30 de mar. de 2012

Os orzamentos do Estado confirman os recortes aprobados até o de agora para o sector público



O Ministerio de Facenda confirmou, na xuntanza da mesa xeral da Función Pública convocada na tarde deste mércores, o mantemento de todas as medidas adoptadas polo PP para os empregados públicos, á súa chegada ao goberno, que inclúen a conxelación salarial e unha taxa de reposición do 0%.


 
A CIG considera que a chamada ‘conxelación salarial’ é, en realidade un recorte e unha perda de capacidade adquisitiva. “Non se aplicará ningún incremento aos salarios, malia a suba do IPC. A isto hai que engadir que xa se nos rebaixaron os salarios nun 5%, e que tamén foron conxelados nos anos 2010 e 2011”, explica María Carme López Santamariña, que asistiu á Mesa en representación da central sindical.
Respecto da taxa de reposición,a secretaria nacional de CIG-Administración, explicou que se mantén nun 0% para todo o sector público, agás para o que denominan sectores básicos, Educación e Sanidade, en concreto Hospitais e Centros de Saúde, onde será dun 10%, ao igual que para os Corpos e Forzas de Seguridade do Estado, Forzas Armadas e corpos de loita contra a fraude fiscal.
Neste sentido, López Santamariña lembra que a CIG xa denunciou, no seu momento, as graves consecuencias que isto tería e xa está tendo para os servizos públicos e para o seu mantemento. “Advertimos daquela, e mantemos, que así o que se provocará será un colapso da administración e dos servizos públicos, que serán incapaces de atender ás demandas dos usuarios por falta de persoal”.
Para a CIG, tras desta medida agóchase a decisión do PP de ir “adelgazando a administración”, que non é outra cousa que “abocar ao peche a certos servizos públicos porque non será posíbel atendelos e favorecer a privatizacións dos que sexan máis rendíbeis”.