17 de set. de 2013

A CIG reclama a recuperación do poder adquisitivo e a reposición completa da paga extraordinaria das e dos empregados públicos

O Presidente da Xunta ten a valentía de adiantar que a nivel do estado o goberno manterá a conxelación dos salarios. Unha medida á que a central sindical se oporá.
Neste senso, cando se convoque á representación social ás mesas de negociación para os Orzamentos Xerais do Estado e os Orzamentos da Xunta, dende a Área Pública da CIG reclamarase, novamente, a recuperación do poder adquisitivo do conxunto dos traballadores/as públicos/as cando menos dende o ano 2010.
A Área Pública da CIG, á vista das políticas continuístas de recortes adiantadas nos medios, reitera a súa oposición á imposición das taxas de reposición do 0%, á conxelación de ofertas de emprego públicas, amortizacións de vacantes, á non cobertura de prazas vacantes e á non regularización de prazas estruturais necesarias para a administración en todos os seus ámbitos (ensino, saúde, servizos sociais, etc.).
A central sindical reclama a recuperación  de todos os dereitos adquiridos ao longo destes anos polos traballadores/as das administracións públicas, denunciando e avisando que o mantemento destas políticas neoliberais no ámbito público, suporán un afondamento na destrución, deterioro e eliminación dos servizos públicos nos momentos nos que, precisamente, deberían ser potenciados.
Sendo conscientes do deterioro e desaparición que xa padecemos en servizos esenciais como saúde, ensino, universidades, servizos sociais básicos, Correos,etc., a continuidade destas medidas concluirá o proceso acelerado de privatización e afondará máis na grave situación destes servizos públicos, que afectan non só as condicións laborais do persoal, senón, principalmente, á calidade e atención que reciben todos os cidadáns e cidadás.
Fonte: Avantar