situación está a provocar a acumulación de máis de 15.000 envíos pendentes de reparto, así como arredor de 500 certificados e notificacións. A mobilización contou coa presenza de representantes do Concello de Bueu, entre eles o alcalde, Félix Juncal.
Desde a CIG denunciamos que a empresa pública se nega a cubrir tanto as prazas vacantes como as ausencias temporais derivadas de permisos do persoal. Todo isto deixa a unidade de reparto baixo mínimos, cunicamente o 28 % do cadro de persoal asumindo a totalidade da carga de traballo. As nosas estimacións, realizadas en colaboración co propio persoal de Correos, indican que na actualidade permanecen sen repartir arredor de 15.000 envíos ordinarios e outros 500 rexistrados, entre certificados e notificacións.
Estes recortes no cadro de persoal deterioran gravemente a calidade do servizo e vulneran o dereito da cidadanía a recibir a súa correspondencia, ao incumprir Correos de maneira sistemática a Lei Postal, que lle obriga, como prestador do Servizo Postal Universal, a realizar o reparto cinco días á semana.
Notas de prensa:


