3 de out. de 2025

CIG-Correos denuncia que na Unidade de Reparto de Muros dúas persoas teñen que asumir o traballo de seis



A CIG-Correos advirte da situación crítica na Unidade de Reparto de Muros, xa que na quenda de mañá de reparto dúas persoas están asumindo o traballo de seis. A representación da CIG xa se dirixiu por escrito á empresa postal reclamando a cobertura urxente das prazas vacantes e das ausencias nesta unidade, sen recibir contestación até o momento.

“Dúas persoas non poden asumir o traballo de seis nin polo volume de envíos, nin pola loxística que implica que persoal de reparto do rural teña que asumir recargos de persoal urbano”, denuncia a CIG-Correos. Esta situación, ademais de pór en risco a calidade do servizo postal, obriga o persoal asumir unha sobrecarga laboral insoportábel que ten consecuencias directas na súa saúde física e mental.

A precariedade da Unidade de Reparto de Muros non é un caso illado, senón que é un exemplo máis que ilustra un problema xenérico na empresa: a sobrecarga laboral e a acumulación continuada de obxectos postais nas oficinas a causa duns cadros de persoal mermados e da política de non substitucións que dende hai anos practica Correos.

Un modelo de cero contratacións que implica que non se cubran as incapacidades temporais, as vacantes, as vacacións, nin os permisos e que está levando a un incremento das baixas por estrés e por trastornos musculoesqueléticos.

“As carteiras e os carteiros, e o persoal de atención á clientela, somos a cara visíbel de Correos ante a cidadanía; quen respondemos cando alguén pregunta por que non lle chegou a cita médica e quen atende as queixas diarias nos mostradores”, subliña Ana Pintos, delegada da CIG-Correos.

Incide na falta de persoal suficiente para atender o volume de traballo e ofrecer un servizo público de calidade e con garantías; e acusa a empresa de mala xestión dos recursos humanos, “de mala fe e de abusar duns traballadores e traballadoras cun alto sentido da responsabilidade”.
Fronte a esta precariedade, a CIG-Correos solicita que se adopten con urxencia as medidas necesarias “para restablecer condicións laborais e organizativas dignas que garantan tanto o dereito á saúde do persoal como a calidade do servizo de Correos na comarca”