14/03/2018

A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) non subscribirá o acordo entre o Ministerio de Facenda e as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF



Entendemos que este acordo só sería de aplicación ao persoal funcionario polo que quedaría fóra da subida salarial o persoal laboral de Correos.

A suba salarial no sector público só permite recuperar o 0,48% anual, até 2020, do poder adquisitivo perdido

O persoal das Administracións tardaría 28 anos en restablecer o recortado nos últimos oito anos.

A Área Pública da CIG (CIG-Administración, CIG-Ensino e CIG-Saúde) non subscribirá o acordo entre o Ministerio de Facenda e as organizacións sindicais estatais CCOO, UGT e CSIF, nin polo fondo, nin polas formas. Denunciamos a pretensión de desvincular os salarios do persoal das Administracións públicas do IPC; que ese acordo só permitiría recuperar un 0,48% anual do poder adquisitivo perdido até 2020 e que, de se manteren os criterios marcados, o persoal das administracións públicas tardarían 28 anos en recuperar o que foi recortado nos últimos 8 anos. Rexeita ademais que se pactara, como en ocasións anteriores, fóra das mesas de negociación.